cabecera_camelia
Buscador
O museo ao aire libre que abraza máis de 5.000 camelias

Situado no corazón do Salnés, en Ribadumia, o pazo Quinteiro da Cruz atesoura xardíns de inspiración orixinariamente francesa. No seu caso, a incorporación da flor chegada desde o país do sol nacente tivo lugar nos últimos anos. Xunto a plantas provenientes de todo o mundo, hoxe a súa colección de camelias é magnífica. Quen visite a provincia de Pontevedra e As Rías Baixas ha de deterse nel.

Deste xeito, ademais de botánico, estes xardíns teñen un altísimo interese ornamental e turístico. Un interese que complementan os viñedos de albariño e bosques autóctonos que os rodean. Respecto das propias camelias, cóntanse por miles as que florecen en Quinteiro da Cruz. Ao redor duns 5.000 exemplares de máis de 1.500 variedades conviven neste enclave. Xunto a centos de exemplares de Camellia japonica, Camellia reticulata e Camellia sasanqua, destacan outros de Camellia assimilis, Camellia cuspidata, Camellia caudata ou Camellia nitidissima. En varias ocasións as súas flores recibiron o galardón Camelia de Ouro e, entre os seus recantos creados máis recentemente, sorprende unha plantación de camelia destinada á elaboración de té.

Convertido en paraíso da camelia, Quinteiro da Cruz concíbese como un auténtico museo ao aire libre. Antes de marchar, o visitante ha de cerciorarse de que coñeceu, ademais, o seu bosque das palabras, carballeira, adega, fontes barrocas e conxunto histórico.