Patrimonio Cultural
Buscador

Cemiterios singulares

Os cemiterios poden ser auténticas obras de arte. Pola súa arquitectura, esculturas, mausoleos e, en definitiva, historia. Achégannos ás distintas escolas que dominaron a arte funeraria en diferentes épocas na provincia de Pontevedra e alí descansan, ademais, ilustres personaxes, desde grandes escritores a músicos, líderes políticos e insignes empresarios.

O necroturismo, unha alternativa turística para coñecer e descubrir camposantos, é unha modalidade estendida en Europa , con referentes coma o afamado cemiterio parisiense de Le Père-Lachaise, que alberga as tumbas de personalidades da talla de Jim Morrison, Óscar Wilde ou Frederic Chopin, e é un dos máis visitados do mundo. Nas Rías Baixas podemos atopar algúns cemiterios singulares que non deixarán indiferente a ninguén.

Santa Mariña de Dozo (Cambados)

Este camposanto da vila cambadesa, un dos máis rechamantes e bonitos de Galicia, atópase nomonte da Pastora. Foi declarado Monumento Histórico Artístico e está incluído no catálogo da Asociación de Cemiterios Singulares de Europa.

Alí atópanse as ruínas dun antigo templo gótico do século XV, do que aínda se conservan os seus arcos tallados con bólas e adornados con esculturas de escenas bíblicas. Destas representacións unha das máis sobresaíntes é a dos sete pecados capitais.

Aínda que no interior das ruínas do antigo templo hai algunhas tumbas a maioría das lápidas atópanse nos arredores desta construción de estilo gótico. Algúns dos personaxes que se poden localizar neste cemiterio son membros da familia que ten en propiedade o pazo de Bazán. Ademais, están enterrados alí a esposa e un fillo do soado escritor Ramón María del Valle-Inclán.

Cementerio de Santa Mariña do Dozo en Cambados
Iglesia de Santa Mariña do Dozo en Cambados

Pereiró (Vigo)

Este cemiterio, obra do ilustre arquitecto Jenaro de la Fuente, é o máis grande da cidade olívica e recoñecido pola riqueza das esculturas que alberga. Nesta visita o Dodge “Carneiro”, un coche fúnebre dos anos 30, en perfecto estado de conservación, dános a benvida e convídanos a descubrir a magnífica necrópole.

Un dos monumentos máis destacados é un monólito, obra do arquitecto Manuel Gómez Román, levantado polo Concello na honra á xurista e escritora Concepción Arenal. Un mausoleo destaca tamén neste lugar, neste caso encargado pola Cruz Vermella ao arquitecto Julio González Pola. Réndelles tributo aos falecidos na cidade tras ser repatriados de Cuba e Filipinas , coa escenificación dun soldado moribundo.

Outra das esculturas máis impactantes, debido á súa expresividade, escenifica un grupo de tres nenas e a morte levando a unha delas. A obra foi un encargo da familia Gil y Sarabia ao escultor Francisco Asorey. Ademais, grandes personalidades de diferentes ámbitos foron enterradas neste cemiterio, coma Cachamuíña, heroe da Reconquista; membros das sagas Alfageme, Massó y Albo, da industria conserveira; o que fora ministro e encargado da abolición da escravitude durante a rexencia de Cánovas, José Elduayen Gorriti; ou Heraclio Botana, líder obreiro fusilado no ano 1936 neste mesmo cemiterio.

Cementerio Pereiró en Vigo
Cementerio Pereiró en Vigo

San Mauro (Pontevedra)

Este cemiterio, de estilo neoclásico e o máis grande da capital, foi construído e deseñouno a finais do século XIX o arquitecto Alejandro Rodríguez-Sesmero debido a que o antigo camposanto da cidade quedaba pequeno. Desde aquela sufriu variacións e unha das máis importantes produciuse nos anos 60 co traslado da igrexa románica de San Mamede de Moldes ao interior do seu recinto.

No cemiterio de San Mauro conflúen épocas e estilos arquitectónicos diversos, columnas partidas, baldaquinos ou significativos mausoleos. Algunhas das tumbas máis destacadas son a de Ramiro Trapote, en mármore; a do poeta Andrés Muruáis; as de Eduardo Vincenti e Dolores Montero, con bustos en bronce; e a do violinista Manuel Quiroga Losada, adornada cunha talla do escultor Francisco Asorey.

Outro referente arquitectónico na ruta por esta necrópole é o panteón da familia Sánchez Cantón, cunha imaxe de San Francisco que pertenceu á desaparecida capela barroca dos Santos de Mollabao. O camposanto inclúe unha sección onde se atopan enterradas algunhas persoas represaliadas no ano 1936, coma o político Alexandre Bóveda ou o filósofo Indalecio Armesto . A tumba deste último sobresae pola súa gran simboloxía masónica.

Cementerio de San Mauro en Pontevedra
Cementerio de San Mauro en Pontevedra

Cemiterio Inglés de Vilagarcía de Arousa

Esta necrópole é de gran relevancia polo seu interese histórico pois rememora o paso da Armada británica polo porto da localidade a principios do século XX. É o único camposanto inglés da provincia de Pontevedra.

O cemiterio Naval Británico, o seu nome oficial, construíuse no ano 1911 para albergar os restos dos soldados ingleses falecidos xa que ao ser protestantes non podían ser enterrados no sacramental católico. Aquí descansan tamén algunhas personalidades coma o que fora cónsul británico en Vigo, Alexander Linsay, e a súa esposa, cuxo falecemento se produciu nos anos 70. Son dous dos últimos enterramentos que tiveron lugar neste cemiterio.

Cementerio de los ingleses en Vilagarcía
Cementerio de los ingleses en Vilagarcía

Os Eidos (Redondela)

No centro da localidade por excelencia dos viadutos das Rías Baixas atópase este cemiterio, cuxa construción se remonta aos anos 30 do século XIX. Alberga tallas e panteóns de gran valor artístico que, na súa maioría, desprenden un marcado eclecticismo. Destacan sepulcros coma o do alcalde Ramón Pardo Ferro, cunha escultura que escenifica a fe cos ollos vendados; ou o mausoleo do procurador Francisco Crespo Rivas, cunha columna coroada cunha gran pirámide deseñada en Arxentina.

O Cemiterio dos Eidos é tamén de gran valor histórico pois contén unha fosa común cos restos de 42 republicanos represaliados durante a Guerra Civil. Outro acontecemento bélico como é o da Guerra da Independencia Española tamén deixou pegada neste camposanto coa tumba de John O'Dogherty, un dos heroes da batalla de Ponte Sampaio.

Os Eidos
Os Eidos

Cemiterio de Arcos de Furcos (Cuntis)

O cemiterio de Arcos de Furcos gañou con suor o título de singular xa que se trata do único subterráneo de Galicia. Este camposanto, situado no contorno natural da igrexa de San Breixo, foi construído nos anos 40 coa colaboración dos veciños e veciñas da aldea. Para chegar ás catacumbas de Arcos de Furcos hai que acceder por unha escaleira ao armazón de galerías, a cinco metros de profundidade, que albergan un total de 245 nichos.

Cementerio de Arcos de Furcos en Cuntis
Cementerio de Arcos de Furcos en Cuntis