cabecera-patrimonio-literario
Buscador
10, 11 e 12 de agosto 2018

Quen podería deducir polo seu nome que O Marisquiño é o festival de cultura e deporte urbano máis importante do sur de Europa? Probablemente ninguén hai uns anos sen ter referencias previas, pero agora este magnífico evento que converte a zona central do porto de Vigo nun xigantesco escenario de distintas disciplinas extremas de skate, bici ou motocrós e de manifestacións artísticas actuais como grafiti ou break dance converteuse nunha cita de fama internacional.

Os mellores riders do mundo compiten nun festival que atrae xa á provincia de Pontevedra e á maior cidade de Galicia máis de 160.000 persoas durante tres días para asistir ao espectáculo . O Marisquiño reúne unha ducia de competicións deportivas e eventos culturais. O seu magnífico cartel inclúe tres probas de copa do mundo que congregan os mellores deportistas nacionais e internacionais das súas respectivas especialidades: a World Cup Skateboarding Street, a World Cup Skateboarding Miniramp, e o Dirt FMB World Tour.

BMX, flatland, dirt jump, skateboarding, motocrós … Os riders fan malabarismos ao límite ante a multitude que abarrota o porto de Vigo. A todas estas disciplinas en circuíto únese o vertixinoso MTB Downtown polo barrio histórico da cidade olívica, un descenso ao límite entre calellas, prazas e baixadas con escaleiras ata chegar á meta.

Este ano, ademais, incorpórase a O Marisquiño unha disciplina que pouco ten que ver con skate e bici, pero é tamén netamente urbana. Trátase do baloncesto 3x3, que será olímpico por primeira vez en Tokyo 2020.

Os deportes compleméntanse con expresións de cultura urbana como break dance, grafitti e concertos de artistas e bandas hip hop , música electrónica, rock, punk e soul.

Ademais, desde hai tres anos O Marisquiño leva en directo a través da retransmisión en streaming a pantallas de ata medio centenar de países as evolucións e as probas dos tres campionatos do mundo.

Todo un espectáculo que converte Vigo durante tres días en territorio rider.

Festival O Marisquiño en Vigo
Festival O Marisquiño en Vigo

QUE VER EN VIGO

Vigo é unha cidade moderna e puxante con moito que ver e cun contorno espectacular. En dous séculos pasou de ser unha antiga vila mariñeira a converterse na maior urbe de Galicia e nunha potencia pesqueira europea situada nunha ría paradisíaca.

O barrio histórico foi restaurado na última década e conta cunha completa oferta hostaleira de bares, locais de tapas e restaurantes nos que se ofrecen os mellores petiscos, peixes e mariscos das Rías Baixas.

A praza da Constitución e a rúa Montero Ríos son ideais para un aperitivo ao aire libre e un paseo polo centro urbano permite descubrir fermosos edificios de distintas escolas arquitectónicas desde o século XIX ata hoxe , unha ampla oferta cultural e fantásticos miradoiros á ría de Vigo. Entre estes balcóns ao mar destacan o do paseo de Alfonso XII e o monte do Castro , un oasis verde no corazón da cidade.

Se queremos pasar unhas horas tranquilas nun fermoso contorno, o lugar perfecto no centro urbano é o parque de Castrelos, de gran riqueza botánica e cun fermoso pazo do século XVII que acolle o museo municipal. E nunha visita á maior cidade de Galicia resulta obrigado ir a Samil, a praia de Vigo por excelencia, dotada de equipamentos deportivos e de lecer, cun gran paseo marítimo e varios areais con bandeira azul na contorna.

Desde alí poden verse as maxestosas illas Cíes á entrada da ría. Esta xoia do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia é denominada de forma recorrente polos medios especializados o caribe europeo. A praia de Rodas, coa súa lingua de area fina que une dúas illas do arquipélago, foi declarada polo prestixioso diario británico The Guardian como a mellor do mundo en 2007. No verán varias navieiras realizan o transporte regular e realizan excursións a este lugar máxico.

Tamén existe servizo marítimo desde Vigo ao Morrazo, na outra beira da ría; unha comarca con fermosas praias, grandes paisaxes e unha excelente oferta hostaleira. O paseo en barco é en si mesmo unha experiencia ante a beleza da ría de Vigo.

O MARISQUIÑO

Publicador de contidos Publicador de contidos