Cabecera experiencia

Visitas singulares: cemiterios históricos das Rías Baixas

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte Icono Costa Sur Costa Sur
Propoñémosche un paseo artístico e histórico polos cemiterios máis singulares da provincia, unha forma alternativa de coñecer non só o pasado, senón as tendencias estéticas que dominaron a arte funeraria de diferentes épocas.

O cemiterio Pére-Lachaise de París, o de Chacarita de Bos Aires, o de Poblenou de Barcelona… Son moitas as grandes cidades do mundo que teñen nos seus cemiterios grandes polos de atracción turística. Algúns camposantos gardan, ademais de información histórica, un interesante patrimonio cultural, por iso non é de estrañar que o Consello de Europa recoñecese en 2010 a Ruta dos Cemiterios Europeos como itinerario cultural.

Na provincia de Pontevedra tamén contamos con algúns cemiterios de interese histórico e artístico nos que podemos atopar pezas asinadas por escultores de renome, memoriais de grandes personalidades e conmemoracións de feitos históricos. Propoñémosche un paseo pola arte funeraria das Rías Baixas a través dos seus camposantos máis significativos: o cemiterio de Santa Mariña de Cambados, o de Pereiró de Vigo, o de San Mauro de Pontevedra, o dos ingleses de Vilagarcía de Arousa, o dos Eidos de Redondela e o de Arcos de Furcos en Cuntis.

Cemiterio de Santa Mariña Dozo, Cambados

Cementerio de Santa Mariña Dozo, Cambados
Cementerio de Santa Mariña Dozo, Cambados

En Cambados, na ladeira do monte da Pastora, atópase un dos camposantos máis pintorescos e bonitos de Galicia, declarado Monumento Histórico-Artístico en 1943 e incluído na Asociación de Cemiterios Singulares de Europa. Trátase do cemiterio de Santa Mariña Dozo, cualificado polo escritor Álvaro Cunqueiro como "o máis melancólico do mundo". O camposanto acolle no seu interior as ruínas dun antigo templo do século XV, mostra do chamado gótico mariñeiro. A nave carece de teito e pódese visitar o seu interior para admirar os seus arcos, tallados con bólas e adornados con esculturas que representan escenas bíblicas. Destaca pola súa singularidade a iconografía dos sete pecados capitais, con curiosas representacións coma a da preguiza, que mostra un home comendo as súas propias feces.

Ao redor do templo amoréanse as lápidas do cemiterio parroquial, no que están enterrados membros da familia propietaria do pazo de Bazán e a esposa e un fillo de Valle-Inclán, que faleceron cando a familia residía en Cambados. Tamén hai algunhas tumbas repartidas polo interior do templo.

En Santa Mariña só se celebra unha misa ao ano, o Día de Defuntos, e é lugar habitual de paso das persoas que visitan Cambados.

Cemiterio de Pereiró, Vigo

Cementerio de Pereiró, Vigo
Cementerio de Pereiró, Vigo

Deseñado polo arquitecto Jenaro de la Fuente, é o camposanto máis grande e monumental de Vigo e é coñecido pola riqueza e calidade das súas esculturas. Na entrada recíbenos un coche fúnebre dos anos 30, o chamado Dodge "Carneiro", encargado no seu día polo Concello e en perfecto estado de conservación.

Os panteóns e monumentos funerarios de Pereiró forman un conxunto artístico interesante e ecléctico, financiado polas familias podentes da cidade e, nalgúns casos, sufragado por iniciativa popular. Entre os principais monumentos destaca a peza dedicada á xurista e escritora Concepción Arenal, unha obra esencial do modernismo galego. Trátase dun monólito asinado polo arquitecto Manuel Gómez Román, que foi levantado polo Concello. Tamén sobresae o mausoleo dedicado aos soldados que faleceron en Vigo tras seren repatriados de Cuba e Filipinas, que mostra a figura dun soldado moribundo. Neste caso, Cruz Vermella encargoulle a obra ao escultor Julio González Pola, ante a conmoción que supuxo para a cidade recibir os homes feridos e falecidos na guerra.

As persoas visitantes tamén quedarán impactadas coa expresividade dunha das esculturas máis interesantes desde o punto de vista artístico, labrada polo escultor Francisco Asorey por encargo da familia viguesa Gil e Sarabia. A obra representa o momento no que a morte leva unha das súas tres fillas, rodeándoa cos brazos por detrás.

Estes son só algúns dos numerosos puntos de interese do cemiterio, no que están enterradas grandes personalidades vinculadas á historia da cidade, coma o heroe da Reconquista, Cachamuíña; os industriais conserveiros Alfageme, Massó e Albo; políticos coma José Elduayen Gorriti, ministro que aboliu a escravitude en España; ou Heraclio Botana, líder obreiro asasinado en 1936.

O Concello editou folletos divulgativos sobre a arte funeraria do camposanto e desde Turismo de Vigo organizaranse visitas guiadas antes de que finalice o ano.

Cemiterio de San Mauro, Pontevedra

Cementerio de San Mauro, Pontevedra
Cementerio de San Mauro, Pontevedra

O cemiterio de San Mauro, o máis grande do concello de Pontevedra, é unha construción neoclásica, deseñada a finais do século XIX polo arquitecto municipal Alejandro Rodríguez-Sesmero, figura clave da expansión extra muros da cidade.

Como o antigo cemiterio de Eiriña quedaba pequeno, proxectouse a construción dun novo camposanto, que se abriría ao público en 1882. Desde entón, o cemiterio sufriu diferentes transformacións, a máis importante, a ampliación dos anos 60, que incluíu o traslado da igrexa románica de San Mamede de Moldes ao seu interior.

San Mauro acolle enterramentos de diferentes épocas e estilos, columnas partidas, baldaquinos e mausoleos de gran riqueza arquitectónica. Entre estes destacan o de Ramiro Trapote, realizado en mármore; o do poeta Andrés Muruais, erixido por subscrición popular; o do escritor e xurista Indalecio Armesto, con simboloxía masónica; e os de Eduardo Vincenti e Dolores Montero, que inclúen bustos en bronce. O camposanto tamén conta cun busto, obra do escultor Francisco Asorey, na tumba do violinista Manuel Quiroga Losada. Outra parada obrigada na ruta artística é o panteón da familia Sánchez Cantón, xa que nel se conserva unha imaxe de san Francisco pertencente á desaparecida capela barroca dos Santos de Mollabao.

Ademais, a instalación funeraria inclúe un recinto civil no que están enterradas as persoas represaliadas no 36, entre elas, o político galeguista Alenxadre Bóveda e o mencionado filósofo Indalecio Armesto.

O Concello de Pontevedra organizou nalgunha ocasión visitas guiadas polo cemiterio para dar a coñecer o seu valor artístico e histórico. Pódese obter máis información sobre os elementos artísticos do cemiterio nun folleto de rutas municipais.

Cemiterio inglés de Vilagarcía de Arousa

Cementerio inglés de Vilagarcía de Arousa
Cementerio inglés de Vilagarcía de Arousa

O cemiterio inglés de Vilagarcía aparece nesta relación non tanto polo seu valor artístico, senón polo seu interese histórico, xa que reflicte a pegada que a Armada británica deixou no porto arousán a principios do século XX. Debido a aquelas visitas dos mariñeiros ingleses, aos habitantes de Vilagarcía de Arousa quedoulles o sobrenome de "ingleses", denominación que segue vixente entre as vilas veciñas da comarca. O de Vilagarcía é tamén o único cemiterio inglés da provincia de Pontevedra; xunto co de Camariñas, son os únicos de Galicia.

O cemiterio Naval Británico, tal e como se denomina oficialmente, foi construído en 1911, preto do cemiterio municipal, para albergar os mariñeiros ingleses falecidos que non podían ser enterrados no camposanto católico, xa que eran protestantes. Trátase dun pequeno recinto que alberga unha ducia de sepulturas e que permanece pechado a maior parte do ano. Os últimos enterramentos producíronse nos anos 70 e corresponderon aos do cónsul británico en Vigo, Alexander Linsay, e a súa esposa, que preferiron repousar en Galicia á súa morte.

Aínda que o camposanto pertence á Armada Británica, o Concello de Vilagarcía actúa de enlace entre esta e algún posible visitante. O camposanto recibe apenas unha media de tres visitas anuais de turistas ingleses atraídos pola historia dos cemiterios británicos. Para coñecelo é necesario contactar co municipio e solicitar visita previa.

Cemiterio dos Eidos, Redondela 

Cementerio de Os Eidos, Redondela
Cementerio de Os Eidos, Redondela

Emprazado no centro de Redondela, o cemiterio dos Eidos foi construído nos anos 30 do século XIX e atesoura tallas e panteóns de gran valor artístico, a maioría de estilo ecléctico. Destaca o panteón monumental do alcalde Ramón Pardo Ferro, no que se erixe unha escultura da fe cos ollos vendados. Tamén é salientable, pola estrañeza da súa simboloxía, o mausoleo dedicado ao procurador Francisco Crespo Rivas, colaborador da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, que inclúe unha columna coroada cunha pirámide e cuxo deseño chegou da Arxentina. Outro enterramento de interese artístico é o da familia San Román.

O cemiterio dos Eidos garda, ademais, o testemuño de feitos históricos. Aquí xacen enterrados nunha fosa común 42 republicanos represaliados durante a Guerra Civil, cuxo recordo permanece en forma de placa homenaxe. Cómpre destacar tamén que neste cemiterio foi enterrado John O'Dogherty, un dos heroes da batalla de Ponte Sampaio, que enfrontou o exército local contra as tropas de Napoleón para tratar de recuperar Vigo e Pontevedra.

O camposanto dos Eidos, que xa non se usa na actualidade, é propiedade municipal e pódese visitar libremente. O Concello acometerá proximamente obras de conservación e restauración dos seus monumentos.

Arcos de Furcos, Cuntis

Cementerio de Arcos de Furcos, Cuntis
Cementerio de Arcos de Furcos, Cuntis

O cemiterio de Arcos de Furcos gañou o apelativo de singular por tratarse do único cemiterio subterráneo que existe en Galicia, a cinco metros de profundidade. Situado nunha preciosa paisaxe ao redor da igrexa de San Breixo, foi construído baixo terra nos anos 40 por razóns prácticas, ante a falta dunha parcela adecuada para ampliar o vello camposanto. Na súa edificación participaron con grande esforzo as veciñas e veciños da aldea, que, ademais de sufragar a obra, colaboraron nos labores de construción, retirando terra e picando e trasladando granito dunha canteira próxima.

Ás catacumbas de Arcos de Furcos accédese a través dunha escaleira que conduce a un conxunto de galerías divididas en dúas alturas, cun total de 60 panteóns e 245 nichos. Os corredores están iluminados con luz eléctrica.

Este camposanto pontevedrés recibe cada vez máis visitantes, atraídos pola curiosidade. A instalación é de titularidade veciñal e habitualmente está aberta.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono
Onde...
Costa Norte    Costa Sur