Festivales Rías Baixas 2017
Buscador

As casas museo trasládannos ao universo máis persoal e íntimo dalgúns dos personaxes ilustres da provincia de Pontevedra. Alí coñecemos in situ a contorna na que viviron os literatos Ramón María del Valle-Inclán, Ramón Cabanillas, Xosé Neira Vilas ou os irmáns Camba, ademais de figuras como La Bella Otero, mítica bailarina da Belle Époque. A lenda rodea a Casa Museo Cristóbal Colón, personaxe a quen algúns estudos atribúen orixe galega. En Cambados a Casa dos Pescadores móstranos como vivían os traballadores do mar, aos que está inseparablemente unida a historia das Rías Baixas.

Casa Museo Valle-Inclán (Vilanova de Arousa)

A casa natal do creador do esperpento foi reconvertida en museo en 1995. O andar inferior alberga unha exposición que percorre a traxectoria vital e literaria do soado escritor, mentres que no primeiro piso, onde se atopaba a vivenda, se recreou o mobiliario das familias de clase media culta galega do século XIX para adentrar as e os visitantes no modo de vida da familia Valle-Inclán.

Na casa museo, denominada Casa do Cuadrante, atopamos abundante documentación bibliográfica e outros valiosos e interesantes fondos sobre o autor deLuces de Bohemia. Entre eles destacan primeiras edicións, exemplares posteriores das súas obras, libros que influíron na súa vida e a súa creación literaria ou manuscritos, entre eles censos administrativos, que lembran a relación de Valle-Inclán co concello de Vilanova de Arousa. A mostra complétase cunha colección de mobles propios da época para evocar a casa orixinal.

Casa Museo de Valle Inclán en Vilanova de Arousa
Casa Museo de Valle Inclán en Vilanova de Arousa

Casa Museo Cristóbal Colón (Poio)

A antiga Casa da Cruz, que alberga a Casa Museo Cristóbal Colón, sitúase no lugar de Portosanto (Poio), fronte ao estaleiro no que, segundo contan, foi construída a nave Santa María, nomeada como “a galega”, unha das tres que conformaban a expedición ás Indias en 1492 que concluíu co inesperado Descubrimento de América.

A documentación da época demostra a existencia dunha familia de navegantes apelidada Colón na devandita casa. A inscrición do cruceiro que se atopa ao pé da porta da Casa da Cruz reza “Juan Colón R” 1490. A casa foi musealizada para destinala a sede da Asociación Cristóbal Colón Galego-Celso García de la Riega, e a actuación complementouse con varias exposicións e conferencias sobre a orixe galega de Colón.

Casa Museo Cristobal Colón en Poio, Pontevedra
Casa Museo Cristobal Colón en Poio, Pontevedra

Casa Museo La Bella Otero (Valga)

Agostiña del Carmen Otero Iglesias, a quen o mundo coñece hoxe como La Bella Otero, foi un coñecido personaxe da Belle Époque francesa cunha azarosa vida. Bailarina, cantante, actriz e cortesá no país galo, nunca esqueceu a súa aldea natal, e este feito quedou reflectido no seu testamento, no que lles legaba os seus bens ás persoas máis necesitadas de Valga.

A casa museo conta cunha exposición cronolóxica da historia da Bela Otero no contexto socio-económico e político mundial da época. Mostra tamén o papel da muller ao longo da historia e a súa contribución á sociedade.

Museo de la Historia de Valga. Casa Museo Bella Otero
Museo de la Historia de Valga. Casa Museo Bella Otero

Casa Museo do Pescador (Cambados)

A antiga Casa Jovita, situada no barrio de Santo Tomé de Cambados, fronte ao porto deportivo, foi reformada na súa totalidade para albergar un museo dedicado ás xentes do mar. Alí queda constancia de cal era a maneira de vivir dos pescadores da zona, os seus hábitos, costumes e vivendas.

Ademais proporciónase información sobre os nós mariñeiros, as especies capturadas e o marisqueo. A exposición da casa museo ofrece información interactiva a través de terminais táctiles, contidos audiovisuais en pantallas e proxeccións.

Casa Museo del Pescador. Cambados
Casa Museo del Pescador. Cambados

Casa Museo Neira Vilas (Vila de Cruces)

A modesta casa campesiña na que naceu o escritor Xosé Neira Vilas, na parroquia de Gres da súa Vila de Cruces natal, está declarada hoxe Ben de Interese Cultural e conta cunha excelente colección de máis de 300 pezas que nos abre as portas á Galicia tradicional. Cestería, apeiros domésticos, vestidos ou instrumentos musicais son só algúns dos obxectos que conforman un universo máxico que transporta as e os visitantes a outra época.

En 1993 a casa foille doada á Xunta de Galicia para a súa restauración e uso con fins culturais. A obra encargóuselle ao arquitecto César Portela e alí asentouse o museo etnográfico, xunto cunha biblioteca pública, unha sala de lectura para nenos e outra para adultos. Ademais, habilitouse unha nova construción anexa para actos e exposicións.

Casa Museo Neira Vilas en Vila de Cruces
Casa Museo Neira Vilas

Casa Museo Ramón Cabanillas (Cambados)

O legado literario do chamado “poeta da raza” custódiase nunha pequena edificación mariñeira situada no barrio de Fefiñáns, rehabilitada no ano 1990 para preservar a súa obra. Alí atopamos ambientes, influencias, testemuños, obxectos e un amplo abanico de matices que se recollen para lembrar ao poeta galego máis importante das Irmandades da Fala e antigo membro da Real Academia Española.

Ramón Cabanillas naceu e pasou a súa infancia en Cambados, onde regresou tras realizar os seus estudos no Seminario San Martín Pinario de Santiago. Na súa vila natal formou unha familia e traballou como oficial de contabilidade. Anos máis tarde comezou a súa aventura xornalística, emigrando a Cuba, onde escribe a súa primeira obra cantando á súa Cambados natal.

Casa Museo Ramón Cabanillas, Cambados
Casa Museo Ramón Cabanillas, Cambados

Casa Museo Irmáns Camba (Vilanova de Arousa)

Os irmáns Francisco e Julio Camba Andreu, escritores e xornalistas, naceron nunha antiga edificación mariñeira situada no barrio de Vilamaior. A vivenda anteriormente aloxou a biblioteca pública municipal e en 2002 foi acondicionada como casa museo para lembrar a figura destes literatos e preservar o seu legado.

A edificación, unha construción tipicamente galega, en cuxa fachada principal loce un escudo cuartelado en cruz con elementos ornamentais que indican as súas orixes nobres. O interior acolle unha completa exposición con coleccións da obra de Francisco e Julio Camba. Ademais, a casa é o punto de partida da ruta A Vilanova de Julio Camba.

Casa Museo Hermanos Camba, Vilanova de Arousa
Casa Museo Hermanos Camba, Vilanova de Arousa