Unha romaría centenaria inunda Santa Trega

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Sur   
Polo seu estado de conservación. Pola súa extensión. Pola súa localización. Moitos son os motivos polos que, ao descubrir Santa Trega, un a lembra por sempre. A contorna deste espazo arqueolóxico, dos máis importantes das Rías Baixas e de toda Galicia, é escenario, no mes de agosto, dun dos ciclos festivos de máis sona da comarca: a Festa do Monte

Do 7 ao 15 de agosto temos unha cita na Guarda. Neste enclave meridional das Rías Baixas celébrase a Festa do Monte, declarada de Interese Turístico de Galicia e que conta con tres grandes alicientes: o desfile folclórico, a romaría no monte de Santa Trega e a tirada de fogos que marca a fin do evento.

A orixe deste festexo hai que buscala na Sociedade Pro-Monte Santa Tecla, fundada en 1912 por un grupo de emigrantes en América. Este colectivo afanouse no desenvolvemento social, económico e cultural da Guarda. Para iso potenciou os lazos entre ambas as marxes do Atlántico e favoreceu, a través de doazóns, a restauración de lugares sagrados, a mellora da contorna ou dos accesos ao promontorio de Santa Trega.

A máis de 300 metros de altitude, este monte é o espazo máis destacado deste municipio de Pontevedra. O lugar, desde o que se pode contemplar o Miño desembocando no Atlántico, alberga o recoñecido castro de Santa Trega, escavado hai arredor dun século. Este ano cúmprese, precisamente, o primeiro centenario do Museo Arqueolóxico de Santa Trega (MASAT), efeméride para a que a Deputación de Pontevedra organizou unha exposición conmemorativa.

Así naceu esta tradición

Un ano despois da súa fundación, a Sociedade Pro-Monte Santa Tecla quixo festexar o seu primeiro aniversario. Ideou para iso unha festa conmemorativa, nacida como un evento familiar para os socios da entidade en 1913 e convertida na multitudinaria celebración que hoxe coñecemos. Tras 67 anos, esta sociedade disolveuse pero a súa filosofía segue presente, de modo que na actualidade son o Concello da Guarda e a comisión de festas os que cada ano organizan estes festexos.

Sempre a mediados do mes de agosto, a Festa do Monte atrae visitantes de distinta  procedencia, tanto das Rías Baixas coma do veciño Portugal. A música e o ambiente festivo non decaen en ningún momento durante toda a semana. Así, o sábado ten lugar un gran desfile folclórico tradicional. Nel, as persoas participantes parten da alameda para, tras percorrer as rúas do municipio, chegar ao porto. Neste punto, as distintas bandas mariñeiras sitúanse na explanada para participar na coñecida como gran treboada, un rebumbio ao unísono de tambores e bombos. Trátase dunha tradición moi presente no Baixo Miño, onde era frecuente que en cada parroquia existise unha agrupación encargada de facer soar bombos, tambores e gaitas.

Na Guarda danse cita colectivos chegados da comarca pero tamén doutras localidades; en total, unha vintena de bandas mariñeiras, unha trintena de grupos folclóricos e centenares de persoas ataviadas con traxes tradicionais acoden para participar nunha romaría que xa é centenaria. Cabezudos, grupos folclóricos e bandas mariñeiras distribúense por esta orde, formando unha comitiva na que a coñecida como Banda Negra ocupa o papel máis destacado por ser a pioneira, en 1971. O son dos tambores inunda a vila mentres a cor dos traxes o ocupa todo. Cada un destes colectivos, identificados pola súa vestimenta, establécese no seu lugar no monte de Santa Trega.

Xunto a este, hai outro momento de especial significación na Guarda. Ten lugar o domingo, cando romeiros, bandas e familias inician a subida ao monte nunha camiñada duns catro quilómetros. Na cima espera a festa mentres o ascenso se acompaña de música. Unha gran tirada de fogos anuncia o momento da comida, no que ten lugar un encontro campestre entre miles de participantes. Pola tarde celébrase a tradicional xura, instante no que as bandas se comprometen a asistir de novo o próximo ano, e iníciase o descenso, pero deixando tempo para a merenda no parque do Cancelón-O Montiño.

A citania, icona da Guarda

Nun día calquera, Santa Trega recibe decenas de visitantes. Este espazo arqueolóxico das Rías Baixas, un dos máis importantes de Galicia, foi dado a coñecer a principios do século XX, cando a citada Sociedade Pro-Monte impulsou a construción da estrada de acceso. As escavacións comezaron en 1914, e desenvolveuse desde entón un intenso labor de divulgación da riqueza turística da contorna. Declarado Monumento Histórico Artístico, está catalogado como Ben de Interese Cultural.

Desde 2015 a Deputación executa, no marco do programa de posta en valor de xacementos galaico-romanos da provincia, diversas actuacións no monte de Santa Trega. As intervencións céntranse no denominado "barrio de Mergelina", espazo que xa foi estudado a principios do século XX, e comprenden unha escavación arqueolóxica de toda a zona, coa recuperación de materiais e estruturas de enorme interese.

Unha das principais achegas do equipo da Deputación foi a de ampliar a cronoloxía establecida para o xacemento, tradicionalmente situada entre o século I a. C. e I d. C., pero que, cos novos datos, debe retroceder ata o século IV a. C. Está previsto continuar coas actuacións no futuro, dado que en 2018 se realizará o acondicionamento da zona escavada, co obxectivo de garantir a súa conservación e ofrecerlles ás persoas visitantes a posibilidade de contemplar unha gran superficie con novas estruturas.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos