cabecera-patrimonio-literario
Buscador

Escribir nas Rías Baixas é sinónimo de talento e bo facer. Boa conta diso dana as grandes escritoras e escritores que ao longo da historia demostraron que a provincia de Pontevedra é o berce onde as musas axudan a tecer as máis fermosas letras de amor, acción, aventura, emoción, traizón e desengano. Lírica e prosa combínanse a través do talento creativo pontevedrés para debuxar un entorno de paisaxes, fortalezas, monumentos e festas ancestrais, convertendo este rico patrimonio en inmortal e universal grazas ao relato das súas grandes obras.

A beleza musical da ría de Vigo

Cando no século XIII o trobador Martín Códax lles cantaba ás ondas do mar de Vigo e a incerteza da namorada ansiosa polo reencontro co seu amado non só seducían o público coa suxestiva beleza dos seus versos senón que nos trasladaban a unha paisaxe na que o mar debuxa unha das máis belas rías galegas. Con forza da auga ante a histórica illa de San Simón e a riqueza tradicional de Cangas Mendinho e Xoán de Cangas enxalzaron tamén coas súas cantigas de amigo unha paisaxe de praias paradisíacas dominada por unha rica fauna e flora, que ofrece, coas illas Cíes como fiel testemuña, recordos difíciles de esquecer a quen a visita.

Do Morrazo é outro insigne autor das letras galegas, Bernardino Graña, lúcido e honesto narrador que retrata coma ninguén en lingua galega a súa Cangas natal, que vive do mar e morre no mar. Tamén do mar vigués beben as novelas do recoñecido autor Domingo Villar, cuxo personaxe Leo Caldas, traspasou as fronteiras para internacionalizar a beleza da ría viguesa e da incrible contorna natural de Panxón, en Nigrá, o destino idílico non para os crimes que nos relata a pluma viguesa de Villar senón para calquera verán en familia. Porque Vigo e o seu Bueu de adopción, en palabras doutro ilustre da literatura en galego, Johán Carballeira, son o fiel retrato da “Galicia profunda e auténtica”, a que merece ser visitada e gozada.

A pegada do Salnés

O mago do esperpento, Ramón María del Valle-Inclán , iniciou desde o seu Vilanova de Arousa natal, no máxico territorio do Salnés, un percorrido vital por lugares cun gran patrimonio histórico coma Pontevedra ou Cambados , onde fascinaría pola súa verborrea mentres as rúas desta vila mariñeira definirían na súa prosa unha pegada que nunca o ía abandonar. Polos mesmos camiños, coa Torre de San Sadurniño como fiel vixiante, paseou outro ilustre das letras galegas, o comprometido “poeta da raza” Ramón Cabanillas, quen lle cantou ao súa Cambados natal , que dorme “deitado ao sol, á beira do mar”, e ás bondades do seu viño Albariño, “ouro dá terra”, con festa declarada de Interese Turístico Nacional todos os primeiros domingos de agosto.

Tamén de Vilanova de Arousa eran dous ilustres irmáns das letras españolas, Francisco e Julio Camba, caracterizados por unha escritura clara e enxeñosa e cuxa casa podemos aínda visitar mentres gozamos da natureza salvaxe que ofrecen as praias da Illa de Arousa. E é que a zona do Salnés é coñecida polo carácter único de vilas costeiras coma Sanxenxo ou Vilagarcía de Arousa, a beleza de illas como a da Toxa e a riqueza dunha gastronomía que deleita a calquera padal, esa arte que, segundo a lingua mordaz de Julio Camba, é “das clases medias e, mellor aínda, desas clases alternas que pasan meses de privación e semanas ou días de opulencia”.

Estatua de Valle Inclán en Pontevedra
Casa Museo de Valle Inclán en Vilanova de Arousa

Escenarios de batallas tamén literarias

A provincia de Pontevedra, o “xardín de España, verxel de Galicia” segundo as súas propias palabras, foi constante fonte de inspiración dunha escritora de fortes compromisos feministas, María Vinyals. A súa vinculación como propietaria do castelo de Soutomaior ao patrimonio fortificado pontevedrés, que conserva hoxe en día a esencia dun romántico mundo de batallas e loita contra as desigualdades infestado de torres e fortalezas que decoran as nosas paisaxes, faino merecedora dun espazo dedicado no novo proxecto de musealización, con numerosos recursos interactivos e propostas didácticas que farán as delicias de todos os públicos.

Desde o interior da provincia xestaríase tamén a vida loitadora do mítico neno Balbino, cuxa azarosa vida polo interior rural pontevedrés inmortalizou en “Memorias dun neno labrego” Xosé Neira Vilas, seguramente inspirado pola beleza da súa Vila de Cruces natal, coñecida na actualidade pola súa reputada oferta termal . Grandes obras da literatura infantil e xuvenil son tamén o legado de Fina Casalderrey, nacida en Xeve e vinculada aínda hoxe en día á súa amada cidade do Lérez, quen recolle nos seus fantásticos relatos e escritos os froitos do seu interese e curiosidade pola rica etnografía pontevedresa: gastronomía, construcións tradicionais, festas populares, xogos, cantigas, refráns, lendas, etc.

A auga como fonte de inspiración

“Un militante da palabra libre e crítica” era o xornalista e poeta Roberto Blanco Torres, orixinario de Cuntis, cuxa tradición como destino termal remonta a comezos do século XIX. Tamén do interior provincial son o historiador e investigador Xesús Ferro Couselo, oriúndo de Valga , e o poeta Fermín Bouza Brey, nacido en Ponteareas e habitual cantor da beleza pontevedresa en inesquecibles versos coma os que lles dedicou ás augas da máis grande das rías galegas: a “Ria de Arousa, grávida de côres, serêa dos atlânticos amores que acarinhache a minha infância sinxela” (“Ría de Arousa, grávida de cores, sirena dos atlánticos amores que consentiches a miña infancia sinxela”).

Tui , la antiga urbe medieval que constituíu unha das sete antigas provincias do antigo Reino de Galicia, é o lugar de orixe do gran bibliófilo e poeta Manuel Lago González. Da capital tudense, próxima á espectacular paisaxe que O Miño debuxa como fronteira natural coa veciña Portugal, é tamén o polifacético escritor e investigador Xosé María Álvarez Blázquez, recoñecido pola súa faceta de poeta, reconstrutor do tecido editorial galego e cronista oficial de Vigo, a cidade industrial por excelencia de Galicia á que lle dedicou o seu talento como narrador do seu relato colectivo.

Pontevedra, cidade modélica e inspiradora

Xunto a Curros Enríquez, Eduardo Pondal e Rosalía de Castro considérase que o pontevedrés Juan Manuel Pintos foi un dos impulsores do “Rexurdimento” ou rexurdir das letras galegas despois de anos de escuridade creativa, ao que tamén contribuíu o estradense Marcial Valladares, autor da primeira novela moderna en lingua galega, “Maxina ou a filla espúrea”. E da capital da provincia , cidade modélica a nivel nacional e internacional pola súa calidade, mobilidade e accesibilidade, é tamén orixinario José Filgueira Valverde, “o vello profesor”, recoñecido polo seu traballo divulgativo a favor da lingua e da cultura galega e creador en 1927 do Museo de Pontevedra , un conxunto de seis edificios históricos onde atopar nutridas coleccións de escultura, pintura, cerámica, fondos arqueolóxicos e outras obras de arte que nos permiten facer un percorrido pola historia da provincia.

Esta orixe na cidade do Lérez é compartido polo vangardista poético Luis Amado Carballo, vinculado emocionalmente tamén a outra fermosa localidade mariñeira da provincia, Bueu , con praias de película e unha gran riqueza etnográfica. Pero o talento creativo da provincia amplíase con prometedoras carreiras como as de Manuel Jabois, Fran Alonso, Iolanda Zúñiga, Manuel Loureiro, Francisco Castro e unha infinidade máis de escritoras e escritores que, seguro, aínda teñen moitas páxinas que nos regalar grazas ás súas musas, sen dúbida alimentadas pola inspiradora riqueza patrimonial da provincia de Pontevedra.

Casa Museo de Valle Inclán
Café Moderno en Pontevedra