cabecera_camelia
Buscador

Desde os brancos puros aos vermellos intensos, os tons do inverno en Pontevedra exceden os grises.
A camelia é a encargada de dar cor aos xardíns mentres as súas plantas veciñas parecen durmir.
Chegada desde Oriente e introducida despois do século XVI, a provincia atesoura exemplares únicos. Algúns cuxas magnitudes son de récord. Todos, non obstante, de grande interese histórico, botánico e turístico. E, ademais, co privilexio de crecer en xardíns palacianos polos que se propón un paseo evocador. ¿Unha curiosidade? Mesmo para despedirse a camelia faino con personalidade propia:
cae sen despeitearse, non se desprende nin dun só dos seus pétalos

Mentres os tons grises ocupan o oco que o inverno ten gardado para eles, un colorido fai alzar a vista. "Xa é de nos tanto como do Xapón", describía Álvaro Cunqueiro. "Vino de la India, la China y el Japón pero se encontró a gusto entre nosotros y se convirtió en la flor de Galicia", puntualizaba Cela. E as formas arredondadas e de perfecta xeometría dalgunhas das súas variedades convertérona mesmo en selo dunha casa sinónimo de elegancia, a inspirada pola deseñadora Coco Chanel. O seu nome? Camelia. Existen máis de 30.000 variedades diferentes. O tamaño, a forma, a cor, os pétalos ou as follas distinguen cada unha delas.

Posiblemente introducidas na contorna occidental entre os séculos XVI e XVII, foron as casas señoriais as primeiras en gozar dun aroma que despois se estendeu ao ritmo que o facían os camelias hoxe presentes en xardíns públicos e privados de toda a provincia. Daquel pasado no que a súa beleza estaba ligada a palacios e pazos, hoxe gózase en Pontevedra dun circuíto de espazos vinculados á cultura da camelia.

Con máis de 200 especies recoñecidas, a documentación data en 1739 a primeira plantación da camelia en Europa. Ocorreu nos xardíns de Essex, en Inglaterra. Foi na segunda metade do século XIX cando se introduciu en Galicia a maior parte das camelias que hoxe se conservan. No seu caso, a Deputación de Pontevedra atesoura máis de mil exemplares de diferentes especies e variedades, das que destacan Camellia japonica, Camellia reticulata e Camellia sasanqua.

A primeira ten a honra de ser a máis cultivada en Occidente e viste desde os brancos máis puros aos vermellos máis intensos. De crecemento máis lento, as flores de maiores dimensións son a marca de distinción das reticulatas, que deixan para as sasanquas o seu uso aromático.

Ata para emprender os seus últimos pasos a camelia faino con personalidade. Unhas sen esfollarse, as súas flores caen enteiras para desprenderse da rama que lles deu acubillo; outras esfolladas en centos de pétalos de brillantes cores, para que, xa en terra firme, comecen a debuxarse espectaculares alfombras vexetais.

Antes de que isto aconteza As Rías Baixas e a provincia de Pontevedra ofrécenche a posibilidade de gozar da camelia nunha serie de exposicións monográficas que percorrerán toda a provincia desde decembro ata abril. Organizado pola Sociedade Española da Camelia (SEC), en colaboración con outras entidades –entre elas a Deputación de Pontevedra–, este itinerario percorre Tui, Domaio, Vilanova de Arousa, O Porriño, Tomiño, Soutomaior, Vilagarcía de Arousa, Cuntis, Campolongo, Ribadumia, Valga, Ponteareas ou Sanxenxo.