Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa

Buscador
Gozar con...
Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Norte   
Mestura de tradición relixiosa e pagá, a Festa da Auga e as festas de San Roque enchen esta localidade de dez días de celebracións, ás que cada vez asisten máis persoas curiosas chegadas de todas partes do país.

En case corenta anos Vilagarcía de Arousa viu como un berro espontáneo en metade dunha celebración pedindo auga á veciñanza se transformou nunha tradición que xa logrou a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional. Como tal, copa os medios de comunicación ese día grazas ó que ten de curiosa.

Cada mediodía do 16 de agosto a capela de San Roque recibe ó seu santo, levado en procesión desde a igrexa parroquial de Santa Olaia. Unha vez entra, de costas á igrexa e mirando sempre ás persoas fieis, empeza a festa.

Concello e igrexa non estaban de acordo ó principio, pero terminaron por aceptala e integrala nas festas de San Roque, converténdose en protagonista absoluta e no evento que máis poder de convocatoria ten nestas celebracións. Tras a lectura do pregón as rúas convértense nunha ducha colectiva coa axuda do corpo de bombeiros, protección civil e a propia veciñanza armados desde as xanelas e balcóns das súas casas con caldeiros e mangueiras.

Outra das procesións é a de San Roque Pequeno, que xa conta con máis de 100 anos de tradición. Ten lugar a véspera da Festa da Auga no propio barrio de San Roque e organízaa a veciñanza, tras desprazar a festa oficial á alameda e ó peirao. Durante a procesión vespertina, ás 8 da tarde, trasládase o santo á igrexa parroquial. As persoas que o portan levan traxe branco e faixa vermella e van acompañadas do cura e as autoridades.

Como toda festa que se prece en Galicia, vai acompañada da súa exaltación gastronómica, neste caso da ameixa de Carril. Celébrase desde 1992 e degústanse máis de 2.000 quilos de ameixas á mariñeira.

O peche das festas patronais póñeno o combate naval e o desfile de carrozas. O primeiro é un dos espectáculos pirotécnicos máis importantes da provincia de Pontevedra mentres que o segundo consiste nun desfile de charangas, grupos de animación e pasacalles con música tradicional. Atraccións, verbenas, concertos, actividades deportivas e salóns gastronómicos completan os días grandes de Vilagarcía de Arousa, nunha perfecta simbiose entre relixión e lecer.

Gozar con...
Grupo Familia
Cando ir...
Verán
Onde...
Costa Norte