Patrimonio Cultural
Buscador

O silencio e a espiritualidade invaden algúns lugares da provincia de Pontevedra. Uns, inmersos en paisaxes naturais; outros en contornas urbanas; todos eles afastados do mundanal ruído detrás dos seus muros . Así son os conventos e a vida contemplativa de fe que elixiron varias comunidades de monxas e monxes que os habitaron noutras épocas e, nalgúns casos, ata a actualidade.

Ruínas de San Domingo (Pontevedra)

Os dominicos chegaron a Pontevedra a finais do século XIII e fundaron un convento nas proximidades da muralla da cidade, da que se conservan os seus restos. Máis tarde trasladáronse ao edificio do que hoxe perviven as chamadas Ruínas de San Domingo. O antigo convento, construído entre os séculos XIV e XV, é un dos monumentos de maior relevancia no patrimonio histórico e artístico de Pontevedra.

Consérvanse unicamente a cabeceira, de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, e parte do muro sur da igrexa, así como a entrada ao capítulo do convento de Santo Domingo, fundado en torno ao ano 1282. As ruínas, que forman parte do conxunto do Museo de Pontevedra, albergan unha ampla colección de escudos, lapidas gremiais e estatuas diversas.

Ruinas de Santo Domingo
Ruinas de Santo Domingo

Vista Alegre (Vilagarcía de Arousa)

Este convento de Vilagarcía de Arousa atópase en pleno centro do seu centro urbano, á beira do magnífico pazo Vista Alegre e unido oa leste por medio dun grande arco que os comunica. Este conxunto arquitectónico está catalogado como Monumento Histórico Artístico. A abadía, do século XVII, foi habitada pola Orde das Irmás Agostiñas Colleitas.

O convento de Vista Alegre edificouse unha centuria máis tarde que o pazo, por orde de Fernando de Andrade Sotomayor e Caamaño. Nese mesmo enclave existiu anteriormente unha capela en honra a San Cristóbal. Unha das modificacións máis importantes que sufriu produciuse no século XVII, cando se trasladou ao convento una das torres do pazo.

Vista Alegre
Vista Alegre

Santa Clara (Pontevedra)

Santa Clara

Este convento atopábase nos arrabaldes da antiga muralla de Pontevedra. Santa Clara fundouse no século XIII e nel instalouse unha comunidade de monxas clarisas. No interior podemos atopar un fermoso claustro con xardín en forma de cruz, un cruceiro e unha fonte que lembra á da praza da Ferrería.

A súa igrexa é de estilo oxival de finais do século XIV e conta cunha ábsida poligonal de maior altura que a nave, cunha bóveda única. Os retablos son de estilo barroco e albergan elementos doutro convento templario que ocupou o mesmo lugar. Un dos retablos máis rechamantes data do século XVIII e é de estilo churrigueresco.

San Bieito (A Guarda)

San Benito

Este convento beneditino situado na vila na que se atopa o magnífico xacemento arqueolóxico de Santa Trega, un dos tesouros das Rías Baixas, fundárono no ano 1558 os irmáns Ozores de Sotomayor. O motivo da súa creación era reunir os membros da familia con vocación relixiosa para que puidesen vivir en comunidade. Alí aceptaríanse tamén a outras mulleres de fe que quixesen participar neste retiro espiritual.

O bispo da Diocese de Tui, don Diego de Torquemada, acepta este feito e comeza as obras do convento e da igrexa, que finalizarían no ano 1561. Actualmente reconvertido en hotel, alberga un claustro, unha capela orixinal e unha biblioteca con libros do século XVI, así como unha importante colección con pezas de escultura e cerámica.

Convento de San Francisco (Pontevedra)

A fundación deste convento franciscano atribúese a San Francisco de Asís durante a súa peregrinación a Santiago no ano 1214 polo Camiño Portugués, feito que con todo non está documentado. A igrexa desta obra mestra do gótico pontevedrés, con planta de cruz latina con nave única, cuberta de madeira e cunha cabeceira de tres ábsidas poligonais, foi construída nos séculos XIV e XV. A súa fachada conta cun gran rosetón da época moderna e a pesar das modificacións que sufriu aínda conserva algúns elementos orixinais.

No interior deste Monumento Histórico Artístico, á esquerda do altar maior, podemos atopar a sepultura do histórico trobador e almirante do mar Paio Gómez Chariño, así como a de dous matrimonios nobres que se cre que datan do século XIII ou principios do XIV. Destacan tamén a talla da imaxe do Nazareno do século XIX e diferentes pinturas murais dos séculos XVI e XVII.

Convento de San Francisco
Convento de San Francisco

San Diego de Canedo (Ponteareas)

Sobre o antigo pazo do século XV dos Sarmiento, familia nobre á que pertenceron tamén outras históricas edificacións naprovincia de Pontevedra, como a Fortaleza de Salvaterra de Miño ou o castelo de Sobroso , construíuse este convento. Os franciscanos empezaron no século XVIII a reforma do conxunto arquitectónico. Primeiro acabouse a igrexa e posteriormente remodelouse o pazo para convertelo en convento.

O complexo conta cunha igrexa conventual de 1777, con planta de cruz latina e tres naves, e un sinxelo claustro de reducidas dimensións, construído no século XVIII. Doutra banda, destaca a mampostería dos seus muros e a da portada da igrexa de San Diego de Canedo, elementos nos que se aproveitou a pedra do edificio orixinal.
No edificio que ocupa o convento de Canedo na actualidade, naceu unha das meninas do universal cadro de Velázquez, Agustina Sarmiento.

San Bieito de Pereira (Cuntis)

San Benito de Pereira

O convento de San Benito de Pereira, habitado por monxas beneditinas de clausura, atópase nunha fermosa contorna natural, moi próxima ao centro do municipio. Un amplo portón, coroado por unha cruz de pedra e un par de pináculos, dános a benvida a este edificio cunha fachada de estilo neoclásico do século XIX presidida pola imaxe de San Bieito.

No adro, desde onde se poden ver a igrexa e a casa do sancristán, atopamos un fermoso cruceiro coa imaxe da Virxe cunha daga no corazón. A súa base está decorada cun peto de ánimas de estilo barroco.

No interior da igrexa, o altar maior, que busca semellanzas coa columnata de Bernini da Basílica Vaticana de San Pedro, conserva varias representacións relixiosas dun valor incalculable, como a imaxe de San Bieito e a súa irmá Santa Escolástica, ou o popular Demo de Pereira, unha escultura que escenifica a morte de Satanás, executada por San Miguel.

Dominicas de Baiona

Este convento de clausura da orde relixiosa das dominicas, habitado na actualidade, é un dos edificios máis emblemáticos do conxunto histórico do municipio de Baiona. A súa fundación, por dona Maior Fernández Acuña, remóntase ao ano 1547, e levantouse sobre un antigo do século XIII que se atopaba nese mesmo sitio.

Este conxunto arquitectónico granítico consta de capela, convento, horta e granxa. O retablo do altar maior da capela, de estilo barroco, está dedicado á patroa de Baiona, a Virxe da Anunciación.