cabecera-patrimonio-literario
Buscador
2, 3 e 4 de agosto 2018

O festival SonRías Baixas xunta no municipio de Bueu boa música, a mellor gastronomía das Rías Baixas, o audiovisual e o lecer nunha comarca, O Morrazo, con espléndidas praias e espazos naturais. A organización define o evento como o festival dos festivaleiros e o seu cartel conxuga artistas consagrados do panorama nacional e internacional con novas promesas chamadas a dar moi pronto o gran salto á fama.

O recinto do SonRías Baixas atópase no centro de Bueu, o que resulta moi cómodo e accesible para o público . A zona de acampada está dotada con duchas e aseos, servizo de restauración, alimentos de primeira necesidade e área de carga de teléfonos móbiles, e está a un paso a pé da praia urbana da localidade.

O cartel do festival conxuga un amplo abano de estilos entre enerxéticos, reivindicativos e alegres . Ska, punk, rock, funk e rumba forman parte deste atractivo cóctel musical. A banda italiana de ska-punk Talco abre o pano de SonRías nunha xornada, o xoves 2 de agosto, na que tamén soben ao escenario Revolta Permanent e Assekes. O venres chega a quenda de La Raíz, Desakato, Che Sudaka, Terbutalina e Sara Hebe, mentres que pechan o sábado Berri Txarrak, Gatillazo, Muchachito, Mordo e The Skarnivals.

A gastronomía é o complemento ideal de SonRías Baixas, cunha particularidade especial: as e os músicos participan na preparación dos pratos, cambiando os instrumentos polos fogóns para ofrecer saborosas elaboracións ao público.

Este ano, ademais, SonRías estrea o Concurso de Videoclips Galegos en colaboración co Festival Internacional de Curtametraxes de Bueu (FIC). Oitenta pezas audiovisuais participan nesta primeira edición.

Monte O Facho
Illa de Ons

QUE VER NO CONTORNO

Bueu sitúase na cara norte da península do Morrazo, unha comarca con magníficas praias. Ata dezaseis locen este verán bandeira azul: catro delas no municipio que acolle SonRías Baixas ( Area de Bon, Portomaior, Lagos e Lapamán ), outras sete na veciña Cangas ( Areabrava Areabrava, Nerga, Menduíña, Melide, Areamilla, Liméns e Rodeira ), catro en Marín ( Aguete, Mogor, Portocelo e O Santo-Coviña ) e unha en Moaña (praia do Con ).

O Morrazo conta, ademais, con marabillosos espazos naturais. En Bueu sobresaen cabo Udra, cunha magnífica senda costeira e integrado na Rede Natura 2000, e a illa de Ons, que forma parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia . Ademais desde o miradoiro da aldea de Ermelo é posible divisar tres Rías (Vigo, Pontevedra e Arousa) .

En Cangas é imprescindible a visita ao Facho, monte cun antigo xacemento arqueolóxico desde o que se goza dunha das mellores panorámicas ás illas Cíes, e o veciño Cabo Home, onde se chega tras pasar unha senda á beira dos cantís da Costa da Vela. Ao final do camiño chegamos á fantástica praia de Melide.

A oferta hostaleira, cunha exquisita gastronomía, é outro dos puntos fortes de Bueu e dos concellos veciños. Ademais, O Morrazo conta cun rico patrimonio industrial no que destaca a historia vinculada ao antigo complexo de Massó. En Bueu podemos visitar o museo que leva o nome desta familia de industriais cataláns e a cheminea da antiga fábrica. En Cangas aínda podemos admirar a figura da vella e impoñente conserveira, no seu día a máis grande e moderna de Europa pero pechada desde hai máis de dúas décadas, nun fermoso contorno natural.

SONRÍAS BAIXAS

Publicador de contidos Publicador de contidos