cabecera-patrimonio-literario
Buscador

A ría de Vigo inspirou aos trobadores medievais galegos e a Jules Verne. Emilia Pardo Bazán atopou un remanso de paz para escribir no balneario de Mondariz e nas terras de Deza, do mesmo xeito que María Vinyals deu coa atmosfera idónea para deixar voar a súa imaxinación no castelo de Soutomaior, polo que correu de nena e onde convidou a grandes personaxes da época.

Illa de San Simón en Rías Baixas
Pergamino Vindel

A vida en Vila de Cruces foi a principal fonte da que bebeu Xosé Neira Vilas. Vilanova de Arousa viu nacer e esporeou a creatividade de Ramón María del Valle-Inclán, do mesmo xeito que o talento de Francisco e Julio Camba. Bernardino Graña, o poeta do mar, cantoulles aos pescadores de Cangas e á forza e inmensidade da paisaxe do Morrazo; e un cordón umbilical irrompible une a Cambados con Ramón Cabanillas, cuxa escultura observa o horizonte sentado nun banco da vila.

Castelao pasou anos centrais da súa vida nunha Pontevedra que vivía daquela un dos seus grandes períodos de efervescencia intelectual. Cantares Gallegos, obra que marcaría o Rexurdimento da lingua galega, imprimiuse en 1863 en Vigo. Ambas as cidades foron historicamente e ata hoxe sementeira de escritores e escritoras, de berce uns e chegados de diferentes lugares outros, todos eles imbuídos do seu rico ambiente literario.

O idilio da provincia de Pontevedra co mundo das letras abarca todos os seus recunchos. A lista de creadores e creadoras nacidos nas Rías Baixas esténdese desde o medievo ata os nosos días, e personalidades vindas doutras provincias e latitudes viviron aquí episodios fundamentais ou centrais das súas vidas. Álvaro Cunqueiro, María Victoria Moreno –a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas-, Carlos Casares, Agustín Fernández Paz e unha longa nómina de creadores son máis que ilustres pontevedreses e pontevedresas de adopción.

Café Moderno en Pontevedra
Café Moderno en Pontevedra, lugar de reuniones literarias

Outras e outros teñen aquí as súas raíces, como a brasileira Nélida Piñón, con orixes en Cotobade. E as estancias breves tamén deixaron a súa pegada en grandes escritores e escritoras universais. En Verne, que lle deu a coñecer ao mundo os tesouros de Rande; ou en Julio Cortázar, que se daba baños “como Poseidón” en Nigrán .

Unha terra que respira literatura na súa idiosincrasia, cultura e paisaxes máxicas.

Despois de vivir noutros climas e admirar outras paisaxes comprendemos que nada existe no mundo comparable á provincia de Pontevedra.

María Vinyals