cabecera-patrimonio-literario
Buscador

María Victoria Moreno e Pontevedra

Estremeña de berce… e pontevedresa e galega polos catro custados. Así era María Victoria Moreno, escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018, que viviu 40 anos na cidade do Lérez, onde formou a varias xeracións de mozas e mozos, primeiro como profesora no Instituto Feminino (agora IES Valle-Inclán) e posteriormente no IES Torrente Ballester, centro ao que lle legou a súa biblioteca persoal, con máis de 4.000 exemplares. A todo o alumnado ao que lle deu clase inculcoulle o seu profundo amor polo la lingua e a literatura galegas. A súa figura converte este ano Pontevedra no epicentro dos actos do Día das Letras Galegas.

A autora de Anagnórise naceu na provincia de Cáceres e estudou en Barcelona e Madrid pero Pontevedra, onde chegou en 1963 co seu marido, José Luís Llácer, é a cidade que a marcaría. A cidade pola que paseou e na que viviu practicamente o resto da súa vida e que este ano lle rendeu homenaxe no rueiro ao bautizar co seu nome unha das arterias de Campolongo, barrio no que residiu María Vitoria. Anteriormente, no 2006, o Concello de Pontevedra xa colocara unha placa na ponte da avenida de Vigo para lembrar a súa figura cunha das súas frases máis soadas: “As persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos”.

Libro de María Victoria Morena, escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018
Letrero de la calle Maria Victoria Moreno en Pontevedra

A historia de amor da escritora con Pontevedra e con Galicia xurdiu ao trasladarse á capital de provincia xunto co seu esposo, invidente, tras ser contratado no Colexio do ONCE. Aínda que a autora, pioneira na literatura infantil e xuvenil galega, deu clase dous anos en Lugo e catro en Vilalonga (Sanxenxo), sempre mantivo a súa casa na cidade bañada polo río Lérez. Aquí abriría, xunto a oito socias e socios, a librería Xuntanza, na que se vendían libros prohibidos pola censura, coma os de Castelao e os de Miguel Hernández, editados fóra de España.

Paixón pola lingua e a literatura galegas

María Victoria Moreno impartía no Instituto Feminino Literatura castelá pero dedicaba as tardes dos venres a instruír ao seu alumnado sobre as obras de autoras e autores galegos nun tempo no que o ensino da lingua autóctona estaba excluído nos centros escolares. Tamén promoveu a aprendizaxe do galego en cursos organizados pola asociación Amigos da Cultura de Pontevedra e mais en Vilagarcía de Arousa.

Nos seus últimos anos de vida, e tamén tras o seu falecemento no ano 2005, María Victoria Moreno recibiu numerosas homenaxes do sector cultural da cidade e do profesorado, que demostran que o agarimo que profesaba a Pontevedra era mutuo. O idilio e a simbiose continúan hoxe. A cidade será este ano a capital das Letras Galegas.

Libros de María Victoria Morena, escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas 2018
Placa conmemorativa a Maria Victoria Moreno en Pontevedra