cabecera-patrimonio-literario
Buscador
17, 18 e 19 de agosto 2018

A aposta pola música en galego, combinada coa presenza de grandes bandas destacadas internacionalmente , é o prato forte de Revenidas, a cita dos Rías Baixas Fest para o 17, 18 e 19 de agosto en Vilaxoán (Vilagarcía de Arousa). Cun crecemento continuo en canto a actividades e asistencia desde 2003, ano da súa creación, combina a proposta musical cunha gran sardiñada popular e actividades para gozar ao máximo de tres días en familia.

Un contorno de excepción, a localidade mariñeira de Vilaxóan, é o lugar único onde vivir esta experiencia de 360 graos que une música, cultura, gastronomía, artesanía e un espazo paisaxístico de excepción. Máis concretamente, será no contorno do porto de Vilaxoán, o parque de Dona Concha, a praia semiurbana do Preguntoiro e as rúas da localidade.

Música sen fronteiras e ricas “revenidas”

Neste imprescindible evento estival, coñecido como O Festival das Linguas e caracterizado polo seu compromiso con Galicia , a súa cultura e a súa xente, o público asistente poderá gozar en dous escenarios diferentes de grandes da música galega coma os reivindicativos Cuarta Xusta, o rap combativo de Ezetaerre ou os vigueses Keltoi xunto con artistas de renome nacional e internacional coma Soziedad Alkoholika, os escoceses The Real McKenzies, Balkan Bomba, Glaukoma, os italianos NH3 ou os finlandeses Steve 'n' Seagulls.

As outras grandes protagonistas desta festa multicultural serán as “ revenidas”, como se coñecen en Vilaxoán as sardiñas asadas despois de repousar en sal . Estas saborosas habitantes das rías galegas atraen ano tras ano fieis comensais dispostas e dispostos a degustar a Gran Sardiñada Popular que o festival organiza para aquelas e aqueles que non queren perder esta cita cun dos produtos estrela das cociñas galegas.

Para as e os asistentes con bono estará habilitada unha zona de acampada libre próxima á área de concertos e con todos os servizos necesarios. Ademais, o festival contará cunha ampla área de acceso libre nas proximidades do porto de Vilaxoán, con numerosas actividades gratuítas para todos os públicos: unha Gran Gala de Circo solidaria, showcooking, a Feira Revenida con interesantes propostas creativas, unha zona para a música electrónica coñecida como Dub, espazos de gastronomía etc.

Festival Revenidas en Vilaxoan de Arousa
Festival Revenidas, Vilagarcia de Arousa

QUE VER EN VILAGARCÍA DE AROUSA

Incribles contornos naturais coma os da Illa de Arousa, Cambados, Sanxenxo ou Combarro (en Poio) son algúns dos atractivos que lles ofrece o festival de Vilaxoán ás e aos turistas. Praias de augas cristalinas con bandeira azul combínanse con paisaxes tan impresionantes coma a da illa de Cortegada, pertencente ao Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e cun dos bosques de loureiros máis impresionantes de Europa, e unha rica gastronomía de peixes, mariscos e viños que fan das Rías Baixas a meca soñada da boa mesa.

Dominada por miradoiros tan impresionantes coma o do monte Xiabre, a ría de Arousa ofrece unha singular paisaxe na que a forza do mar e o encanto da natureza máis agreste se funden con delicados xardíns coma os do pazo de Rubianes, corenta hectáreas dun Xardín de Excelencia Internacional protagonizado pola beleza de máis de 4.500 camelias cuxa orixe se remonta ao século XVII. Outros pazos destacados da zona que poderemos percorrer grazas á existencia dunha ruta, ademais de Rubianes, serán Vista Alegre, A Golpelleira, O Rial ou Sobrán.

Se buscamos coñecer o pasado da zona, xacementos coma o de castro Alobre, con ocupación demostrada xa na fase final da Idade de Ferro, no século I a. C., descubrirannos un territorio cunha rica historia que se mantén en festas tan populares como o recoñecido internacionalmente desembarco viquingo de Catoira aos pés das torres de Oeste, revivido cada primeiro domingo de agosto, ou a festiva homenaxe que Cambados rende ese mesmo mes ao rei das mesas arousás, o albariño.

Illa de Cortegada
Vino albariño

REVENIDAS

Publicador de contidos Publicador de contidos