cabecera-patrimonio-literario
Buscador

Sinsal: cartel secreto na illa máxica de San Simón

26, 27, 28 e 29 de xullo 2018

O festival Sinsal SON Estrella Galicia é simplemente único. Máis aló do estreito de Rande, na ría de Vigo, hai unha pequena illa, San Simón, á que lle cantaron os trobadores galegos no medievo. Cada verán centos de persoas trasládanse en barco a este recuncho máxico para asistir aos concertos de artistas e bandas cuxa identidade ignoran ata que saltan ao escenario. Si, o cartel de Sinsal é secreto, o público acode a cegas, e tal é a calidade e fiabilidade do festival que as entradas se esgotan sempre en poucos días.

A organización de Sinsal ten como principio fundacional programar artistas que inician a súa carreira musical ou demostran unha gran conexión coa creación contemporánea . Algúns destes nomes aterraron anos despois en grandes festivais e salas de concertos de todo o mundo. O festival de San Simón é tan singular que a maioría dos artistas que acoden tocan por primeira vez en Galicia .

A propia illa, co seu patrimonio e natureza, é outro sinal de identidade do festival. Convento, lazareto, campo de concentración, residencia militar… San Simón, hoxe un lugar público para o desenvolvemento cultural de Galicia, está repleto de historia. Habitada polos templarios na Idade Media e saqueada polos corsarios comandados por Sir Francis Drake, foi testemuña en 1702 da batalla naval de Rande, na que a frota angloholandesa dobregou á hispanofrancesa. O seu pasado confírelle á illa unha atmosfera especial.

Outra das apostas da promotora do festival é a sustentabilidade. A organización define o evento como “próximo, participativo, social, horizontal, aberto, educativo, respectuoso coas persoas e co medio, e que vela pola conservación e promoción do patrimonio natural e cultural”.

Illa San Simón
Festival Sinsal en Illa San Simón

QUE VER NO CONTORNO

San Simón, conectada á pequena illa de San Antón, está situada no contorno da praia de Cesantes, que exhibe unha característica lingua de area triangular e é moi apreciada polos afeccionados aos deportes náuticos .

Unha visita imprescindible é o castelo de Soutomaior, fortaleza do século XII convertida en pazo residencial no século XIX e que acaba de ser musealizada pola Deputación de Pontevedra, a súa actual propietaria. Alí é posible coñecer a historia do castelo e os personaxes vinculados a el, coma o nobre Pedro Madruga e a escritora María Vinyals . Os seus xardíns están declarados de Excelencia Internacional pola Sociedade Española da Camelia e albergan especies arbóreas de 800 anos de antigüidade. No mesmo concello sitúase Arcade, en cuxos restaurantes se poden degustar as excelentes ostras de fama internacional cultivadas no lugar.

Redondela, municipio ao que pertencen San Simón e Cesantes, é coñecida como a vila dos viadutos e conta cun interesante patrimonio arqueolóxico nos seus montes. A poucos quilómetros de alí atópase Vigo, a maior cidade de Galicia, que presume dun dinámico barrio histórico e ofrece desde os seus miradoiros, en especial o do Castro, impresionantes panorámicas da ría.

En fronte, a península do Morrazo conta con excelentes praias. Como gardiás do territorio emerxen as illas Cíes, perla do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Cara ao norte de Redondela e San Simón atópase Pontevedra, a capital da provincia. Bañada polo río Lérez, loce un centro histórico ideal para pasear, con estupendas prazas públicas e monumentos coma o santuario da Peregrina ou a basílica de Santa María a Maior.

Castillo Soutomaior
O Morrazo

SINSAL

Publicador de contidos Publicador de contidos