Festivales Rías Baixas 2017
Buscador

Patrimonio cultural da provincia de Pontevedra

Tradicionais e vangardistas, con ricas coleccións de antigos obxectos que atesouran a identidade dun pobo ou con atractivas mostras de arte contemporánea internacional, con exposicións clásicas ou con modernos medios audiovisuais. Son os recintos museísticos, centros etnográficos e de interpretación da provincia de Pontevedra, que convidan a descubrir a historia deste destino, os oficios tradicionais e a súa cultura milenaria; que gardan un legado de incalculable valor en miles de pezas e obras de distintas épocas; e exhiben, outros, a enerxía creativa de grandes artistas.

O Museo de Pontevedra é unha “xoia” de relevancia nacional con impresionantes coleccións. Imposible condensar toda a súa riqueza nunha soa visita. O MARCO de Vigo alberga interesantes mostras contemporáneas, e o Museo de Santa Trega (MASAT) transpórtanos á Galicia dos castros nunha montaña rodeada de mitos e lendas. En Lalín a arte dos monicreques atopa o seu lugar no Museo Galego da Marioneta. Os museos teñen un enorme atractivo para as e os turistas que queren coñecer máis sobre a provincia de Pontevedra.

Museo de Pontevedra
Museo del Mar de Galicia, Vigo

De norte a sur, da costa ao interior, este destino alberga grandes tesouros cuxo prezo non se mide en moedas. Os oficios artesanais, as tradicións, o traballo no campo ou os tecidos habituais para confeccionar as roupas gardan unha enorme riqueza. Os centros etnográficos transpórtannos no tempo, e os de interpretación axúdannos, ademais, a entender as reviravoltas da nosa cultura. Así ocorre coa misteriosa lamprea, o apreciado viño albariño, os enigmáticos petróglifos, a enraizada industria da conserva ou a lendaria batalla de Rande.

As casas museo adentran as e os visitantes na vida de personaxes ilustres coma Valle-Inclán, Cristóbal Colón, a Bella Otero, Xosé Neira Vilas, Ramón Cabanillas ou os irmáns Camba. Alí evocamos a peripecia vital e obra destas figuras, en moitos casos nos lugares que eles mesmos habitaron ou onde creceron.

Convidámosvos a descubrir os tesouros artísticos da provincia de Pontevedra e a deixarvos seducir pola maxia cultural e as tradicións do destino Rías Baixas.

Casa Museo de Valle Inclán
Castro de Santa Tecla, A Guarda