Cabecera experiencia

Unha peregrinación a Cambados para honrar a raíña da ría

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Sur Costa Sur

A vieira ten o seu paraíso en Cambados, que cada ano homenaxea este prezado molusco bivalvo nunhas xornadas de exaltación declaradas de Interese Turístico de Galicia en 2013. Hostaleiras e hostaleiros da localidade, este ano nomeada Cidade Europea do Viño, e chefs de renome participan no evento, no que se ofrecen atractivas actividades complementarias para acompañar a degustación culinaria.

Decenas de miles de persoas congréganse no paseo da Calzada na fin de semana máis próxima á festividade da Virxe do Carme (que este ano cae ademais en domingo), para degustar as exquisitas vieiras que captura a frota de Cambados. As xornadas naceron en 2002, tras a alianza da Confraría de Pescadores Santo Antonio e o Concello, e hoxe son unha cita imprescindible que serve de antesala á Festa do Albariño, a principios de agosto. O albariño, viño mundialmente coñecido do que Cambados é o berce, forma co molusco a maridaxe perfecta.

A vianda degústase nas xornadas de exaltación con diferentes preparacións: ao natural, en empanada, ao albariño… Os locais de hostalería súmanse á festa e mesmo organizan degustacións gratuítas con diferentes receitas da súa colleita en formato de petisco ou tapa. Chefs de prestixio con estrela Michelin ofrecen obradoiros gastronómicos e cociñan na carpa do paseo da Calzada. Yayo Daporta, Xosé Torres Cannas, Pepe Solla ou Rafa Centeno puxéronse ao mando dos fogóns en edicións anteriores, e en 2017 farano Inés Abril, Leonor Costiña e Beatriz Sotelo, as tres posuidoras da prestixiosa distinción culinaria. Sen esquecer a tradición, as e os chefs que participan na festa demostran as infinitas posibilidades para converter a degustación da vieira nun auténtico luxo para o padal.

Rutas polos bancos marisqueiros

Ademais, a asociación de mariscadoras Guimatur organiza rutas polos bancos de extracción para que quen queira poida coñecer de primeira man como se colleitan os prezados manxares da ría de Arousa. Outras actividades para todos os públicos e a tradicional verbena complementan a programación que acompaña a degustación na carpa a fin de semana.

En 2017 a Confraría de Santo Antonio, a máis antiga de Galicia, cumpre cen anos, e festéxao cun ciclo de conferencias sobre a súa historia. O feito de que o día grande coincida coas Xornadas de Exaltación da Vieira anticipa unha afluencia masiva ao evento gastronómico de interese turístico, que organiza Porto de Cambados, empresa comercializadora deste saboroso marisco.

Chefs con Estrela Michelin realizan showcookings e o albariño forma co molusco a maridaxe perfecta

A primeira edición das Xornadas de Exaltación da Vieira tivo lugar en 2002, tras a alianza entre a Confraría de Pescadores e o Concello, nun momento no que o sector corría risco de desaparecer ao levar máis dunha década sen poder extraer vieira debido a unha toxina.

A vieira galega é da especie Pecten maximus, que habita en augas atlánticas de ata os cen metros de profundidade, limpas e de alta salinidade. O molusco entérrase en fondos areosos nos que se move coa súa potente musculatura para impulsar a auga entre as súas valvas dando saltos de varios metros de lonxitude. Os exemplares tardan catro anos en alcanzar o talle comercial e os de maior tamaño poden chegar aos 15 centímetros.

Cuncha, símbolo da peregrinación

A cuncha de vieira é o símbolo da peregrinación polo Camiño de Santiago. Existen moitas versións sobre a orixe desta tradición; unha das máis estendidas procede das peregrinas e os peregrinos da Idade Media que levaban a vestimenta característica de quen regresa á casa: bastón, cabaza, capa, chapeu e cuncha de vieira. Esta última impúñase como premio tras alcanzar a meta na catedral de Santiago de Compostela e era unha proba irrefutable de percorrer a Ruta Xacobea, xa que a venda destas cunchas estaba prohibida noutros lugares baixo pena de excomuñón.

O Codex Calixtinus rexistra xa o significado das cunchas e o feito de que as peregrinas e os peregrinos as prendesen nas capas para gloria do Apóstolo.
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Sur