Combarro, o centro histórico máis diminuto de Galicia

Buscador
A súa localización, escondida nun recuncho da ría de Pontevedra, facilitou que a súa arquitectura e urbanismo do século XVIII chegasen intactos ata o século XXI. Pero Combarro é moito máis ca os seus 30 hórreos dispostos sobre a costa.

A uns seis quilómetros de Pontevedra atópase a parroquia de Combarro, pertencente ao municipio de Poio. A pegada marítima déixase notar en cada un dos elementos característicos da arquitectura civil e relixiosa deste pequeno conxunto arquitectónico.

Comezando na praza de Chousa, as vistas da costa de Poio e da illa de Tambo dan paso ao interior do casco antigo. Construído sobre un bloque granítico, algunhas das casas están cimentadas sobre el e foi parte do material de construción do lugar.

Os tres elementos fundamentais que se poden observar son:

Os cruceiros: os estudos de antropoloxía falan dun culto precristián que se comparte con rexións celtas da Bretaña francesa ou Irlanda. Protexían cruces de camiños onde se cría que se realizaban reunións de meigas, converténdose en lugares seguros. Os cruceiros de Combarro contan coa particularidade de que a figura da virxe tallada neles mira sempre cara ao mar, salvo no que está na praia de Padrón, pola que se pode camiñar só cando a marea está baixa.

A rúa de San Roque conduce á igrexa do mesmo nome, do século XVIII, cun cruceiro onde se distingue a figura de san Roque co seu inseparable can, San Roquiño.

O segundo elemento distintivo de Combarro son as casas mariñeiras: na rúa A Rúa poden verse casas pegadas, coa división típica que situaba a vivenda na planta superior e a inferior destinada a almacén para utensilios de pesca e agrícolas. Algunhas delas contaban cunha marca diferenciadora que era a solaina, un balcón en pedra de inspiración barroca que terminaba en escaleira. A xente do mar normalmente construíao con madeira ou ferro forxado, pintándoo coas mesmas cores coas que pintaban as súas barcas. Todos eles estaban orientados ao mar. Curiosamente existe unha rúa chamada A Rúa Cega, na que as casas non están orientadas cara á costa. Isto podía deberse a que aquí primaban os labores do campo, xa que o ancho das portas estaría adaptado para que os carros puidesen pasar por elas.

O terceiro elemento non podía ser outro: o hórreo, intimamente asociado á imaxe de Combarro. Hai uns 60 en toda a localidade e son 30 os que están aliñados xunto á costa.

Desde a praia de Padrón pódese observar todo o litoral de Marín, Poio e Combarro con estes antigos almacéns e despensas perfectamente situados. Aquí gardábanse os alimentos, tanto os do campo e as carnes coma o peixe. A localización na costa facilitaba o transporte desde as terras da outra beira da ría, evitando os camiños interiores e realizando a descarga desde o mar. Foron tamén unha atracción constante para os moitos piratas que ata aquí chegaron.

Chegando ao peirao, antigo lugar de intercambio e venda de peixe, séguese pola rúa A Rúa, a máis comercial, e sóbese A Gurita, unha roca granítica á cal se lle deu forma de escaleira. Finalmente, o percorrido acaba de novo na praza de Chousa.

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Sur   
Recursos da experiencia
Recursos da experiencia
Recursos próximos
Recursos próximos