Festivales Rías Baixas 2017
Buscador

Centros etnográficos da provincia de Pontevedra

Descubrir as tradicións e os costumes dun pobo axudaranos a comprendelo, a coñecer mellor o contorno xeográfico no que se desenvolven e a fixar na nosa memoria un grato recordo. Na provincia de Pontevedra contamos con numerosos centros orientados á preservación da cultura deste territorio no que as sucesivas civilizacións nos deixaron un rico legado, un patrimonio de incalculable valor cuxo descubrimento enriquecerá a visita de calquera que queira viaxar polas incribles Rías Baixas e aprender ao mesmo tempo.

Museo Etnográfico e do Viño (Cambados)

A antiga casa reitoral de Ricoi, construída no século XVI, acolle o Museo Etnográfico e do Viño de Cambados, o primeiro de Galicia e un dos primeiros de España dedicado á enoloxía. Próximo ás ruínas de Santa Mariña de Dozo, emblemático monumento cambadés do século XV declarado de Interese Turístico Nacional, o centro explica de maneira amena e entretida o proceso de elaboración do viño, ademais da súa vinculación coa arte e a cultura popular dunha localidade que cada ano vive intensamente a súa tradicional Festa do Albariño.

O museo componse de dous espazos diferenciados. Por unha banda, atópase a antiga casa reitoral, onde se nos desentrañará a historia do viño. A través dunha pasarela de cristal, esta permitiranos acceder a outro edificio de nova construción no que descubriremos diferentes salas relacionadas coa viticultura, a investigación, a vinificación e outros procesos. Ademais, o centro organiza actividades didácticas para grupos, catas e visitas guiadas pola Ruta do Viño.

Museo Etnográfico y del Vino en Cambados
Museo Etnográfico y del Vino en Cambados

Museo Liste (Vigo)

Conservar e expoñer a espléndida colección de Olimpo Liste Regueiro é o obxectivo do Museo Liste de Vigo, un centro que ofrece nas súas nove salas de exposición permanente unha visión globalizadora do patrimonio etnográfico galego. Con máis de 2.500 pezas da cultura tradicional galega, as e os visitantes poderán descubrir nel os oficios artesanais galegos, a cultura do cultivo do centeo, a roda tradicional, os peches, os tecidos, a madeira escavada, a luz, a materialidade da fe e a arte de curar.

A oferta do museo complétase con actividades e obradoiros para escolares de diferentes niveis educativos, actividades para grupos de persoas adultas, audicións didácticas, proxeccións audiovisuais, campamentos urbanos e investigacións con traballo de campo. Ademais, o edificio, de mediados do século XX, sitúase nun terreo de cinco mil metros cadrados con importantes especies arbóreas e construcións de gran valor etnográfico, coma un hórreo, unha fonte e un lavadoiro.

Museo Etnográfico Liste de Vigo
Museo Etnográfico Liste de Vigo

Centro Etnográfico de Terra de Montes ( Forcarei)

En Forcarei podemos visitar o completo Centro Etnográfico de Terra de Montes (CETMO), no que se expoñen máis de 700 pezas da vida cotiá e os oficios tradicionais, coas que se trata de debuxar un retrato do mundo rural da zona desde o século XIX ata a época preindustrial dos anos 60. Creada no ano 2000 da man da familia García Ruibal, o obxectivo desta proposta museística é evitar que a herdanza dos nosos devanceiros, a vida cotiá das mulleres e os homes do campo e doutros ámbitos fundamentais para a estrutura social da época, quede no esquecemento.

Situado nunha antiga vivenda exemplo de arquitectura tradicional galega, o museo divídese en varias salas nas que se aborda como eran a vivenda tradicional, os traballos do campo, os oficios vinculados á casa, o tecido artesanal do liño no século XIX, o papel das nenas e nenos, o fenómeno da emigración e os utensilios de diferentes oficios: carteiro, ferreiro, carpinteiro etc. Ademais, o CETMO conta con audiovisuais complementarios que axudarán as e os visitantes a revivir unha época non tan afastada.

Centro Etnográfico de Terra de Montes, Forcarei
Centro Etnográfico de Terra de Montes, Forcarei

Casa do Patrón (Lalín)

Máis de dous mil metros cadrados de exposición divididos en tres edificios albergan as máis de 4.500 pezas de toda a xeografía galega expostas no Museo Etnográfico Casa do Patrón, en Lalín. Nun fermoso contorno natural de carballos e castiñeiros próximo á canle do río Asneiro, o centro conta con trece salas expositivas organizadas tematicamente, nas que se pode descubrir como eran as antigas escolas, os hábitos de vida dos nosos antepasados, unha taberna típica de aldea, antigos oficios xa inexistentes, un forno de leña ou unha forxa tradicionais.

Ademais da proposta museística, a Casa do Patrón leva a cabo proxectos anuais para conservar a tradición, tratando de recuperar prácticas coma a sega do cereal, a malla, a moenda ou a matanza. No que se considera o maior museo de etnografía de Galicia tamén se programan obradoiros e actividades para todo tipo de públicos, tanto familiares coma escolares, sempre coa finalidade de manter viva a historia, a cultura, a espiritualidade e a beleza do rural galego.

Casa do Patrón, Lalín
Casa do Patrón, Lalín

Museo do Muíño de Mareas da Seca (Cambados)

Na espectacular ría de Arousa, entre as puntas de Tragove e Fefiñáns, en Cambados, atópase o Muíño de Mareas da Seca, denominado así por funcionar coa auga encorada debido á marea alta e que, ao baixar o nivel do mar, xera unha corrente capaz de impulsar as catro moas da construción. O proceso de moer levábase a cabo normalmente coa baixamar, dunhas tres horas de duración, en quendas diúrnas e nocturnas que permitían moer ata 800 quilogramos de cereal.

Entender o funcionamento dos muíños de mareas, construcións non moi frecuentes na comunidade galega, é o obxectivo deste espazo que antigamente contaba cunha presa de cinco comportas, muíño, vivenda, cortes e alpendre. Hoxe en día, tras a súa rehabilitación, só se conserva o muíño como centro museístico, para dar a coñecer como era a vida cotiá antigamente nesta fermosa localidade das Rías Baixas e para entender o funcionamento destas curiosas edificacións.

Museo del Molino de Mareas de A Seca en Cambados
Museo del Molino de Mareas de A Seca en Cambados

Pazo da Cruz (Covelo)

O Museo Etnográfico Pazo da Cruz, en Covelo, conta con máis de 3.800 pezas que o converten nunha das coleccións privadas máis importantes de Galicia e sitúase nunha casa grande do século XVI que conserva todos os elementos propios: portón con cruz e pináculos, patio empedrado, viñas, hórreo, forno de pedra para o pan, lareira e centos de pezas que trasladarán inmediatamente as e os que se animen a visitalo á Galicia do pasado.

O centro conta cunha exposición permanente na que poderemos aprender máis da historia do pan, os cereais, os muíños e os fornos; e tocar con nosas propias mans mobiliario da época, xoguetes tradicionais, fotos antigas e centos de pezas. Unha completa proposta, en definitiva, coa que as e os visitantes de Pazo da Cruz poderán descubrir en detalle como era a vida hai máis de tres séculos e coñecer así o patrimonio histórico, etnográfico e natural da zona en particular e de Galicia en xeral.

Pazo da Cruz en Covelo
Pazo da Cruz en Covelo