Xenerais da Ulla, os xinetes do Entroido ao norte da provincia

Buscador

Semanas de elaboración e moito pero que moito colorido distinguen o vestiario dos Xenerais da Ulla. Dacabalo, estes personaxes propios dunha das manifestacións de Entroido máis tradicionais de Galicia déixanse ver estes días na contorna bañada polas augas do Ulla.

En concreto, este orixinal Entroido rural maniféstase nos municipios da Estrada, Vila de Cruces, Silleda, Vedra, Boqueixón, Santiago de Compostela, Teo e Touro. A súa orixinalidade e arraigamento fan del un dos oito entroidos declarados de Interese Turístico de Galicia. Nesta relación figuran outras representacións como o Entroido de Cobres, o de Laza, o de Verín, o de Xinzo de Limia, o Entroido dos Felos de Maceda, o de Viana do Bolo ou o Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda.

Documentados desde mediados do século XIX, xenerais e correos son os personaxes principais desta festa. Estes xinetes percorren distintas parroquias dacabalo mentres entoan "vivas" acompañados dun exército de comparsas e coros. Aínda que dunhas zonas a outras este Entroido presenta pequenas diferenzas, comparte elementos unificadores coma a ornamentación da súa vestimenta ou a representación dos coñecidos como atranques ou altos, que constitúen toda unha batalla dialéctica entre os seus compoñentes. Desde moi novos os xenerais aprenden o xeito destas loitas, na que nada nin ninguén parece estar a salvo: crónicas políticas, amorosas, sociais ou da actualidade local sácanlle máis dunha gargallada ao público.

Crónicas de diversos autores deixan constancia desta tradición: Alfredo Vicenti, García Barros, Neira Vilas ou Bouza Brey escribiron sobre este singular Entroido, cuxa orixe se cre que está ligada aos diversos enfrontamentos armados que tiveron lugar na zona durante o século XIX. As propias roupaxes destes personaxes parecen estar inspiradas nos uniformes militares da época. No caso dos xenerais destaca un peculiar tricornio ou bicornio engalanado con plumas e a rica ornamentación dos cabalos, na cabeza e peito. Pola súa banda, os correos levan camisa con pantalón e gravata, e locen sobre as súas cabezas a coñecida como gorreta, un gorro circular que termina en contas de cores. Abanderados, rei e raíña e coros de mozos e maiores tamén forman parte do séquito habitual dos Xenerais da Ulla.

Cando se pode gozar desta tradición?

Durante todo un mes, xenerais e correos percorrerán a zona da Ulla. Na provincia, os atranques e comparsas poderán gozarse en Lamela (Silleda) o día 18 (ás 18:00 horas). Ao día seguinte será Merza –en Vila de Cruces– quen recolla o testemuño, en concreto desde as 16:30 horas. Haberá que esperar ao sábado seguinte, o 25, para que as coplas soen de novo na Bandeira (Silleda) e Cora (A Estrada), ás 17:30 e 19:00 horas respectivamente. O martes de Entroido terá lugar unha das representacións dos Xenerais da Ulla que habitualmente reúne máis público, a da Estrada con motivo do Entroido municipal, que comeza ás 19:30 horas. Salgueiros, en Vila de Cruces, pecha as actuacións de xenerais e correos na provincia de Pontevedra o domingo 5 de marzo ás 16:00 horas.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Inverno
Onde...
Interior Norte