Cabecera experiencia

Un zoom á arqueoloxía desde Pontevedra

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte
O proxecto de Telearqueoloxía do Museo Provincial divulga o patrimonio en formato audiovisual coa implicación de persoas expertas, afeccionadas, escolares e institucións. Os edificios do complexo, un bo punto de partida para coñecer a Boa Vila

Os castros de Santa Trega, A Lanzada, Alobre, os petróglifos de Campo Lameiro e Mogor, a vila romana de Toralla… Recuperar o pasado coas ferramentas do presente e en novos formatos. O Museo de Pontevedra abriu unha xanela á investigación e á divulgación do patrimonio desde un enfoque colectivo e con soporte audiovisual: unha forma innovadora de regresar ás orixes. O complexo museístico, creado pola Deputación en 1927 e actualmente formado por seis edificios, é un interesante punto de partida para coñecer o centro histórico da capital.

Tres ramas conforman o proxecto de Telearqueoloxía:

O Museo creou a denominada Arqueo-rede, que implica colaboradores na investigación e difusión, por unha banda persoas (o bautizado como Grupo Menhir) e por outra institucións (o Grupo Dolmen). Do primeiro forman parte expertas e expertos, docentes e profesionais da historia, das ciencias sociais e da investigación. O segundo está integrado por concellos, universidades, museos, centros de estudos arqueolóxicos e asociacións que impulsan a participación pública mediante diversas actividades.

Os obradoiros formativos, outra das ramas, canalizan parte do traballo e fomentan o interese na arqueoloxía entre as persoas profanas na materia. A súa finalidade é que as persoas participantes aprendan a realizar unha investigación e a transmitila en formato audiovisual. Dentro do proceso ensínase a crear e a editar vídeos a partir de teléfonos intelixentes, tabletas e cámaras. Os centros de ensino inscritos no proxecto, xunto coas instalacións do Grupo Dolmen, acollen estes obradoiros.

Ademais, nos últimos meses realizáronse en diferentes lugares dos concellos da provincia charlas coa participación de expertas e expertos recoñecidos. Especialistas coma Antonio de la Peña, Xosé Álvarez Castro, Beatriz Comendador, Antonio Presas, Álvaro R. Arizaga Castro, José Carlos Sánchez Pardo, Fernando Carrera ou David Fernández Abella, entre outras persoas, achegaron os seus coñecementos e reflexións ao proxecto para afondar sobre o pasado a través das investigacións realizadas e dos restos achados.

Completa a Telearqueoloxía o festival de curtametraxes sobre o patrimonio da provincia, dividido en dúas categorías: Lascas, dunha duración máxima de cinco minutos, realizadas por menores de 18 anos; e Bifaces, dun máximo de 15 minutos, creadas por maiores de idade. Á convocatoria concorreron 49 traballos nos que se combina a creatividade en distintos xéneros, desde o documental ata o thriller, coa difusión dos vestixios do pasado provincial.

Paseo por Pontevedra

O Museo Provincial é un dos lugares de visita obrigada para quen se achega á capital da provincia e atesoura unha colección de máis de 16.000 pezas con fondos que abarcan desde a Prehistoria ata a actualidade. A través deles é posible coñecer a evolución da sociedade galega desde os seus inicios. O complexo garda impresionantes arquivos documentais e gráficos e organiza interesantes exposicións.

As ruínas de San Domingos (séculos XIV-XV) forman parte do Museo e están na lista de lugares que se deben coñecer na Boa Vila. O templo foi construído polos dominicos e no século XVIII tentouse unha reconstrución de estilo neoclásico, que quedou sen concluír. Actualmente consérvase a cabeceira da igrexa e no seu interior pódense admirar sarcófagos, escudos de armas ou sepulturas de personaxes coma o cabaleiro Tristán de Montenegro.

Outra das vantaxes de Pontevedra é a de ser unha cidade eminentemente peonil: o centro pode percorrerse facilmente a pé, o que facilita a visita. O conxunto histórico é un dos máis fermosos e mellor conservados de Galicia e nel destacan as prazas públicas, das que A Ferrería, centro neurálxico da vida da cidade, é unha das máis coñecidas. O seu nome provén das antigas forxas nos soportais que lles fornecían metal aos demais gremios. A praza está unida á da Estrela e aos xardíns de Casto Sampedro.

O convento de San Francisco e o santuario da Peregrina, patroa da provincia de Pontevedra, confírenlle monumentalidade á contorna. A capela da Peregrina, edificada en 1778 e con fachada de estilo barroco con elementos neoclásicos, é un dos edificios simbólicos da urbe do Lérez. No corpo superior poden verse as imaxes de Santiago, San Roque e a patroa vestidos de peregrinos como protectores das e dos fieis que van camiño de Santiago de Compostela pola ruta portuguesa. O convento de San Francisco, construído case na súa totalidade no século XIV, foi declarado monumento histórico-artístico en 1896.

Moi preto atópase a praza da Leña, rodeada de casas típicas e cun cruceiro central. Na contorna está, distribuído en seis edificios, o complexo do Museo Provincial (ruínas de San Domingos, Castro Monteagudo, García Flórez, Fernández López, Sarmiento e Sexto Edificio), ademais da igrexa de San Bartolomeu, edificada entre 1696 e 1714 e de estilo barroco.

A praza de Ourense e a da Estrela, que rodean a da Ferrería, son outros lugares emblemáticos de Pontevedra. Desde A Estrela, cunha fonte central, pódese admirar o pazo dos Barbeito, tamén coñecido como a casa das caras polas figuras que o adornan. Entre os edificios lindeiros resaltan os exemplos de arquitectura modernista, con fermosas fachadas e soportais. A praza do Teucro, a da Verdura, As Cinco Rúas, Méndez Núñez e Mugartegui (ou A Pedreira) son outros espazos públicos representativos no centro histórico que non deberían obviarse nunha visita a Pontevedra.

A basílica de Santa María, iniciada no século XVI a iniciativa do Gremio de Mareantes e declarada monumento histórico-artístico en 1931, é un símbolo relixioso de gran transcendencia na cidade. O seu estilo resulta dunha combinación de gótico tardío e renacemento. A este último pertence a fachada principal, considerada un dos mellores exemplos do plateresco en Galicia.

Para pasear e facer un descanso un lugar ideal é a alameda do arquitecto Alejandro Sesmero, un conxunto do que forman parte o xardín de Eduardo Vicenti e o paseo das Palmeiras. Este espazo foi aberto a principios do século pasado, coa expansión urbana. Alí están tamén o Pazo provincial, sede da Deputación; o IES Valle-Inclán, exemplo de arquitectura modernista; e o monumento aos heroes de Ponte Sampaio.

O animado ambiente do centro histórico convida a probar a gastronomía local nalgún dos seus moitos restaurantes e taperías. Se se trata de produtos frescos o mercado de abastos é un punto de referencia cos seus postos de peixe, carne, hortalizas e queixos.

A Boa Vila ofrece aínda moito máis e o mellor para coñecela é percorrela en persoa. A que esperas?

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Norte