Semana Santa nas Rías Baixas: pasos cara a Cangas e Meis

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Primavera
Onde...
Costa Norte    Costa Sur   

Se hai dous puntos neurálxicos da Semana Santa na provincia de Pontevedra, eses son sen dúbida os municipios de Cangas e Meis. Ambas as tradicións, que teñen recoñecido o seu interese turístico galego, son sinónimo de solemnidade, realismo e alta espiritualidade. Revivirás a Paixón de Cristo!

A gran participación é un dos sinais de identidade da Semana Santa de Cangas, no Morrazo, hoxe consolidada e arraigada. A Confraría da Virxe das Dores e da Soidade, a do Santísimo Cristo do Consolo e a da Misericordia teñen a súa orixe no século XVIII. Ao longo dos anos os seus rituais fóronse enriquecendo e deron lugar a unha das postas en escena máis vistosas e artísticas, así como de máis recollemento. Hoxe esta tradición está considerada como unha das máis completas e espectaculares de toda a provincia.

As tallas, que destacan por ser articuladas pero tamén polo seu tamaño e decoración, van precedidas polo paso dos penitentes encapuchados. Estas figuras, practicamente únicas en Galicia, levan ademais o selo do mestre Cerviño, escultor do afamado cruceiro do Hío. Os actos sucédense ao longo de distintas xornadas. Así, o Venres de Paixón supón o inicio da Semana Santa de Cangas, cunha misa e unha procesión, nun trono baixo palio. No Domingo de Ramos os xardíns de Félix Soage son o epicentro da tradición, onde ten lugar a bendición das palmas, punto de partida dunha procesión coa imaxe de Xesús sobre unha burriña.

O Mércores Santo a comitiva parte do templo na procesión da Soidade de María coa imaxe da Virxe acompañada por mulleres da vila e tambores de confrades. O itinerario inclúe a zona vella ou a praza do Eirado do Sinal, onde ten lugar unha ofrenda á Virxe.

O Xoves Santo pola tarde a cruz procesional de prata e ouro preside a procesión da Santa Cea, na que destacan pasos coma A Oración da Horta, A Flaxelación ou A Santa Cea. Baixo palio, a Virxe das Dores pecha a comitiva.

O Venres Santo é o día grande, pois nesta xornada ten lugar a procesión matutina coñecida como A Negación de San Pedro. A continuación, a do Santo Encontro simula o Calvario de Cristo. Neste momento son as imaxes articuladas de San Xoán, a Verónica xunto coas Tres Marías e a Santísima Virxe das Dores as que sorprenden, na zona vella, para atoparse na praza da Constitución co paso do Nazareno, acompañado do Cireneo e de saións romanos. Pola tarde ten lugar a representación do Descendemento, momento en que a imaxe articulada do Cristo se descrava e é depositada nunha urna de cristal aos pés da Virxe das Dores. Emoción e realismo súmanse a unha escena que ten continuidade coas procesións do Santo Enterro e a do Silencio, ás doce da noite. As veas como única iluminación, os tambores marcando o paso e os confrades distinguen este momento.

O Sábado de Pascua ten lugar na igrexa o velorio coas luces apagadas. O día seguinte, o Domingo, ten como protagonista a alegría posta en escena na Resurrección e a procesión do Cristo Resucitado.

En Paradela, Meis, ten lugar outra das celebracións máis coñecidas de toda Galicia. Aínda que non hai certeza sobre a súa orixe, sábese que procede do século XVIII, momento en que se adquiriu unha talla de Xesús. Se antes era no interior da igrexa onde tiñan lugar as representacións –mediante unha talla articulada coa que se poñía en escena o desencravo– hoxe estes rituais saíron á rúa nunha tradición de grande arraigamento desde 1920. O realismo é o principal trazo desta tradición, na que se representan, en vivo e en directo, todas as pasaxes bíblicas da Paixón de Cristo.

Na actualidade, a Última Cea ou a Resurrección do Domingo de Pascua son algúns dos momentos postos en escena neste singular e peculiar evento. Outras escenas relevantes son a bendición do Domingo de Ramos, a representación do Prendemento e Xuízo do Sanedrín o Xoves Santo, a posta en escena das últimas horas da vida de Xesús co viacrucis, o desencravo e descendemento de Xesús ou a procesión do Santo Enterro o Venres Santo, así como a bendición da auga e do lume, a posta en escena da Resurrección de Xesús ou a procesión de Resurrección, xa nas xornadas do Sábado e Domingo de Pascua.

Outras manifestacións na provincia

Pero ademais de en Cangas ou en Meis, a Semana Santa ten outras localizacións clave nas Rías Baixas. Así, en Baiona é posible asistir á conmemoración anual cristiá da Paixón, Morte e Resurrección de Xesús de Nazaré. Por iso, é un período de intensa actividade litúrxica. O Xoves Santo ten lugar a procesión dos Pasos con figuras viventes, e o Venres Santo represéntase o Santo Enterro –ou procesión dos homes–. A da Dolorosa –ou das mulleres– pecha os actos no municipio. No caso de Tui, destacan os do Venres Santo, momento en que teñen lugar o Encontro, o Sermón do Desencravo e a procesión do Santo Enterro.

Pola súa banda, na Guarda ofícianse a misa in cena domini, a eucaristía predicada e a procesión dos Pasos. A Adoración da Cruz ten lugar o Venres Santo, coa procesión do Encontro, o sermón das Sete Palabras e a procesión do Santo Enterro. A da Soidade de María con viacrucis, a vixilia pascual e a misa solemne de Gloria pechan, o Sábado Santo, esta tradición. En canto ás principais cidades da provincia, a Semana Santa de Pontevedra ten a súa orixe no século XV. Na actualidade, asistir a esta liturxia significa vivir momentos tan singulares como a procesión coa imaxe de Xesús entrando en Xerusalén, a do Cristo das Caídas, a de Xesús Nazareno e María Santísima da Esperanza, a da Santísima Virxe da Soidade e Xesús, a dos Pasos, a do Encontro con viacrucis penitencial, a do Santo Enterro ou a do Encontro do Resucitado coa súa nai, a Virxe María.

A Paixón de Cristo tamén pode revivirse en Vigo, onde o Domingo de Ramos ten lugar a procesión da Burriña. O Xoves Santo sae da igrexa do Sacro Corazón a procesión da Paixón, no barrio de Teis ten lugar a do noso Pai Xesús Nazareno e a Virxe das Dores, e en Bouzas a procesión do Nazareno e a Virxe Dolorosa da Reconciliación. Na xornada do Venres Santo, saen á rúa a procesión do Encontro, a da Virxe da Soidade e a do Santo Enterro. 

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Primavera
Onde...
Costa Norte    Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos