Os "hobbits" da Illa da Toxa

Buscador

A Aldea dos Grobits, inspirada en O señor dos aneis, é un dos parques máis orixinais para as nenas e nenos nas Rías Baixas. A Illa da Toxa alberga o fogar destes parentes afastados dos hobbits. Segundo a lenda, os grobits viven nas profundidades das augas termais, saen á terra, vagan entre os piñeiros e dormen en minicasas semisoterradas.

Estes seres fantásticos que habitan a Illa da Toxa, no concello do Grove, teñen aparencia de hobbits, aínda que viven baixo terra coma os ananos. As pequenas casas da aldea, situada nun parque forestal de 210.000 metros cadrados, serven de residencia aos grobits cando deciden subir á superficie, segundo a crenza popular. No panel do recinto pode lerse: "Soben e baixan entre os piñeiros coma esquíos, e cando se cansan entran e descansan".

A aldea é en realidade un dos parques máis imaxinativos das Rías Baixas para pasar unha xornada en familia. As casas en miniatura están feitas á imaxe e semellanza das vivendas dos hobbits da triloxía de J. R. R. Tolkien, semisoterradas e cubertas pola vexetación. O recinto, de forma circular, conta con orixinais xogos elaborados con madeira de acacia, ademais dunha mesa elaborada a escala para estes seres fantásticos, varios tallos e cogomelos. Árbores de cores danlle aínda máis orixinalidade á aldea.

O espazo é público, e na contorna existe un parque canino no que poden pasear os cans libremente. Ademais, na mesma zona atópase o fogar protexido dos burros fariñeiros, con varios exemplares que farán sorrir ás nenas e nenos.

A Illa da Toxa é ideal, ademais, para camiñar por unha bela contorna natural. Unida á terra por unha ponte de estilo modernista e coñecida polo manancial de augas termais e a fábrica de xabóns, conta cunha gran rede de carreiros ao longo e ancho do seu territorio.

A illa ten unha superficie de 110 hectáreas e o descubrimento das augas medicinais foi a orixe da súa transformación en centro termal e de lecer tras a construción do antigo balneario. Actualmente hai un casino, un balneario, un centro de congresos, instalacións deportivas, entre elas un campo de golf, e varios hoteis. O parque forestal ocupa unha ampla superficie no centro da Illa da Toxa. Alí, entre os piñeiros, segundo conta a lenda, deambulan os grobits. Velos é difícil, pero a aldea está á disposición de todo o mundo para pasar unhas horas de lecer. 

Gozar con...
Grupo Familia
Cando ir...
Outono Inverno Primavera Verán
Onde...
Costa Norte