Cabecera experiencia

Restos dos nosos antepasados no Morrazo

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Sur Costa Sur
A separación natural entre as rías de Vigo e de Pontevedra avanza corenta quilómetros introducíndose no mar ata case alcanzar as illas Cíes. As chamadas "illas dos deuses" compartían advocación pagá con outros territorios de Rías Baixas na época na que foron designadas desta maneira. O Morrazo aínda testemuña cos seus restos arqueolóxicos os puntos sacros onde habitantes da antigüidade erixían os seus altares.

Moi preto da praia de Mogor, no municipio de Marín, atópase un dos petróglifos máis recoñecidos de Galicia: o labirinto de Mogor, que chegou aos nosos días nun bo estado de conservación, con máis gravados rupestres ao seu redor. Á gran roca, A Pedra dos Mouros, accédese por unha pasarela acondicionada para observar esta arte sen danala.

Estes gravados gardan semellanzas con outros atopados noutros puntos do norte de Europa e existen moi diversas teorías sobre cales poden ser os seus significados: marcas xeográficas, delimitacións territoriais, homenaxes aos deuses…

No municipio veciño de Moaña, entre os montes de Domaio e Gagán, hai unha zona chamada "Chan" pola chaira creada entre ambas as elevacións. Hai máis de cinco mil anos neste lugar levantouse un monumento funerario, chamado Chan de Arquiña. Este dolmen atópase actualmente semisoterrado e pódense observar os restos da mámoa que o cubría. Dezaseis pedras en total compoñen esta tumba primitiva, na que se acharon vasos de cerámica, machadas e coitelos durante as escavacións realizadas en 1953.

Un dos lugares máis fotografados e máis visitados é o miradoiro do monte do Facho, no municipio de Cangas. Desde alí a vista domina a ría de Vigo, a de Pontevedra, os cantís das illas Cíes e as praias de Ons, ata a baía de Baiona e a península do Grove.

A 160 metros sobre o nivel do mar, o monte do Facho sitúase na aldea de Donón. A súa posición xeográfica fixo deste lugar destino e parada de varias civilizacións ao longo da historia. Tendo en conta que tiñan ante si un dos mellores miradoiros das Rías Baixas o lugar era o idóneo para situar un templo relixioso, converténdose nun dos primeiros lugares de peregrinación da costa atlántica. 

Unhas 174 pedras (aras) levántanse na ladeira leste do monte. Os seus gravados fan referencia ao ofrecemento a un deus, co seu nome cicelado na súa superficie e en ocasións o nome da persoa á que se lle dedica. Estes altares votivos funcionaban á maneira dos exvotos e o destinatario da fe posta neles é o deus Berobreo. Algunhas atópanse na Área Arqueolóxica do Museo Quiñones de León (Vigo). Ademais destes altares o poboado castrexo de Beróbriga conta con case cincuenta castros circulares, habitados desde o século IV a. C. ata o I a. C.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos