As primeiras cidades de Rías Baixas: pobos castrexo e romano

Buscador
Poboados máis ou menos grandes xurdiron no noroeste peninsular en forma de castros e moitos sobreviviron ata a chegada do Imperio Romano. Este patrimonio pódese admirar en museos ou visitar nos xacementos que existen en Rías Baixas.

Os castros

Na etapa da denominada cultura castrexa (s. IX a. C.-I d. C.), os poboados adoitan situarse en lugares altos e estratéxicos, co fin de divisar os territorios fronte a un posible ataque. Na actualidade estas localizacións danlle un plus á visita.

Os recintos destas construcións denominadas castros, ou citanias, cando o seu tamaño era considerable, estaban amurallados e rodeados de fosos, contiñan vivendas moi pequenas, construídas con pequenas pedras, de planta circular e tellado de palla. A disposición das casas era totalmente irregular, adaptándose ao terreo.

O máis impoñente e dos maiores e mellor conservados, cunhas impresionantes vistas da desembocadura do río Miño, é o castro de Santa Trega, no municipio da Guarda, xusto na fronteira entre España e Portugal. Datado entre os séculos I a. C. e I d. C., as primeiras escavacións realizáronse en 1913 de maneira fortuíta. Está rodeado dunha muralla con dous accesos, ao norte e ao sur, e componse de construcións circulares pero tamén rectangulares. Neste castro pódense visitar dúas delas reconstruídas e o museo para coñecer máis sobre o xacemento, ademais de pasear polo poboado.

No extremo oeste da península do Morrazo, na parroquia do Hío (Cangas), a excursión en busca do Castro do Monte do Facho levarache ao alto desta montaña, desde onde se divisan unhas espectaculares vistas das illas Cíes e das Ons. As prospeccións mostran que o asentamento foi extenso, temporal e xeograficamente, cunha primeira ocupación, da que apenas temos información, e que iría aproximadamente do s. X ao VII a. C, e unha máis moderna que podemos apreciar grazas ás últimas escavacións e que abarca do s. VI ao I a. C. Tras a romanización as persoas que o habitaban abandonan o cume e no seu lugar erixiuse o santuario de Berobreo, dedicado a este deus lar ao que en nome do cal se consagraban aras votivas que poboaban a ladeira do monte (atopáronse máis de 160) e cuxas réplicas podemos apreciar no propio xacemento (existen orixinais no Museo de Pontevedra e no Museo Quiñones de León en Vigo). Máis tarde, coas continuas incursións piratas, no século XVII a cima recuperou a súa natureza vixiante coa construción dunha curiosa garita que aínda se conserva.

No norte da provincia, no municipio de Ribadumia, atópase o monte do Castro, tamén chamado castro de Besomaño, un ben catalogado cun bo estado de conservación. Nel atopáronse varias ferramentas, armas e evidencias que fan supoñer un abandono tras un grande incendio no s. I d. C. (quen sabe se froito dun combate), aínda que continúan as escavacións no xacemento para deitar máis luz sobre o misterio que rodea a este emprazamento.

Na vila termal de Cuntis atopamos o Castro de Castrolandín, da segunda metade da Idade de Ferro, do século II a. C. Grazas a tres fases de escavación podemos determinar que nel poderían vivir unhas cen persoas e estaba defendido por unha fosa cun gran muro de terra.

A cidade de Vigo recuperou estes últimos anos dous castros situados en dous lugares que merecen unha visita por si mesmos: o Castro de Vigo, no monte do Castro, o punto máis elevado do núcleo urbano, no cal se recuperaron varias vivendas e desde onde se poden divisar unha das mellores panorámicas da cidade. Dentro das instalacións do Museo do Mar de Galicia atópase o Castro de Punta do Muíño do Vento, xusto na zona externa do que foi unha antiga fábrica conserveira e o antigo matadoiro da cidade, recuperado polo arquitecto César Portela como museo e situado nas inmediacións da praia de Samil, importante reclamo turístico da cidade.

Ademais destes castros destacados, existen outros moitos en Rías Baixas, como, por exemplo, o Castro do Alto dos Cubos, en Tui, o Castro da Subidá (ou Cividá) en Marín, o castro das Croas (Pontevedra), o castro da Lanzada (Sanxenxo) e o Castro de Alobre (Vilagarcía de Arousa). Deixando a costa, no interior da provincia tamén te sorprenderán importantes construcións: o Castro de Toiriz en Silleda, rodeado de numerosas lendas populares; o Castro de Troña en Ponteareas, de marcado urbanismo e famoso polo petróglifo da Serpe de Troña; o castro do Alto da Cruz do Castro en Cotobade, onde se pode apreciar a existencia de vivendas de base rectangular, sinal de asentamento galaico-romano sobre o castrexo ou prerromano orixinal. Sen ningunha dúbida, toda unha viaxe ao pasado.

Os asentamentos romanos

A xente que habitaba os castros cedeu ao avance das tropas romanas. Algúns deles foron romanizados (por iso a presenza de construcións cadradas nalgúns castros) mentres outros foron abandonados, xurdindo novas poboacións ao pé da costa ou nos vales fluviais sen dúbida favorecidas pola seguridade que propiciaba o imperio e os costumes, usos e arquitectura romanas.

Moitas vilas e cidades actuais teñen a súa orixe nestes núcleos, pero tamén existen diversos restos arqueolóxicos de asentamentos e edificacións de carácter industrial, algúns deles musealizados, que nos farán gozar da pegada que a romanización deixou nesta parte da antiga Gallaecia.

En pleno centro da cidade de Vigo pódese visitar o Museo das Salinas (Salinae), os restos da antiga fábrica de sal construída ao bordo da ría e que operou entre os séculos I e III d. C. Unha auténtica viaxe a un pasado non tan afastado onde se poden comprobar os avances que produciu esta civilización e que sentaron as bases de gran parte da vida industrial das Rías Baixas. Ademais das salinas musealizadas en Rosalía de Castro, tamén na cidade olívica se atopa a Vila Romana de Toralla. Recentemente aberta e visitable, o xacemento atópase nunha zona axardinada da praia do Vao. Conta cunha vivenda principal, dependencias para o servizo, almacéns e celeiros.

Na península do Salnés poderás pasear entre importantes restos romanos a pouca distancia uns dos outros. Trátase do xacemente da Lanzada, en Sanxenxo, e o de Adro Vello, en San Vicente do Grove. O primeiro, restaurado en 2010, contén unha factoría de produtos mariños, varias cabanas castrexas e restos dun poboado galaico-romano.

En Adro Vello verás restos de edificacións de distintas épocas, superpostos, entre os que se atopan tanto romanos, como alto e baixomedievais e da Idade Moderna (XVI-XVIII). Sobre unha factoría de salgadura de hai 2.000 anos construíuse unha vila romana. Tras esta veu a igrexa visigótica, trasladada polos ataques piratas continuados. Desta época é o nome de Adro Vello. Na Idade Media comezou a usarse como lugar de enterramento, tal e como testemuñan as numerosas laxas sinxelas. No Medievo tamén se construíu unha torre defensiva da que se conserva a base de planta cadrada, pero continuou usándose como cemiterio ata o século XVIII.

Para finalizar o noso percorrido, no municipio de Valga atópase o xacemento da Igrexa Vella. A súa continuidade levaravos desde a época romana ata a Idade Moderna. Restos funerarios, industriais e de muros dan paso aos dunha igrexa basilical, á que seguiu unha segunda máis grande.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Norte    Costa Sur    Interior Norte    Interior Sur