Cabecera experiencia

Tralas pegadas do Colón galego

Buscador
Gozar con...
Icono Parella Parella Icono Grupo Grupo Icono Só Icono Familia Familia
Cando ir...
Icono Outono Outono Icono Inverno Inverno Icono Primavera Primavera Icono Verán Verán
Onde...
Icono Costa Norte Costa Norte Icono Costa Sur Costa Sur
Fronte á crenza tradicional da súa orixe xenovesa ou catalá, renace con argumentos de peso a teoría do Colón galego, criado en San Salvador de Poio, concretamente. O percorrido polos puntos chave para defender esta teoría levarate a diversas localizacións nas rías de Pontevedra e de Vigo dedicadas ao personaxe e ás súas fazañas.

No municipio de Poio, que limita co de Pontevedra, abriuse en 2010 a Casa Museo de Cristóbal Colón, un espazo de nova creación, suposto lugar de orixe do mariño, onde, a través de pantallas, maquetas, bibliografía e vídeos, se xustifica a teoría sobre o seu nacemento neste municipio.

Fronte á Casa Museo atópase un cruceiro que ten na base o emblema dos corsarios, a cruz dos piratas, o que lle deu o apelativo popular de "Casa da Cruz".

Este apelativo foi pasando de xeración en xeración como o referido ao lugar onde se criou o navegante e obtivo relevancia como evidencia da súa orixe pontevedresa grazas a unha fotografía de principios do século XX que mostra unha inscrición na que se pode ler "Juan Colón, 1490".

Esta e outras probas e exemplos converterante nun defensor máis desta teoría que mestura historia familiar, tramas políticas e a ambición de quen posúe os coñecementos para navegar e consegue os medios para alcanzar o seu soño.

Xa na cidade de Pontevedra, observarás a presenza de Colón na fachada da basílica de Santa María a Maior, en forma de busto, a carón do rosetón da fachada principal, xunto a outro navegante ilustre, Hernán Cortés.

A continuación poderás desprazarte ao sur da ría de Vigo, á vila de Baiona, para visitar o Museo da Carabela Pinta. Trátase dunha reprodución da carabela capitaneada por Martín Alonso Pinzón que o 1 de marzo de 1493 atracou no porto de Baiona. Esta localidade foi o primeiro porto de Europa que recibiu a noticia do descubrimento de América.

En 1992, con motivo da conmemoración do V Centenario do Descubrimento, construíuse a réplica da embarcación que permanece amarrada nun dos peiraos do porto deportivo da vila. Accesible a pé por unha pasarela, é unha de principais atraccións do paseo marítimo de Baiona, xunto ao parador na península de Monterreal, á esquerda, e ás galerías de arquitectura tradicional costeira, á dereita.

Cada primeira fin de semana de marzo (ou última de febreiro, dependendo da proximidade do día 1 de marzo) celébrase a festa de Interese Turístico Internacional da Arribada, que recrea as escenas vividas hai máis de cincocentos anos e transforma o conxunto antigo de Baiona nunha vila medieval. 

Más información:

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos