Castillo de Soutomaior
Buscador

Publicador de contidos Publicador de contidos

Pór os pes no entorno do castelo de Soutomaior, no municipio pontevedrés do mesmo nome, é como iniciar unha viaxe no tempo. Ao dos xograres, os oficios tradicionais ou as batallas medievais. Este espazo enclavado no val do río Verdugo, próximo ao mar pero escondido del, o ten todo: unha ponte levadiza, un recinto dobremente amurallado e ata un patio de armas, que nos transportan, de súpeto, ao escenario de calquera relato medieval que teñamos na mente. Nos primeiros metros da ladeira sobre a que se asenta, contemplamos a panorámica que esta fortaleza se encarga de encher. E inícianse as primeiras escenas.

Aínda que non existe confirmación sobre a orixe deste castelo, hoxe en perfecto estado de conservación, considérase moi probable que os seus inicios daten do século XII e que se ligara máis tarde a Pedro Álvarez de Soutomaior, coñecido polo alcume de Pedro Madruga. O máis célebre dos Soutomaior impulsou a renovación do castelo, que pasou de despuntar en enfrontamentos bélicos a adquirir, anos máis tarde, un carácter residencial. Varias disputas levaron a que, xa no século XVIII, Benito Fernando Correa tomara posesión da construción. Os marqueses da Vega de Armijo fixeron posteriormente dela a súa residencia de verán. E neste proceso de transformación nun acolledor fogar naceu tamén un dos xardíns máis espectaculares de toda a provincia pontevedresa. A Deputación de Pontevedra adquiriuno en 1982.

Pero para coñecer en profundidade este fermoso e histórico castelo e o seu entorno que, con 25 hectáreas, está considerado o xardín botánico máis importante de Galicia, hai tres opcións. Convertidos en rutas, estes tres itinerarios descorren polo seu xardín de camelias, polos viñedos ou polo bosque que o arrodea. Imos descubrilos un a un:

  • As camelias. A flor de Oriente que inunda de cor a paisaxe é a protagonista indiscutible do xardín. Xunto a castiñeiros de máis de 800 años de antigüidade, as árbores de camelias atópanse por ducias. Hainos de ata 25 variedades distintas, de diferentes cores, tamaños e formas, que nos acompañan dende a propia escalinata de acceso ao parque. Ao iniciar de novo o camiño cara ó castelo, albíscanse os seus exemplares centenarios que, no seu día, tiveron o privilexio de ser as primeiras plantas de camelia de Galicia. A súa experiencia engade atractivo a un xardín enmarcado na Ruta da Camelia e recoñecido como Xardín de Excelencia Internacional dende 2012. E, en materia de experiencia, hai unha clara vencedora: a Camellia japonica do século XIX, a máis lonxeva de todo o parque. En total, máis de 200 camelias arrolan ao  camiñante, que tras deixar atrás unha entrada bordeada de camelias descobre, entre distintos tons, reticulatas ou longicarpas.
  • Os viñedos. O caldo da vide é parte importante da idiosincrasia das Rías Baixas e, neste caso, a zona de Soutomaior é recoñecida pola alta calidade dos seus albariños. Ao introducirse nos viñedos do castelo, descóbrense espazos moi distintos: un central, que amosa unha planificación case propia dun xardín, e outro máis escarpado, ao fondo da propiedade.
  • O bosque. O solo menos fértil e pouco profundo convertido en alfombra natural: así é o terreo forestal de Soutomaior. Extenso e montañoso no seu inicio, este itinerario mestura camelias e especies forestais de tal maneira que do xardín ao bosque o tránsito é moi suave. A capela de San Caetano, un pequeno arroio e fermosas vistas acompañan ao camiñante, que recibe a sombra e o acubillo de todo tipo de especies: arbustos ornamentais, castiñeiros, carballos, piñeiros, eucaliptos, liquidámbares, érbedos ou loureiros rivalizan entre si, e todos parecen gañar.

Así é Soutomaior. Unha unión indisoluble entre arquitectura e entorno natural. Entre parque e castelo, hoxe convertido en palacio, e no que, como tal, sucédense distintas salas nobres ou o capricho neogótico denominado a Galería das Damas.

Visitas e sendas (pdf)