As illas das Rías Baixas

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Primavera Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur   
Un parque nacional, seis illas en tres rías e lendas e historias fan das Rías Baixas o destino ideal se viaxar en barco e cruzar pontes forma parte dos teus plans de vacacións

"Non é o Caribe, son As Rías Baixas" é unha frase común nas redes sociais; as súas praias de augas transparentes e area fina compártense mundialmente en forma de fotos e vídeos. O verán de 2007 pasou á historia para as Illas Atlánticas grazas a un artigo no xornal británico The Guardian, no que se cualificaba Rodas como "a praia máis bonita do mundo". No verán de 2015 sucedeu algo parecido, pero a autora do fito foi unha gaivota. Un vídeo de YouTube deu a volta ao mundo e ensinou as illas Cíes desde o pico da ave, que roubou, gravou e devolveu a cámara cunha destreza envexable.

No vídeo pódese apreciar unha magnífica panorámica dunhas illas que van gañando cada vez máis protagonismo e que se converteron na primeira recomendación se o destino son As Rías Baixas. Accesibles desde os portos de Vigo, Baiona e Cangas, pertencen ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e comparten valores naturais e culturais co arquipélago de Ons , Sálvora e Cortegada.

Pero, ademais da paradisíaca praia de Rodas e das paisaxes inesquecibles desde os seus cantís, o arquipélago de Cíes esconde experiencias que xustifican a importancia de visitalo nunhas vacacións nas Rías Baixas: a posibilidade de acampar nun dos seus piñeirais, unirse ao resto de campistas para ver a posta de sol e abrir a tenda para ver amencer; fondear nas súas augas e practicar submarinismo para descubrir que o verdadeiro tesouro se atopa nos fondos, dunha gran diversidade de fauna e flora mariñas; ou percorrer as illas polas súas rutas de sendeirismo, para coñecer o resto das súas praias, menos frecuentadas que a famosa Rodas.

Vigo conta con outra pequena illa, Toralla, unida á terra por unha ponte, accesible para turistas tan só a pé. É de uso residencial e conta con dúas praias duns 200 metros de longo, especialmente recomendables os días nos que sopra vento do nordeste.

Ao fondo da ría de Vigo poderás visitar o arquipélago de San Simón e imaxinar a magnitude da batalla de Rande ou o seu pasado como lazareto, cárcere ou retiro espiritual. Dúas pequenas illas, San Simón e San Antón, unidas por unha ponte de pedra, acollen actualmente cursos, congresos ou o xa recoñecido festival de música Sinsal. Unha excursión que, sen dúbida, non esquecerás.

Na ría de Pontevedra, A Illa de Ons mostrarache outra cara do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Nela tamén poderás acampar e realizar rutas de sendeirismo cunha pequena diferenza, e é que as e os campistas non serán as únicas persoas coas que te podes cruzar mentres paseas. A xente nativa de Ons acolle desde hai décadas o turismo, atraído por un ambiente moito máis libre, o que lle valeu o apelativo da illa hippy. É imprescindible probar o polbo e achegarse ao Burato do Inferno.

A terceira das illas do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, se continuamos cara ao norte, é Cortegada. No interior da ría de Arousa, separada por apenas 200 metros da costa do Carril, atópase este arquipélago especialmente frondoso, con carballeiras, piñeirais e, sobre todo, un importante bosque de laurisilvas. Pequenas lagoas, unha antiga ermida abandonada, terras de labradores que xa non se traballan e un cruceiro forman parte da paisaxe desta zona.

Para descansar rodeado do luxo dun hotel cinco estrelas e os coidados dun balneario, o teu destino ideal é A Illa da Toxa. Coñecida polo manancial de augas termais e a fábrica de xabóns, a illa creceu como destino turístico e residencial no século XX. Tamén poderás gozar de paseos polos xardíns, visitar a capela de San Caralampio (cuberta na súa totalidade por cunchas de vieira) e practicar no seu campo de golf de nove buratos. Para chegar só terás que cruzar a ponte de estilo modernista que a une ao municipio do Grove, ao que pertence.

O illote do Guidoiro Areoso atópase dentro da zona natural protexida pertencente á área da Illa de Arousa. Con tan só 9 hectáreas de area branca, con vexetación e restos megalíticos na súa parte alta, é un lugar ideal para practicar deportes coma kaiak ou snorkel.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Primavera Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos