Cabecera experiencia

Unha escapada inesquecible: a costa das Rías Baixas

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte
Este outono avecíñanse algunhas pontes e días festivos nos que poderemos gozar dunha espléndida viaxe. As Rías Baixas son un destino magnífico cunha gran variedade de paisaxes naturais, tanto de interior coma de costa, un grandioso patrimonio artístico e histórico e a mellor gastronomía e vinicultura. Todos estes atractivos fan da provincia de Pontevedra o destino perfecto para facer unha escapada.

Aquí propoñémosche unha guía para gozar de tres días neste marabilloso destino. Visitaremos fortificacións e pazos fantásticos, reservas naturais que nos deixarán preciosas panorámicas, e adentrarémonos na literatura e no silencio dalgúns lugares espirituais. Ademais, acompañaremos todos estes plans coa gran cociña e os mellores caldos desta terra.

Prepara a túa maleta e acompáñanos nesta viaxe de tres días!

Día 1: unha ponte romana, torres de defensa e unha visita palaciana

Comezamos a nosa viaxe en Pontecesures, un dos municipios da provincia de Pontevedra que forman parte do Camiño Portugués . Alí gozaremos dun agradable paseo polo río Ulla, que podemos atravesar por unha ponte romana do século I. Non moi lonxe, atoparemos o Alfolín de Carlos IV, do século XVIII e estilo barroco, que conserva un escudo borbónico na fachada e que albergou antigamente unha fábrica de tabaco.

Seguindo o curso do río Ulla ata a súa desembocadura, onde se funde coa ría de Arousa, chegaremos a Catoira. O seu contorno natural é un dos seus principais atractivos, cheo de paisaxes de bosques frondosos, marismas ou praias fluviais. Un dos lugares máis emblemáticos desta localidade son as Torres de Oeste , que formaban parte dunha fortaleza de orixe castrexa. Esta construción levouse a cabo no século XII para a defensa dos ataques de piratas viquingos, normandos e sarracenos da Ruta do Mar de Arousa a Santiago.

Na actualidade consérvanse os restos de dúas torres e a capela, catalogados como Monumento Histórico-Artístico. Ademais, este é o escenario dunha festa viquinga que recrea a chegada destes ao lugar, a Romaría Viquinga de Catoira , de Interese Turístico Internacional.

Ponte romana de Pontecesures
Torres de Oeste en Catoira

Outro dos atractivos de gran singularidade en Catoira son os muíños de Abalo , moi pouco comúns en Galicia xa que son de vento, mentres que os da maioría da provincia de Pontevedra, incluídos outros na mesma localidade, se movían coa forza da auga. Ademais, os de Abalo teñen un dobre sistema de aspas único en Europa.

Se nos entra o apetito despois de tanta actividade poderemos ir ata Vilagarcía de Arousa e gozar de delicias coma as ameixas do Carril ou os mexillóns das Rías Baixas, que son algúns dos produtos gastronómicos da zona, e acompañalos dun bo viño D. O. Rías Baixas.

Despois de probar a gastronomía da provincia, nesta mesma localidade poderemos visitar algúns lugares palacianos e gozar dun agradable paseo polos xardíns de pazos coma o de O Rial, o de Rubianes ou o de Vista Alegre . Este último é un conxunto arquitectónico que se compón ademais do magnífico convento de Vista Alegre .

Finalmente, tamén en Vilagarcía de Arousa , poderemos realizar unha viaxe ao pasado dunha forma moi singular cunha visita ao cemiterio inglés , o único que recolle o paso da Armada británica na provincia de Pontevedra.

Pazo de Vista Alegre
Molinos de Abalo

Día 2: literatura, unha reserva natural e visita á cidade do Albariño

Neste segundo día iremos a Vilanova de Arousa, onde se atopa a casa -museo do ilustre literato Ramón María del Valle-Inclán. A planta baixa conta cunha exposición que percorre a traxectoria vital e literaria do célebre escritor, con documentación bibliográfica e outros valiosos e interesantes fondos, entre os que destacan algunhas primeiras edicións e manuscritos. O primeiro piso alberga unha colección de mobles propios da época para evocar a casa orixinal. No seu exterior conta cun marabilloso xardín de árbores frondosas e preciosas camelias á sombra dun magnolio de grandes dimensións.

A próxima parada trasládanos ata o único municipio insular da provincia, A Illa de Arousa, á que chegaremos tras atravesar unha ponte de dous quilómetros que cruza a ría e que nos deixa unha instantánea alucinante. Esta illa, cunha fantástica reserva natural e situada en pleno corazón da ría, conta con 11 quilómetros de preciosas praias, coma O Bao ou Area da Secada .

Tampouco podemos perder outros atractivos coma o illote de Areoso, o faro de Punta Cabalo ou o parque do Carreirón , un espazo protexido onde as e os pequenos da casa, xunto co público adulto, poderán gozar das marabillosas coreografías das aves que habitan este lugar. Contemplar unha garza pescando ou o espectacular voo dunha bandada de patos son algunhas das experiencias que se poden vivir neste magnífico lugar.

Faro de Punta Cabalo
Casa museo de Valle-Inclán

Moi preto poderemos visitar Cambados, acapital do Albariño. Esta localidade das Rías Baixas é coñecida pola súa famosa Festa do Albariño , fundada en 1953 e recentemente declarada de Interese Turístico Internacional. O bo viño está servido e neste lugar poderemos atopar un bo abano de bodegas onde degustar estes caldos.

Ademais da ampla oferta gastronómica que ofrece este lugar atopamos unha cociña excepcional no restaurante de Yayo Daporta, galardoado cunha Estrela Michelin. Para acabar a xornada, nada como gozar dun agradable paseo polo magnífico centro histórico da localidade, que nos levará por lugares coma a praza e o pazo de Fefiñáns , ou o de Bazán. Se subimos ao outeiro do monte da Pastora alí agárdanos o cemiterio de Santa Mariña Dozo, un dos máis atractivos e singulares de Galicia.

Ao descender este monte espéranos o pazo de Montesacro , de estilo barroco e con fantásticas vistas ao mar. Finalmente, se continuamos o camiño polo barrio mariñeiro de San Tomé, na illa de San Sadurniño, antigamente coñecida como illa da Figueira, atoparemos un forte medieval do século X, a torre de San Sadurniño , catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC).

Torre de San Sadurniño
Festa do Albariño en Cambados

Día 3: o mosteiro da Armenteira e a gastronomía do Grove ao natural

No noso último día de ruta pola provincia de Pontevedra viaxaremos á natureza máis recóndita dun precioso val no municipio de Meis. Nas proximidades do monte Castrove, inmerso na súa vexetación, poderemos visitar o mosteiro de Santa María da Armenteira , unha hospedería habitada na actualidade por monxas cistercienses. Da súa sobria arquitectura destacan o gran rosetón da fachada central, o magnífico claustro do século XVI e a igrexa do século XII.

Unha lenda sobre a orixe desta construción enche de misticismo este lugar tan fermoso. A crenza conta que un cabaleiro da corte de Afonso VII, co nome de Ero, decidiu edificar este mosteiro, porque así llo pediu a Virxe nun soño, para salvarse da súa incapacidade de ter fillos coa súa muller. Desde este verde val, o seguinte alto lévanos cara á costa do Grove.

Nesta península poderemos gozar dun agradable paseo polo Complexo Intermareal Umia-O Grove, que abarca todo o estuario do río Umia ata Cambados. Este espazo protexido é unha importante reserva ornitolóxica, un sitio ideal para contemplar a migración das aves nesta época. Desde o miradoiro do monte da Siradella obteremos a mellor panorámica deste enclave natural.

Santa María de Armenteira
A Siradella

Se realizamos esta viaxe durante a primeira quincena de outubro poderemos gozar da Festa do Marisco do Grove, de Interese Turístico Nacional e unha das citas gastronómicas máis esperadas. A oferta culinaria desta cita inclúe algúns dos mellores mariscos e comida tradicional galega coma percebes, camaróns, cangrexo real, polbo ou empanada, entre unha ampla variedade de pratos típicos. A música e as actividades para toda a familia están incluídas no programa deste encontro.

Ademais, para quen busque unha gastronomía máis innovadora, nesta localidade das Rías Baixas poderemos visitar o restaurante Culler de Pau, que conta cunha Estrela Michelin. Na provincia hai un total de cinco establecementos con esta distinción e ademais dos dous citados poderemos gozar da alta cociña en Maruja Limón (Vigo) e en Casa Solla e Pepe Vieira, ambos en Poio.

Se aínda temos tempo para completar o noso periplo polas Rías Baixas, visitaremos no Grove a Illa da Toxa, á que se accede a través dunha fermosa ponte. Alí, poderemos coñecer algúns dos seus principais atractivos, coma a capela de San Caralampio , coa súa máis que coñecida fachada de cunchas, e gozar dunha andaina polo paseo marítimo que rodea a illa.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Norte