cabecera_camelia
Buscador
Florecen ‘Dona Jane Andresen', ‘Angelina Vieira' ou ‘Pomponia Estriata Portuensis'

Ao subir atoparás o porto e a ría fronte aos teus ollos. En pleno centro de Vigo, o parque do Castro é a seguinte parada desta ruta. Moitas especies de flora, e moi distintas, esperan. Unhas autóctonas, as outras foráneas. Algunhas de gran tamaño e outras tamén grandes pero polo seu valor ornamental. A súa colección de camelias decora o xardín. Atoparalas distribuídas en moi distintas zonas formando un cinto colorido cun denominador común: a maioría destacan pola súa orixe portuguesa, coma as variedades ‘Dona Jane Andresen', ‘Angelina Vieira' ou ‘Pomponia Estriata Portuensis', entre outras.

De orixe celta, na zona oeste atópase o poboado prehistórico que dá nome ao lugar e que é orixe da cidade viguesa. Parcialmente escavado, é na zona meridional e no paseo Rosalía de Castro onde os ollos quedan máis atónitos.

A deste parque é unha historia das mil historias reunidas. Na Idade Media instalouse na contorna o castelo do Penço, pertencente á mitra compostelá. Sería derrubado posteriormente para levantar o castelo de Santa María do Castro, construído ao mesmo tempo que o castelo de San Sebastián e o recinto amurallado que os unía. Pero O Castro foi testemuña, ademais, de invasións piratas inglesas e turcas ou da batalla de Rande, acontecementos que marcarían a totalidade da provincia de Pontevedra e As Rías Baixas.