cabecera_camelia
Buscador

Paisaxe e historia mestúranse en perfecta harmonía na provincia de Pontevedra a través do seu rico patrimonio fortificado de castelos, fortalezas, murallas e torres. Testemuñan un pasado de batallas, invasións, feudos, revoltas e loitas de poder en Galicia, os demais reinos da España no medievo e Portugal. Somos Historias, e moitas delas están escritas con lume na pedra deste legado. A ruta polas Rías Baixas depara apaixonantes relatos esculpidos sobre estes recintos situados en contornas idílicas.

O castelo de Soutomaior, outrora centro de poder de gran relevancia en España e Portugal na época medieval, desde onde aseñorou Pedro Madruga no século XV, impoñente altar ao fondo da ría de Vigo, que rodea un Xardín de Excelencia Internacional. O de Sobroso, no que foi asediada a raíña Dona Urraca, domina o entorno entre Mondariz e Ponteareas. Ambos os dous representan as xoias da Coroa do patrimonio fortificado da provincia e nunca deben faltar nunha visita ás Rías Baixas.

Castillo de Soutomaior
Torre San Sadurniño, Cambados

As robustas e monumentais fortalezas son outros grandes atractivos deste destino. Eríxense sobre paisaxes asombrosas, como a de Monte Boi, cos seus tres quilómetros de murallas custodiando Baiona, un referente turístico internacional. Ou as de Salvaterra do Miño, Goián (Tomiño) e Santa Cruz (A Guarda), defendendo nalgún tempo o territorio á beira do río Miño. E a do Castro, en Vigo, cuxas murallas hoxe rodeadas por un apracible bosque nos regalan desde a súa cima, impagables vistas á Ría e as Illas Cíes.

As torres da provincia son orgullosos vestixios dunha época de desembarcos e invasións. Na Lanzada (Sanxenxo) e San Sadurniño (Cambados) érguense en extraordinarias paraxes costeiras. Do mesmo sistema defensivo formaban parte as torres de Oeste, en Catoira, onde a ría de Arousa dá paso ao río Ulla. Alí arribaban os viquingos para asaltaren Compostela e levar os seus tesouros.

Castillo de Sobroso
Parador de Baiona

De norte a sur e de leste a oeste impresionarache o patrimonio fortificado da provincia de Pontevedra. Aquí cho mostramos. Ven e descúbreo.