Rías Baixas por moitas razóns
Buscador

Seis camiños, 8+1 festivais, enoturismo e excelencia turística: os eixos do destino Rías Baixas 2017

Nigrán, o 25 e 26 de agosto; e Cambados, o 9 de setembro, súmanse ao circuíto de Festivais Rías Baixas este ano; e a Deputación de Pontevedra promoverá na súa campaña 2017 tamén as seis rutas xacobeas que cruzan a provincia. O turismo relacionado coa cultura vitivinícola será igualmente obxecto de múltiples iniciativas e actividades, con Cambados, Cidade Europea do Viño, como insignia. A promoción do destino terá como lema "Por moitas razóns" e como elemento de promoción a institución provincial elixiu un xogo de matrioskas . Cada unha delas oculta as distintas razóns para visitar As Rías Baixas.

A promoción do destino en 2017 abarcará varios dos polos turísticos máis poderosos da provincia para captar visitantes nacionais e internacionais. A campaña céntrase nos camiños de Santiago que cruzan a provincia; os Festivais Rías Baixas; e o enoturismo, con Cambados como referente ao ser distinguida a vila como Cidade Europea do Viño. Ademais, a Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas apostan con forza pola excelencia turística. Explicámosche en detalle os eixos da campaña.

CAMIÑOS DE SANTIAGO

Caminos de Santiago

Se na Feira Internacional de Turismo celebrada en Madrid o pasado mes de xaneiro a Deputación impulsou como proxecto estrela a ruta portuguesa da Costa, agora a promoción amplíase aos demais itinerarios que cruzan As Rías Baixas por terra e mar: o Camiño Portugués tradicional, a Vía da Prata, o Camiño de Inverno, a Ruta do Mar de Arousa e do río Ulla, e a Ruta do Padre Sarmiento.

FESTIVAIS RÍAS BAIXAS

Festivales Rías Baixas

O circuíto festivaleiro proxéctase como unha gran aposta cultural, de lecer e gastronómica, coa importante novidade de que este verán haberá dúas novas citas: Vive Nigrán, o 25 e 26 de agosto; e o Festival Cidade Europea do Viño en Cambados, o 9 de setembro. Ambas se suman aos xa consolidados Atlantic Fest, Cultura Quente, PortAmérica, Sinsal Son Estrella Galicia, SonRías Baixas e O Marisquiño. O ano pasado os sete eventos congregaron a máis de 200.000 espectadoras e espectadores, e esta tempada a previsión é aumentar esa cifra.

ENOTURISMO

Cambados Ciudad Europea del Vino

A promoción non queda aí. A cultura do viño é outro campo que non podía faltar na campaña de 2017. A provincia é unha potencia no sector, co albariño, recoñecido mundialmente, como estandarte. A distinción de Cambados como Cidade Europea do Viño é un novo aval á excelencia dos caldos das Rías Baixas, e así quedará patente na proxección do destino. A localidade do Salnés programou case un centenar de actividades e a Deputación colabora en varias elas no terreo do turismo, deporte, patrimonio, igualdade e medio ambiente.

EXCELENCIA TURÍSTICA

Calidade Turística

Un cuarto eixo completa a campaña. A Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas apostan pola calidade turística. Son xa 203 as empresas e entidades que contan co certificado SICTED e a previsión é superar este ano as 250. O alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita, lembrou no acto celebrado esta mañá que a localidade é a segunda de España en número de distintivos "Q" de Calidade Turística.