Se tes dúas horas, Sanxenxo agarda por ti!

Buscador
Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Norte   

En moitas ocasións, a falta de tempo convértese no motivo perfecto para dicir que non a múltiples posibilidades turísticas e para renunciar a coñecer novos destinos ou redescubrir os xa visitados. É probable que, por esta razón, nin sequera penses en plans e propostas que non requirirían de espazo reservado na axenda, xa que é suficiente un pequeno intervalo de tempo para gozalas e vivilas. Con esta premisa, o Concello de Sanxenxo acaba de impulsar unha ruta destinada a coñecer o principal patrimonio histórico do municipio. Pasearás polas súas rúas, viaxarás ao pasado, mergullaraste no seu proceso fabril e descubrirás o encanto rural dalgúns dos municipios turísticos por excelencia de Galicia. Non poñas día, só reserva dúas horas.

"Sanxenxo en dúas horas" presenta unha ruta practicamente circular con nove paradas, que detallamos a continuación:

  1. Sairás da Lanzada. Neste punto atoparás a capela románica –coa súa torre defensiva– e o xacemento arqueolóxico, no que se traballa actualmente. Neste lugar consérvanse elementos clave que permiten coñecer séculos e séculos da nosa historia.
  2. Deixando á esquerda o xacemento arqueolóxico encamiñaraste cara aos muíños de Major, recentemente rehabilitados. Trátase de tres pequenos muíños que, ata non hai moito, empregaban as veciñas e os veciños da zona para as súas tarefas diarias Estas edificacións xogaban un papel primordial nos hábitos de vida da zona de hai só unhas décadas, do mesmo xeito que no resto de Galicia.
  3. En dirección á localidade de Portonovo este sendeiro detense no coñecido como priorado de Arra. Dependente do mosteiro da Armenteira, hai aproximadamente 400 anos esta construción era a residencia do prior e a ela acudían as veciñas e veciños para o pagamento dos seus tributos. Actualmente é de titularidade municipal.
  4. O Campo de San Roque supón o cuarto escenario deste camiño. De novo, unha capela –a de Santa Catarina– espérate para darche a posibilidade de coñecer un templo mariñeiro do século XVII nun espazo no que destaca tamén o cruceiro.
  5. Neste momento entrarás no centro de Sanxenxo para achegarte ata o Templo Vello. Con máis de 500 anos de antigüidade, a edificación vese realzada polo seu campanario, unha gran torre barroca. No seu exterior, a contorna empedrada acentúa a beleza do conxunto.
  6. Bordóns e Dorrón, na saída do municipio cara a Pontevedra, son as seguintes parroquias que visitarás. A gran riqueza patrimonial que atesouran é o principal motivo para tomar esta decisión, pois poderás contemplar o cruceiro de Bordóns e o castro de Dorrón, que está sen escavar. Non esquezas contemplar tamén os hórreos de ambas as localidades.
  7. Despois de velos diríxete a Nantes. A capela, do século XV, conserva na súa fachada unha escultura en pedra que representa dúas vacas. Ademais poderás achegarte ao Con da Romaíña, formación rochosa con gravados.
  8. Nesta etapa estarás no penúltimo destino dunha ruta que iniciarías hai pouco máis dunha hora. Achegaraste a Gondar e visitarás a capela de San Tomé. Con bóveda de canón e planta rectangular, podes aproveitar para facer un descanso mentres gozas da contorna.
  9. Finalmente, chegarás a Vilalonga. Nesta localidade poderás coñecer A Telleira, unha antiga fábrica de ladrillo convertida en centro de interpretación. O complexo intermareal Umia-O Grove espérate a poucos pasos. Non esquezas elevar a vista cara ao ceo, a zona é hábitat de numerosas especies ornitolóxicas.

Como colofón, esta ruta complétase cun concurso de fotografía impulsado polo Concello de Sanxenxo e cuxas bases están dispoñibles na web municipal. Este ano visitar e retratar a localidade ten premio!

Gozar con...
Parella Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Norte