XXVI Festa da Anguía e Mostra da Caña do País de Valga

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Interior Norte   
Esta localidade das Rías Baixas convértese en centro gastronómico e da augardente de calidade; ofrece, ademais, unha das maiores catas da máxica queimada galega

O río Ulla nace en Lugo, nos montes de Olveda; tras 132 quilómetros desemboca en Catoira, na ría de Arousa, e separa as provincias de Pontevedra e A Coruña. Antes de chegar ao Atlántico pasa polo municipio de Valga, onde teñen lugar as celebracións que se recollen nesta experiencia. E é que se A Estrada celebra a Festa do Salmón no mes de maio, é Valga quen rende tributo a outro dos produtos que este fermoso río acolle nas súas augas, a anguía.

A festa celébrase a finais de verán, concretamente a última fin de semana de agosto, para despedirse do mes ao grande; en 2017 ten lugar do venres 25 ao domingo 27. Tres días nos que a localidade pontevedresa ofrece os diferentes pratos e tapas que se poden elaborar con este manxar, como empanadas, guiso con patacas e anguía frita, rebozada ou en escabeche.

Esta festa culinaria vén precedida por un concurso de tapas no que se anima a participar especialmente á hostalería local. Tras a selección das tapas finalistas, unha degustación popular elixe a gañadora.

A festa, declarada en 2013 Festa de Interese Turístico de Galicia, remóntase a 1989 e, tras algún período de ausencia, cumpre agora a súa XXVI edición.

Augardente tradicional

Como boa festa gastronómica vén acompañada doutra bebida espiritosa popular, a augardente local, o que popularmente e en galego se coñece como caña do país. Se o primeiro festexo é un tributo ao río Ulla, este segundo o é á destilación da augardente tradicional, cando os augardenteiros ían parroquia por parroquia para realizar as destilacións. Durmían nos diferentes alpendres e permanecían alí en función das potadas (enchido e baleirado dos alambiques), unha semana como mínimo, baixo a hospedaxe e a alimentación das persoas que fosen facer as potadas diariamente.

A celebración comezou en 1991 como mostra da augardente destilada en cada unha das súas cinco parroquias: Campaña, Cordeiro, Setecoros, Valga e Xanza. Aínda que as primeiras edicións se realizaron en setembro, finalmente uniuse á Festa da Anguía, polo que aumentou a popularidade de ambas. Actualmente acolle máis de 20.000 visitantes procedentes de toda a península, especialmente de Galicia e Portugal.

Ademais do concurso da anguía, tamén ten lugar outro no que se premian as mellores augardentes de cada variedade: branca, de herbas e torrada. O concurso e a cata teñen lugar durante o venres e o sábado, e o domingo é a entrega de premios.

Máxica queimada

No programa habitual da Mostra da Caña do País existe un espazo especial para a bebida máis máxica e atractiva de entre as rexionais: o sábado á medianoite adóitase realizar unha demostración da popular queimada galega.

Na demostración, que se realiza na hora bruxa e cuxa cata é gratuíta para o público, chegáronse a queimar ata 300 litros de alcol. Esta máxica beberaxe debe ser acompañada dun conxuro para manter afastados os espíritos maléficos, segundo a tradición. A pesar do que se puidese crer, a súa orixe é, en realidade, bastante recente, xa que foi escrito por Mariano Marcos Abalo en 1967. Descoñécese a procedencia da queimada, pero os historiadores rexeitan a idea da súa orixe celta, xa que a destilación non se puido producir ata a introdución dos alambiques polos árabes.

A súa preparación depende do gusto do mestre de cerimonias e pode incluír desde grans de café ata mondas de laranxa ou limón e incluso algo de froita; mentres tanto, a orixinal e preferida polos máis tradicionais segue levando só augardente e azucre.

Actividade cultural

Ademais dos protagonistas destes festexos, a fin de semana vén acompañada de actividades socioculturais. Outras edicións incluíron concertos en apoio de grupos locais no Caña Rock. O domingo é o día principal: pregón, actos institucionais e degustación gastronómica forman parte da súa axenda.

Que ver en Valga

Para quen desexe pasar máis tempo na localidade, pódese gozar dun paseo polos arredores, pola lagoa de Mina Mercedes en Campaña, de orixe artificial como mina ao descuberto e reconvertida de forma natural en lagoa. Un paseo máis longo é o Sendeiro Cuntis-Valga (PRG-21), un percorrido de ata 17 quilómetros entre as dúas localidades, ou a visita ás diferentes fervenzas, coma a de Parafita ou as do río Valga. Para as persoas interesadas na arqueoloxía, en Cordeiro pódese visitar o xacemento de Igrexa Vella, unha das escavacións máis importantes da comarca, que inclúe unha necrópole de orixe gótica.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Interior Norte   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos