cabecera_camelia
Buscador
Camelias que debuxan un abano de formas, tamaño, aromas e cor

A capela, dedicada á Virxe da Saleta, dá nome a este pazo privado situado no municipio pontevedrés de Meis. Pouco sol fai falta para que o espazo reborde luz. E para que, cada inverno, comece o espectáculo. A floración das súas camelias comeza mesmo a finais do outono. A función arranca. Variedades coma ´Debutante´, ´Dr. Tinsley´, ´Lavinia Maggi´ e ´Mathotiana Alba´, de Camellia japonica, ´Jean May´ e ´Narumigata´, de Camellia sasanqua, ‘Mandalay Queen', ‘Royalty' e ‘Valentine Day', de Camellia reticulata, ´Debbie´, ´George Blandford´, ´JC Williams´, ´Philippa Forward´ e ´St. Ewe´, de híbridos Camellia x williamsii, ‘Interval', de Camellia hibrida, ´Kanjiro´, de Camellia hiemalis, ´Fragrant Pink´, de Camellia rusticana, ou exemplares de Camellia  vernalis e Camellia nitidissima asumen o seu papel protagonista. Non están soas. Nin moito menos. As formas, tamaños e cores repártense por todas as partes nesta casa de labranza.

As cinco hectáreas que compoñen este xardín son de inspiración inglesa. No seu bosque, sobreiras ou carballos conviven con especies orientais coma rododendros ou azaleas nun espazo no que teñen cabida, ademais, proteáceas e mirtáceas australianas ou ericáceas sudamericanas, creando un dos xardíns máis especiais da provincia de Pontevedra, moi próximo, ademais, ás Rías Baixas.

Pero o abano de cor na temporada invernal é, sen dúbida, reino das máis de 200 variedades de camelias existentes. Os seus pétalos fan, se cabe, que o conxunto de capela, hórreo, pazo, pombal, carballeira, estanque e xungla australiana luza aínda máis fermoso.