Rías Baixas Somos Historias
Buscador
A Gran Gala de Turismo "Somos Historias" levantou o pano da campaña 2018 de promoción do destino Rías Baixas cun colorista espectáculo que combinou música en directo, vídeo, personaxes históricos, danza de Madamas e Galáns de Cobres, unha batalla dialéctica de dous Xenerais da Ulla, e o recoñecemento ás e aos profesionais do sector turístico que contan co distintivo de calidade SICTED.

O vestíbulo do Auditorio Mar de Vigo converteuse para a festa nun orixinal escenario, cun patio de butacas en espiral que simbolizaba o milenario labirinto de Mogor. Como condutor, unha figura de excepción: o Capitán Nemo, personaxe universal de Julio Verne que regresou ás Rías Baixas, 150 anos despois de que o Nautilus entrase na baía de Vigo, para presentar na cerimonia os grandes atractivos desta terra.

Gala Turismo Rías Baixas 2018
Gala Turismo Rías Baixas 2018

Guiado polo personaxe literario e o seu prisioneiro, o profesor Aronnax, o público asistente e os espectadores e espectadoras que seguiron a gala por streaming na web de Turismo Rías Baixas percorreron o rico patrimonio da provincia de Pontevedra. Castelos, fortalezas, castros, mosteiros, festas, figuras da  literatura vinculadas a este destino, grandes paisaxes naturais, xardíns e museos compoñen a campaña baixo a lema "Somos Historias".

Como pano de fondo do escenario lucía unha orixinal lona co slogan e unha colaxe con algúns dos principais atractivos e iconas da provincia –o Castelo de Soutomaior, a fervenza do Toxa, mosteiro de Oia, ponte de Rande, a camelia….-, tomados por pequenas e orixinais figuras. O labirinto, como nexo de unión no tempo de todo o patrimonio, é o símbolo da promoción.

Gala Turismo Rías Baixas 2018
Gala Turismo Rías Baixas 2018

Personaxes históricos, vídeos e a música en directo de VooDoo fiaron unha orixinal cerimonia cun patio de butacas en forma de labirinto

O grupo Limiar Teatro interpretou as e os personaxes que, tras pousaren no photocall "Somos Historias", desfilaron pola Gala. Nemo, que confesou que visita As Rías Baixas sempre que pode, presentouse con Aronnax na sala nada máis arrincar a cerimonia, e a medida que avanzou o acto concorreron María Vinyals, escritora nada no castelo de Soutomaior que protagoniza a curtametraxe da campaña "Somos Historias"; a soada Dona Urraca; e unha personaxe máxica, a moura, que danzou ao son dun cántico místico elevado por Nemo. Non podían faltar na cita as referencias á pantasma que, segundo a lenda, vaga pola fortaleza de Soutomaior, coñecida como o "Alemanote".

Ademais, no apartado de patrimonio literario fíxose unha homenaxe á escritora María Vitoria Moreno, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas, cunha entrevista ficticia dentro do apartado de patrimonio literario. A personaxe que encarnaba a falecida escritora estremeña afincada en Pontevedra, gran defensora da cultura galega, explicou os vínculos de grandes escritores e escritoras coas Rías Baixas, coma Jules Verne, Valle-Inclán, Cortázar, Emilia Pardo Bazán ou Rosalía de Castro.

Os Entroidos, de Interese Turístico de Galicia da provincia, protagonizaron dous grandes momentos da gala. As Madamas e os Galáns do tradicional entroido de Cobres bailaron ante o público ataviados cos seus coloristas traxes e chapeus, mentres que dous Xenerais da Ulla se encerellaron nunha intensa batalla dialéctica.

Vídeos sobre literatura, natureza e museos

O patrimonio da provincia foi presentado tamén a través do citado curto, -estreado cunha excelente acollida en xaneiro en Fitur 2018-, e por medio doutros tres vídeos que versaban sobre grandes espazos naturais, desde o río Miño á Serra do Candán; escritoras e escritores nados ou ligados á provincia de Pontevedra; e museos coma o Provincial, Quiñones de León, MASAT ou o Museo Galego da Marioneta, entre outros.

A Danza de Cobres e unha batalla dialéctica dos Xenerais da Ulla deron aínda máis cor ao acto, no que se  entregaron os distintivos SICTED 

O evento tamén serviu como recoñecemento ás entidades que lograron o selo de calidade SICTED, 263 este ano (sesenta máis que en 2017). Os seus responsables recolleron o distintivo ao longo da Gala, acompañados pola presidenta da Deputación, Carmela Silva; o deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez; e alcaldes e alcaldesas. Como anfitrión exerceu o rexedor de Vigo e presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), Abel Caballero.

O dúo Voodoo, que interpreta temas inspirados na música tradicional galega con harmonías de soul e blues, puxo a banda sonora á entrega dos distintivos e á foto de familia final coa interpretación de seis temas. As súas integrantes, Maritxinha e Belén Tajes –tamén voz do grupo Luar na Lubre-, gañaron en 2017 o Premio Martín Códax de Música Galega na categoría blues/funk/soul.

Gala Turismo Rías Baixas 2018
Gala Turismo Rías Baixas 2018

Época dourada para o turismo da provincia

"As Rías Baixas, hoxe, xa non son un destino exclusivo de sol e de praia. Quen pon os ollos aquí sabe que temos moitísimo máis que ofrecer, e nós queremos contarllo", proclamou a presidenta da Deputación na súa intervención, para destacar que "o turismo vive unha época dourada na provincia de Pontevedra". Como dato citou que, dos cinco millóns de persoas que visitaron Galicia en 2017, o 36% recalou nas Rías Baixas.

O turismo sustentable, a desestacionalización e a internacionalización son tres dos obxectivos centrais da Deputación, que conta cun Plan Estratéxico recentemente aprobado e constituíu a Mesa de Turismo coas principais entidades públicas e privadas do sector na provincia.

"Queremos traer a visitantes desde xaneiro a decembro, e temos as vimbias para conseguilo, tanto por infinidade de atractivos coma por profesionalidade e competencia do sector. O mundo está a descubrir este destino, e atopámonos cada vez con mellores conexións, cun aeroporto, Peinador, que supera de novo o millón de pasaxeiros e nos une aos grandes mercados europeos", explicou Carmela Silva, quen destacou no seu discurso os "tesouros patrimoniais" das Rías Baixas.

O catering baseouse nos produtos das grandes Festas de Interese Turístico, promovidas dentro do patrimonio inmaterial

As grandes festas populares teñen tamén un papel protagonista na campaña. Na sala instalouse un catering con produtos do nove eventos declarados de Interese Turístico Internacional e Nacional: Arribada de Baiona, Rapa das Bestas de Sabucedo, Romaría Viquinga de Catoira e alfombras florais do Corpus de Ponteareas na primeira categoría; e Feira do Cocido, Festa do Albariño de Cambados, Festa do Marisco do Grove, Festa da Lamprea de Arbo e Festa da Auga de Vilagarcía de Arousa na segunda. Un vídeo ilustrativo sobre estes eventos multitudinarios acompañaba a promoción do patrimonio inmaterial.

Gala Turismo Rías Baixas 2018
Gala Turismo Rías Baixas 2018

O Capitán Nemo despediu a Gala, antes da foto de familia de todas e todos os asistentes, reinterpretando a frase que Verne deixou reflectida en 1870 na súa universal obra: "Pois ben señor Aronnax, estamos na baía de Vigo, e só de vostede depende que poida coñecer os seus segredos… e os das Rías Baixas".