cabecera_camelia
Buscador
Máis de 800 variedades e 4.000 puntos de cor

Non é que se conten por decenas, nin mesmo por centenares. Cóntanse por miles e chégase ata os 4.000! Un a un, estes son os exemplares de camelia dos que pode presumir o pazo de Rubianes, catalogado na actualidade como Xardín de Excelencia Internacional da Camelia e situado en Vilagarcía de Arousa. O cultivo da especie neste espazo entende moito de paixón, de paixón familiar, de paixón pola xardinería, e de saber xardineiro transmitido de pais a fillos.

A súa colección de camelias, que debuxa un mar de todas as formas e cores, fai deste un xardín de inverno único en toda Europa. Na fermosa comarca do Salnés máis de cen especies diferentes decoran a paisaxe deste pazo, cuxa construción comezou a tomar forma en 1764. Habería que esperar case un século, ata 1850, para que se plantasen as primeiras camelias, chegadas desde Portugal como un obsequio dos duques de Caminha. Hoxe as variedades desta planta, que mostra a súa plenitude na estación fría, cífranse en 800. Nesta eclosión de cor que se produce cada inverno, as  especies máis madrugadoras son Camellia sinensis e Camellia sasanqua. ‘Alba Plena', ‘Bela Romana', ‘Elegans', ‘Grace Albritton', ‘Hagoromo', ‘Lavinia Maggi', ‘Pomponia Alba', ‘Pomponia Luctea' e ‘Variegata', de Camellia  japonica, ‘Arch of Triumph', ‘Dr. Clifford Parks', ‘Francie L.' e ‘Rosalía de Castro', de Camellia reticulata, ou ‘Showa Supreme', de Camellia hiemalis, e ‘Tarôkaja', de Camellia wabisuke, xogan a reinar no xardín. E comparten o trono.

De feito, o do pazo de Rubianes é, sen dúbida, un xardín de camelias. O cal non impide que esta planta de Oriente faga bo caldo con numerosas especies tamén convertidas en auténticos monumentos vexetais. É o caso dos magnolios, calocedros, criptomerias, eucaliptos, alcanforeiros, freixos, araucarias, carballos ou sobreiras do seu parque botánico.

Cos anos o xardín asistiu a diversas intervencións que, unha tras outra, sumaron no cálculo de esplendor do pazo de Rubianes. Con seis séculos de historia nos seus muros, o enclave pode presumir, ademais, de ser o único señorío de Galicia. Unha xoia das Rías Baixas e da provincia de Pontevedra.