Rías Baixas Somos Historias
Buscador
Rías Baixas conta cun importante patrimonio fortificado, arqueolóxico e relixioso, que chegou deica os nosos días magnificamente conservado. Castelos, castros e mosteiros foron testemuñas do paso do tempo e gardan tras as súas pedras historias enigmáticas, curiosas e cativadoras.

Xacementos arqueolóxicos

As primeiras etapas da humanidade quedaron reflectidas nos numerosos xacementos arqueolóxicos que salpican as vilas das Rías Baixas, un legado que nalgúns casos aínda permanece escondido debaixo da terra e que continúa xerando sorprendentes achados cada vez que se producen novas escavacións.

O xacemento castrexo máis importante da provincia e un dos mellores conservados é o de Santa Trega, situado no cume do monte do mesmo nome, no municipio da Guarda. Por dimensións e dinámicas internas, ao longo da historia evolucionou de poboado castrexo a cidade e chegou a converterse na maior aglomeración de persoas da provincia. Entre as numerosas pezas que se atoparon destaca o denominado "cabezón do Trega", fragmento dunha escultura dun guerreiro con 2.000 anos de antigüidade. O castro conta cun museo nas súas inmediacións e ofrece unhas excelentes panorámicas da desembocadura do río Miño no océano Atlántico e das veciñas terras de Portugal.

Santa Trega
Santa Trega

Se ascendemos pola provincia de sur a norte o castro do Facho en Cangas é o seguinte punto de referencia. Trátase dun poboado fortificado que ofrece unhas vistas espectaculares ao Atlántico e ás Illas Cíes. O seu nome fai referencia a unha antiga garita militar de vixilancia do século XVIII, erixida no alto do monte.

Alobre, A Lanzada e Monte do Castro, no Salnés, son tres xacementos imprescindibles; e O Facho no Morrazo ofrece espectaculares vistas

Continuamos a viaxe pola comarca do Salnés, onde se atopan outros tres xacementos arqueolóxicos imprescindibles: Alobre, en Vilagarcía de Arousa, A Lanzada, en Sanxenxo, e Monte do Castro, en Ribadumia.  O castro de Alobre, situado nas inmediacións do actual porto, xa tiña na pesca e no marisqueo un importante recurso económico, como o testemuña a presenza de concheiros. Ademais, os numerosos restos de importación encontrados fálannos dun asentamento marítimo de grande importancia.

O da Lanzada tamén foi un importante enclave comercial, no que se atoparon materiais de varios puntos do Mediterráneo. Ocupado desde o século IX a. C. ao XV d. C., é un complexo onde se localizan a primeira factoría de salgadura do noroeste peninsular, de orixe prerromano; un poboado, unha vila romana, unha fortificación medieval e unha ermida. Tamén inclúe unha necrópole, na que recentemente se descubriu un enigmático cemiterio infantil.

Finalmente, o poboado fortificado de Monte do Castro estivo habitado desde a Idade de Ferro ata a chegada dos romanos e crese que puido desaparecer por mor dun incendio.

Cara ao interior da provincia temos Castrolandín, en Cuntis. Neste castro, que estaba defendido por unha fosa cun gran muro de terra, viviron un centenar de persoas na Idade de Ferro. Os principais achados do xacemento expóñense na Fundación Terra Termarum Castrolandín, no centro urbano de Cuntis.

O Facho
A Lanzada

Castelos e fortalezas

O patrimonio fortificado da provincia remóntanos á caída de Roma e ao xurdimento dunha nova sociedade de vasallos e campesiños, cuxo principal símbolo é o castelo. A Idade Media en Rías Baixas caracterízase polas disputas entre señores, que tratan de estender os seus dominios e defendelos dos seus numerosos inimigos. Os castelos constrúense e reconstrúense en múltiples batallas pola hexemonía e o control das fronteiras e os pasos.

O castelo de Soutomaior, un dos grandes monumentos da provincia, foi morada do coñecido Pedro Madruga e sufriu os ataques dos Irmandiños. Metade fortaleza medieval, metade palacio neogótico do século XIX, está formado por dúas torres unidas por un edificio habitable e un patio de armas, rodeados por unha dobre muralla. O seu interese esténdese aos xardíns, nos que crecen diversas especies botánicas, entre as que destaca a camelia. En Soutomaior habitou a marquesa María Vinyals, unha muller adiantada ao seu tempo, viaxeira, culta e namorada de Rías Baixas. Por ela soubemos recentemente que entre os muros de Soutomaior vagou no pasado século unha pantasma alcumada o Alemanote.

Metade fortaleza medieval, metade palacio neogótico, o castelo de Soutomaior presenciou grandes episodios da historia de Galicia

O castelo de Sobroso, en Mondariz, foi testemuña das loitas de dona Urraca no século XII. As primeiras noticias da fortaleza fálannos do asedio que sufriu a raíña no castelo, do que conseguiu fuxir cara a Compostela a través dun pasadizo subterráneo que comunicaba coas ribeiras do río Tea. Tras diversos avatares históricos a fortaleza de Sobroso foi restaurada e hoxe constitúe o perfecto exemplo de patrimonio medieval de Rías Baixas. Do mesmo xeito que Soutomaior, conta con sendeiros botánicos sinalizados que rodean o castelo.

Tanto Dona Urraca coma Pedro Madruga tamén converteron en escenario dos seus ataques a fortaleza de Salvaterra de Miño, un conxunto histórico no que se inclúe un recinto amurallado coas súas garitas, a Casa do Conde, o pazo de dona Urraca e a capela da Virxe da Oliva. A súa localización ofrece unhas vistas espectaculares ao Miño. Tamén a beiras do maior río de Galicia atopamos outra testemuña da nosa historia: a fortaleza de Goián.

O percorrido polos castelos de Rías Baixas non pode completarse sen unha visita a Baiona. Nunha localización estratéxica, no monte Boi, álzase o castelo de Monterreal, unha impresionante fortaleza amurallada rodeada de fermosas praias. Na súa estrutura quedan patentes dúas épocas: a medieval e a que abarca desde o Renacemento ata o século XVIII. Destacan as súas tres torres: O Príncipe, A Tenaz e O Reloxo. O castelo alberga un Parador Nacional.

Castillo de Soutomaior
Castillo de Monterreal, Baiona

Mosteiros maxestosos

Do fragor das batallas pasamos ao recollemento espiritual, para percorrer os maxestosos mosteiros de Rías Baixas. Entre os máis representativos e mellor conservados da provincia destaca o mosteiro de Carboeiro, en Silleda, considerado unha das xoias do románico oxival. Fundado no ano 939 sobre unha pequena ermida, os seus impulsores, discípulos do mestre Mateo, deixaron a súa pegada na ornamentación, que garda similitudes coa da catedral de Santiago de Compostela. Destaca, ademais, o entorno no que se atopa o mosteiro, nas proximidades do río Deza.

En pleno corazón de Terra de Montes eríxese o mosteiro de Aciveiro, en Forcarei, un monumento románico construído en 1135 e incorporado ao Císter en 1170. Hoxe funciona como complexo hostaleiro. A coidadosa rehabilitación do edificio respectou fielmente a estrutura do recinto cenobial, que, seguindo as pautas arquitectónicas do estilo cisterciense, distribúe en torno ao claustro as antigas dependencias.

O mosteiro de Carboeiro, fundado no ano 939 sobre unha ermida, é hoxe unha xoia do románico oxival e está situado nunha impresionante contorna

Monasterio de Carboeiro
Monasterio de Armenteira

A arquitectura relixiosa da provincia ten en Poio outro dos seus referentes xa que neste municipio se atopa o mosteiro de San Xoán, cuxa primeira referencia data do ano 942. O complexo está conformado por dous mosteiros: un antigo convento beneditino e un segundo mercedario. Na zona do claustro sobresaen o estilo renacentista e o barroco, que ornamentan o claustro das Procesións e o claustro das Laranxeiras ou do Cruceiro. A horta do convento acolle un dos maiores hórreos de Galicia.

Rodeado de vexetación e ao abrigo do monte Castrove atopámonos co mosteiro de Armenteira, no municipio de Meis. Construído no século XII, é considerado unha xoia da arquitectura monástica. A lenda atribúe a súa fundación a San Ero, despois de que a Virxe llo pedise nun soño. Da súa arquitectura destaca o claustro, do século XVII, con arcos de medio punto e bóveda de crucería. O conxunto presenta un excelente estado de conservación e aínda alberga unha comunidade de monxas cistercienses.

Tamén con orixe no século XII temos o mosteiro de Santa María de Oia, cuxa principal aceno distintivo é a súa proximidade ao mar. Coa chegada do Císter a Galicia, esta edificación beneditina erixiuse como un centro de gran poder na contorna, cuxa influencia chegaba mesmo ao norte de Portugal.

Monasterio de Poio
Monasterio de Oia

E preto de Portugal rematamos o noso percorrido polos templos da provincia, coa catedral-fortaleza de Tui, unha construción de estilo románico e oxival situada na parte alta da vila. No seu interior destacan o retablo da expectación, o altar da capela das Reliquias, o Museo Catedralicio e o seu marabilloso claustro, que é o único gótico conservado nas catedrais galegas.