Patrimonio Cultural
Buscador

O patrimonio relixioso da provincia de Pontevedra é case inabarcable. En toda a provincia atopamos fermosas igrexas, maxestosos mosteiros, conventos, santuarios e outros lugares de retiro nos que reinan a espiritualidade e a quietude. Dentro desta enorme riqueza ocupan un espazo propio pola súa historia, valor simbólico ou singularidade grandes templos e outros lugares de culto que forman parte da identidade das Rías Baixas.

Catedral de Santa María de Tui

A cidade de Tui, na ribeira do río Miño, está repleta de historia, e un paseo polas súas rúas transpórtanos ao seu ilustre pasado. A xoia da Coroa deste patrimonio é a catedral de Santa María de Tui, cuxa construción se iniciou no século XII tras as invasións sarracenas e normandas. Naquel momento a vila volvía ser sede episcopal e os bispos, co respaldo da nobreza, impulsaron a construción do templo.

A planta da catedral é románica, do mesmo xeito que os muros exteriores, portada norte e a fantástica iconografía dos seus capitais. A fachada principal foi a primeira na península ibérica realizada en estilo gótico, e no seu tímpano hai diversas escenas relacionadas co nacemento de Cristo. O altar relicario da capela das Reliquias, o Museo Catedralicio e o seu claustro – de gran beleza e harmonía, e o único gótico conservado nas catedrais galegas- marabillarán os e as visitantes. A panorámica desde o Torreón dos Soutomaior é espectacular.

Catedral de Santa María de Tui
Catedral de Santa María de Tui

A Peregrina (Pontevedra)

O santuario da Peregrina é un emblemático monumento relixioso pero a súa importancia transcende a fe católica e as fronteiras. Esta edificación, cunha singular planta en forma de cuncha de vieira, converteuse en imprescindible da silueta de Pontevedra e a súa praza é un dos puntos neurálxicos da cidade. Alí fan parada persoas de todas as nacionalidades que transitan o Camiño Portugués de Santiago e polo lugar pasan a diario centenares de veciños e veciñas desta cidade que destaca polo seu modelo peonil.

A Peregrina foi construída a partir de 1778 e declarada monumento histórico-artístico en 1982. Mestura o barroco tardío con formas neoclásicas, coma o seu retablo maior, erixido en 1789. O santuario está dedicado á virxe, que, segundo a tradición, guiaba os peregrinos e peregrinas desde Baiona a Santiago. Ademais, A Peregrina é a patroa da provincia, e no interior do santuario pódese observar unha pía para a auga bendita fabricada sobre unha cuncha de molusco que trouxo Méndez Núñez desde o Pacífico.

La Peregrina
La Peregrina

Concatedral de Vigo

Concatedral de Vigo

Situado na parte baixa do centro histórico, preto da Praza da Pedra e do mar, atópase este magnífico templo, coñecido popularmente como A Colexiata e que acolle a imaxe do Cristo da Vitoria, símbolo relixioso máis importante de Vigo.

A Concatedral empezouse a construír en 1811 segundo o deseño do arquitecto Melchor de Prado e Mariño, e está considerada un dos mellores exemplos de arquitectura neoclásica galega.
A planta é basilical de tres naves, a central é máis alta que as laterais e a separación entre elas faise a través de doce columnas dóricas.

A fachada principal ten unha ornamentación sinxela, cunha composición clara e simétrica. O corpo central remata nunha ampla cornixa adornada con mútulas e perfís rectos, coroado o conxunto por un frontón triangular. Cabe destacar o Reloxo de Sol, situado na fachada ao lado dereito, colocado en 1837 obra do escultor Juan Agustín Domínguez.

Basílica de Santa María a Maior

Santa María la Mayor

Pontevedra alberga unha das obras cume do gótico de Galicia. A fermosa Basílica de Santa María a Maior, símbolo de poder do gremio de mareantes da cidade na Idade Media, é un dos principais reclamos turísticos da capital de provincia.

O templo está formado por tres naves con bóvedas de crucería e sobresae o Altar Maior, cunha imaxe da Asunción da Virxe no centro rodeada de anxos e apóstolos. A fachada foi concibida como un gran retablo en pedra, e os seus artífices foron Cornelius de Holanda e Joâo Nobre. Nela únense os estilos plateresco e manuelino, con abundante iconografía e mesmo un retrato en escultura de Cristóbal Colón.

Nas capelas laterais destacan os altares de Santa Rita, a Virxe do Carme e San Antón mentres que no acceso lateral se atopa o Cristo da Boa Viaxe, patrón do gremio de mareantes, a quen os mariñeiros acudían a rezar a altas horas da madrugada antes de saíren ao mar. A Torre das Campás ten unha escaleira con máis de 100 chanzos que rematan nun recinto museístico e un miradoiro con vistas ao centro histórico e á ría de Pontevedra

Templo Votivo del Mar

Templo Votivo do Mar (Nigrán)

A vila mariñeira de Panxón, en Nigrán, alberga un fabuloso templo obra do insigne arquitecto Antonio Palacios, nacido en Porriño e autor dunha magnífica obra en Madrid, na que destacan importantes edificios coma o Palacio de Comunicacións ou o Círculo de Belas Artes.

O Templo Votivo de Panxón, construído entre 1932 e 1937, foi consagrado á Virxe do Carme nun abigarrado estilo con influencias moi diversas. A pedra emprégase espida nunha tipoloxía rexionalista con marcados trazos góticos e mesmo islámicos se nos detemos na tracería interior da cúpula con policromía, inspiración bizantina e decoración neomudéjar.

Capela das Cunchas da Toxa (O Grove)

Capilla de las Conchas de A Toxa

O revestimento de cunchas de vieira naturais é a gran singularidade da capela da Illa da Toxa (O Grove), que data do século XII pero foi reconstruída co seu aspecto actual no século XIX. É a única en Galicia con esta particularidade, que non se debe a un motivo estético senón funcional xa que as cunchas se utilizaban en construcións situadas preto do mar ao proporcionar un eficaz illante da humidade.

A ermida desta illa, famosa polas súas augas medicinais, desde hai décadas centro termal de primeiro nivel, ten planta de cruz latina e estivo no pasado dedicada a San Sebastián pero a imaxe principal pasou a ser a da Virxe do Carmen tras a reforma. Alí hónrase a San Caralampio, mártir do século III que é patrón das enfermidades da pel, de aí o culto nesta illa con grandes balnearios.

Igrexa de San Tomás Beckett (Caldas de Reis)

O único templo galego dedicado ao arcebispo de Canterbury e gran chanceler de Inglaterra (1118-70) atópase en Caldas de Reis, vila termal pola que pasa o Camiño de Santiago. Tomas Becket peregrinou a Compostela facendo un alto nesta localidade. A igrexa baixo a súa advocación foi construída a finais do século XIX cos restos da torre medieval da raíña Dona Urraca na que nacera o seu fillo, o rei Alfonso VII de Castela e León.