cabecera_camelia
Buscador

O maxestoso castelo de Soutomaior aseméllase pouco á fortaleza militar que afunde as súas raíces no século XII. Ao longo da súa azarosa historia como centro de poder feudal, escenario de batallas, residencia de verán nobiliaria e hoxe monumento público visitable cun Xardín de Excelencia Internacional da Camelia, sufriu varias reconstrucións e rehabilitacións deica conformar a súa impoñente e formidable arquitectura e o  seu perfil actuais.

A orixe da fortaleza remóntase ao reinado de Alfonso XII, cando se construíu unha estrutura militar e defensiva nun lugar estratéxico de Soutomaior. Dun lado o recinto sitúase preto da costa pero ao tempo protexido das invasións marítimas de normandos, turcos ou piratas ao erixirse sobre rocas, a 119 metros sobre o nivel do mar, ao fondo da ría de Vigo. Doutro, permitía controlar as comunicacións de norte a sur e dominaba o val do río Verdugo desde a súa confluencia co Oitavén ata a desembocadura.

O solo sobre o que se asenta é, ademais, rico para o cultivo, o que, unido ao emprazamento con fins estratéxicos e defensivos, o convertía en idóneo para aseñorar o feudo.

Castillo de Soutomaior
Castillo de Soutomaior

O castelo evolucionou de torre de defensa a fortaleza con dobre recinto amurallado no século XV. A súa figura central nesa etapa foi Pedro Álvarez de Sotomayor, máis coñecido como Pedro Madruga. O nobre posuíaa ademais o título de conde de Camiña, vizconde de Tui e mariscal de Baiona, e existen investigacións sobre a súa figura que apuntan a que podería ser Cristóbal Colón ante as coincidencias entre ambos os dous sobre amigos e rivais, así como pola toponimia ligada ás Rías Baixas coas que foron bautizados decenas de lugares do Novo Mundo.

O castelo, destruído na revolta campesiña, foi erixido de novo e adaptado para o emprego de armas de fogo, que acababan de introducirse en Galicia

Pedro Madruga converteu a fortaleza de Soutomaior no seu centro de operacións nas loitas de poder na Galicia da época. Mantivo contendas coa xerarquía eclesiástica e con outras familias nobiliarias galegas, coma os Sarmiento, e situouse a favor da Beltranexa na Guerra de Sucesión.

O castelo destruírano durante a revolta campesiña dos Irmandiños, e o nobre interveu para a súa reconstrución, adaptándoo ademais ao emprego das armas de fogo, que acababan de introducirse en Galicia. O recinto viviu entón a súa época de maior esplendor.

Residencia de verán

Nos séculos seguintes a fortaleza viviu un longo declive debido en gran parte a preitos familiares. Xa a piques de concluír o século XVIII pasaría a mans de Benito Fernando Correa, que colocou o seu escudo de armas no acceso principal. No XIX asumiría a propiedade o marqués de la Vega de Armijo, e aquí produciríase un cambio clave na arquitectura do castelo xa que se construíu a “Galería das Damas”. O recinto pasaría a ser así metade fortaleza, metade palacio neogótico, e a familia utilizábaa como residencia de verán.

Desa época datan tamén o formidable parque e os xardíns do castelo, que substituíron as milleiras. As árbores máis antigas son os castiñeiros, con 800 anos de antigüidade, pero  tamén conta cunha fantástica riqueza botánica, con árbores de gran porte e unha excelente colección de camelias.

María VinyalsMembros da familia Riestra comparten afeccións e conversa nun dos salóns da súa casa na Caeira (Poio) con varios amigos. Na imaxe aparecen María Vinyals e o seu marido, o marqués de Ayerbe, xunto a Francisco, Teresa e Raimundo Riestra, Rosario Federico e a marquesa de Riestra
María VinyalsO marqués de la Vega de Armijo sentado nun banco do xardín do castelo do marqués de Mos, en Soutomaior, acompañado do marqués de Ayerbe (segundo pola esquerda) e a súa muller, María Vinyals (primeira pola dereita). Ao lado da marquesa de Ayerbe sitúase un home que podería ser o doutor Lluria. A muller sentada á esquerda do marqués de la Vega de Armijo é Agustina Ferrés, nai de María Vinyals. O neno é Antonio Jordán de Urríes Vinyals, fillo dos marqueses de Ayerbe

A filla do marqués, María Vinyals, foi a seguinte propietaria. Escritora, políglota e incansable na defensa das mulleres, a nobre, coñecida como a “Marquesa Vermella”, naceu e pasou a súa infancia na histórica fortaleza do val do río Verdugo. Ao longo da súa vida trabou amizade con outras destacadas mulleres da súa época, coma Emilia Pardo Bazán ou Carmen de Burgos. Converteu o castelo en lugar de encontro entre artistas de diferentes disciplinas e foi, ademais, unha gran viaxeira. Aínda que viu moito mundo nunca esqueceu as súas orixes e confesouse sempre unha namorada da súa terra, sobre cuxa beleza escribiu, do mesmo xeito que sobre a fortaleza e as xestas históricas na súa contorna.

A Deputación de Pontevedra adquiriuno en 1982 e hoxe afronta unha nova época dourada tras a súa recuperación e a musealización do recinto 

A María Vinyals debémoslle tamén o coñecemento sobre a pantasma do castelo, “O Alemanote”. Este, en vida un home nado e educado en Heidelberg, sería preceptor do sobriño dun anterior propietario da fortificación. Conta a lenda que nos sotos instalaría un laboratorio e descubriría a fórmula para fabricar a arma definitiva que decantaría a I Guerra Mundial a favor de Alemaña. Con todo, falecería nunha saída dacabalo antes de poñela en práctica. Un xornalista da época que visitou o castelo, convidado por Vinyals e o doutor Lluria, o seu marido, escoitou a historia de boca do propia pantasma, que se lle apareceu nun dos salóns, e cumpriu a súa petición de destruír a fórmula.

María VinyalsMaría Vinyals, marquesa de Ayerbe, acompañada dunha muller e dun home, na galería do castelo do marqués de Mos, en Soutomaior

A fortaleza saíu a poxa en 1917 e sufriu nas décadas seguintes un novo período de decadencia. Tras varias operacións de venda e unha deterioración progresiva, en 1982 adquíreo a Deputación de Pontevedra, que realiza unha profunda rehabilitación. Esta incluíu unha modificación da Galería das Damas grazas á cal se puideron recibir visitas, abrindo así mesmo un miradoiro sobre o patio de armas.

Soutomaior afronta agora unha nova época dourada. A musealización interior é a pata que completa o atractivo histórico e botánico desta impresionante fortaleza que atrae cada ano a máis visitantes e está chamada a converterse nun referente internacional de primeira orde. Un símbolo do patrimonio fortificado da provincia de Pontevedra e do destino Rías Baixas. A historia continúa…