cabecera-patrimonio-literario
Buscador

Dúas illas máxicas; unha carballeira na que soa a mellor música e 30 chefs que cociñan para o público; unha cidade que se transforma en capital do deporte de acción e a cultura urbana de Europa; e tres vilas mariñeiras nas que grandes bandas saltan ao escenario nunha atmosfera especial. Chegan os Rías Baixas Fest, un circuíto de festivais patrocinados pola Deputación de Pontevedra con ingredientes inconfundibles: a suma perfecta das e dos mellores artistas, unha gastronomía de excelente calidade, deporte extremo e lecer en contornos privilexiados que conxugan a natureza coa esencia mariñeira deste territorio.

Anotade nas vosas axendas estas sete citas xa imprescindibles no calendario festivaleiro do verán: PortAmérica en Caldas de Reis, Atlantic Fest na Illa de Arousa, Vive Nigrán, Sinsal SON Estrella Galicia en San Simón (Redondela), SonRías Baixas en Bueu , O Marisquiño en Vigo e Revenidas en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa ). Do 5 de xullo ao 19 de agosto non hai tregua para a diversión, a acción, a música e os manxares elaborados cos produtos de calidade das Rías Baixas da man dos mellores chefs galegos e doutras latitudes.

PortAmérica é un encontro de culturas nunha carballeira idílica na que conviven en harmonía artistas e grandes nomes da cociña. Atlantic Fest xunta música, espazos naturais e esencia mariñeira. Vive Nigrán, o Picnic Pop Festival, fai vibrar o público na magnífica Praia América. Sinsal SON Estrella Galicia trasládanos a unha illa máxica á que lle cantaron os trobadores galegos no medievo e onde o cartel de concertos é secreto. SonRías Baixas conxuga bandas combativas e divertidas co fermoso contorno da comarca do Morrazo. O Marisquiño converte Vigo en territorio dos mellores riders de deportes extremos. Revenidas pecha o ciclo cun gran cartel de bandas, solidariedade e unha sardiñada multitudinaria.

Os #RíasBaixasFest apostan ademais pola sustentabilidade e a igualdade, os seus sinais de identidade imprescindibles. A Deputación de Pontevedra traballa de xeito conxunto cos organizadores para sensibilizar o público sobre coidar o ambiente, promover a igualdade e loitar contra os malos tratos machistas.

Paisaxe, música, gastronomía, lecer, deporte e compromiso social e co planeta. Esperámoste nos Festivais Rías Baixas. Ven e vive unha experiencia única!

Publicador de contidos Publicador de contidos