Cabecera experiencia

San Martiño, unha cunca de viño nos furanchos de Moaña

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono
Onde...
Icono Costa Sur Costa Sur
A esencia das tabernas tradicionais das Rías Baixas atópase nos chamados furanchos, locais de tempada nos que se serve viño da casa acompañado de produtos coma castañas, empanada, porco ou tortilla. Para mergullarvos no ambiente destas tascas populares o lugar idóneo é a Festa de San Martiño de Moaña, un evento de Interese Turístico de Galicia. A cita congrega en novembro a miles de persoas que asisten aos actos relixiosos e degustan unhas cuncas de viño branco e tinto.

O barrio histórico de Moaña, ao contrario do que ocorre na maioría das vilas e cidades, está fóra do centro urbano. O centro sitúase á beira do mar, como en todas as vilas pesqueiras das rías galegas que creceron ao redor da intensa actividade dos portos, pero a orixe deste dinámico municipio da comarca do Morrazo atópase na parte alta, concretamente na parroquia de San Martiño. Alí atopamos unha fermosa igrexa románica do século XII e un barrio, o do Cruceiro, no que se mesturan casas centenarias con outras edificadas nas últimas décadas. Ese é o escenario da gran festa na que os furanchos son o punto de encontro de miles de persoas.

Os baixos das antigas casas convértense en tabernas nas que compartir unha cunca de branco ou tinto e degustar castañas, empanada ou tortilla

Cada 11 de novembro os moañeses soben á festa de San Martiño, onde acoden tamén centos de persoas chegadas doutros puntos do Morrazo e do resto de Galicia. Os baixos das antigas vivendas convértense en furanchos, cheos ata a bandeira e cun bulicioso ambiente, nos que grupos de amigos comparten cuncas de viño caseiro acompañadas de produtos típicos galegos. Gaitas, pandeiretas, bombos e pandeiros soan nas tascas, onde os músicos improvisan muiñeiras –o baile tradicional galego– e outras pezas musicais.

A festa de San Martiño arrinca o 9 de novembro e esténdese, case sen descanso, desde a mañá ata altas horas da madrugada durante as catro xornadas seguintes. Xunto aos furanchos, aloxados nos baixos das casas, móntanse na contorna da igrexa grandes carpas con mostradores para servir tamén viño, empanada, tortilla e distintos pratos con carne de porco. En conxunto, o público pode visitar ata vinte tabernas entre vivendas e instalacións ao aire libre. O barrio do Cruceiro convértese nun enorme e multitudinario recinto festivo. 

Varias carpas instaladas na contorna da igrexa, construída no século XII, completan a oferta de tascas populares

A procesión do día 11, festividade de San Martiño, representa o punto álxido da festa. A imaxe do santo é portada desde o templo xunto coa figura da Virxe do Carme, a única de España elaborada cun tronco de carballo dunha soa peza. Centos de persoas abarrotan os laterais da rúa ata o cruceiro que dá nome ao barrio, e desde alí a comitiva volve á igrexa parroquial.

Grupos de música tradicional, bandas e charangas animan o ambiente, e a programación inclúe xogos e outras actividades lúdicas. A verbena nocturna, coa actuación de grandes orquestras de Galicia, atrae tamén a miles de persoas a esta festa na que se rende devoción a San Martiño e ao viño elaborado na casa.

E para completar o día…

Moaña ofrece numerosos lugares de interese para completar a xornada durante as festas de San Martiño, ademais dunha ampla oferta de locais de hostalería de calidade.

Para unha primeira impresión de toda a contorna, un dos mellores lugares é o miradoiro da Fraga. Desde alí gozaredes dunha marabillosa panorámica do municipio e da ría, salpicada de bateas, coa cidade de Vigo en fronte. No centro urbano aconsellámosvos dar un tranquilo paseo pola fronte marítima (a Alameda de Moaña) e gozar de monumentais esculturas coma a do Fisgón. Ademais, se ides con nenos, este espazo dispón dun parque infantil moi ben equipado. Desde alí podedes camiñar sempre á beira do mar ata a praia do Con, de bandeira azul.

O areal de maiores dimensións de Moaña é A Xunqueira, cun sistema dunar recuperado, un paseo de madeira e unha ampla zona axardinada con árbores de gran porte. Se seguides camiñando desde alí en dirección oposta ao centro urbano chegaredes a Samertolameu, tamén cun estupendo parque no que pasar un momento de lecer.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono
Onde...
Costa Sur