Mmm!!! Encántame o cocido de Lalín

Buscador
Prato típico en toda Galicia en canto chega o outono. Se queres gozar del, o domingo previo ao Entroido é a data que debes anotar no teu calendario para visitar Rías Baixas e, máis concretamente, Lalín.

Institucionalizado en 1969 grazas á proposta conxunta de seis alcaldes da comarca de Deza, a súa capital, Lalín, acolle durante días as celebracións ao redor da cultura do cocido. Ademais de desfiles e charangas, o Campo da Feira Vella énchese de postos onde podes adquirir produtos de calidade garantida. Ao mediodía os numerosos restaurantes da localidade ofrecen o prato estrela da maneira máis tradicional.

Cada vez máis mediática, sobre todo grazas á elección da persoa encargada do pregón, que adoita ser unha personaxe célebre nacional, o auxe que viviu os últimos anos permitiulles ás persoas de fóra degustar e coñecer as peculiaridades que o distinguen doutros cocidos de España, coma o maragato, o lebaniego, o de escullera, o montañés ou o madrileño.

Para ir abrindo o apetito podes imaxinar un prato cos seguintes ingredientes, segundo a receita oficial: patacas, fabas, garavanzos, grelos, chourizos ceboleiros e chourizos de Lalín, lacón, espiñazo, costela, tenreira e galiña, cacheira, rabo, morro, lingua, touciño, unto e orella. A preparación comeza varios días antes e a cocción dura toda unha mañá, na que os vapores quentan todas as casas e restaurantes da capital de Deza.

Pero as celebracións comezan moito antes. Desde o 15 de xaneiro, día de San Amaro, ata o 14 de febreiro, día de San Valentín, Lalín vive o mes do cocido, durante o cal máis de 30 restaurantes lles ofrecen a diario este saboroso prato aos seus comensais, que poden chegar a ser cerca de 5.000 ao día.

Quen non se atreva cun prato de cocido pode iniciarse co concurso de tapas e petiscos "Os bocadiños do cocido".

O día da matanza unha das 51 parroquias de Lalín ocúpase de que esta se faga mantendo as antigas tradicións, converténdose nunha actividade cultural e veciñal. A seguir ofrécense degustacións dos produtos típicos que se comen nese mesmo día. A visita pode ampliarse coñecendo as aldeas de Doade e Zobra, ou lugares como A Casa do Patrón, na que se pode observar a maneira antiga dos oficios e dos coidados dos animais, básicos na vida familiar das aldeas galegas.

Por todo isto, esta celebración diferénciase doutro tipo de festa gastronómica grazas ao seu carácter etnográfico e xenuíno e, ao mesmo tempo, grazas á hospitalidade que a xente do lugar lles ofrece ás persoas que acoden cada ano atraídas por algo máis que a gastronomía. Nesta festa de inverno, antesala do Entroido, poderemos degustar estes saborosos pratos de cocido na mellor compañía.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Inverno
Onde...
Interior Norte   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos