#AgasallaRíasBaixas
Buscador

Rías Baixas, un agasallo para os sentidos

Cada vez son máis as persoas que optan por regalarlles experiencias a familiares e amizades: unha cea gourmet, un momento de relax, unha escapada… existen moitas posibilidades e, ademais, podes evocar a través delas as sensacións do destino Rías Baixas. Este Nadal #AgasallaRíasBaixas
#AgasallaRíasBaixas

Calquera que visitase algunha vez As Rías Baixas ou conte con referencias sobre o destino e teña intención de coñecelo asociará a provincia de Pontevedra cunha paisaxe determinada, un sabor ou unha vivencia. Estas evocacións son diferentes para cada persoa, pero o certo é que o destino se caracteriza por unha serie de trazos distintivos que o identifican e ao redor dos que parece haber consenso: Rías Baixas é bo comer e bo beber, é natureza, termalismo e diversión.

Este Nadal propoñémosche unha serie de ideas para que os teus agasallos sexan únicos, orixinais e deixen a pegada Rías Baixas no corazón dos seus destinatarios. A oferta é moi ampla e, ademais, adoita haber descontos e paquetes especiais con motivo das festas.

Gastronomía

As experiencias de alta gastronomía dirixidas por prestixiosos chefs están deseñadas para crear momentos de felicidade ao redor da mesa. A maioría dos nosos restaurantes con Estrela Michelin e do Grupo Nove ofrecen bonos ou menús degustación que poden adquirirse a través das súas páxinas web e converterse no agasallo perfecto. Do mesmo xeito, as adegas da Denominación de Orixe Rías Baixas organizan actividades de enoturismo que permiten gozar dos mellores caldos nunha contorna privilexiada.

Os sabores da tradición culinaria das Rías Baixas tamén toman corpo nos artigos con denominación de orixe e indicación xeográfica. Temos máis dunha vintena de produtos baixo marcas de calidade, desde hortalizas e conservas mariñas ata doces e licores. A estes súmanse especialidades artesás e gourmet que tamén apostan pola excelente materia prima da zona. Todos eles poden adquirirse no comercio local, en tendas especializadas e en grandes superficies comerciais. Tamén é posible adquirir cestas especiais de Nadal que reúnen unha selección dos mellores produtos Rías Baixas .

#AgasallaRíasBaixas
#AgasallaRíasBaixas

Turismo rural e termalismo

Se optamos por regalar escapadas, os aloxamentos de turismo rural da provincia de Pontevedra permitirannos pasar un Nadal en paisaxes de película. As casas rurais, especialmente en Noitevella, son unha elección cada vez máis común para reunións de grupo, polo que son habituais as promocións especiais. Que mellor regalo que empezar o ano de forma diferente?

Nas Rías Baixas tamén atoparás numerosos balnearios, centros de talasoterapia e spas que permiten regalar experiencias de relax e benestar. Os establecementos de termalismo  ofrecen masaxes, tratamentos de beleza e circuítos que se venden en bonos e paquetes para gozar en parella ou en familia. Sen dúbida, unha proposta ideal para as persoas que buscan tranquilidade.

Aventura e festivais

O destino Rías Baixas vai unido tamén á diversión e á aventura. A oferta de iniciativas é ampla e nestas festas materialízase en cartóns regalo que convidan a realizar, por exemplo, actividades acuáticas, parapente ou escalada.

Tamén lucirán espléndidas baixo a árbore de Nadal as entradas para calquera dos festivais #RíasBaixasFests que animarán os vilas e cidades da costa pontevedresa o próximo verán. Algúns deles xa anunciaron as primeiras confirmacións de bandas e promoven a compra anticipada de entradas con descontos especiais.

Son moitos os produtos e experiencias que teñen a capacidade de trasladarnos ao destino Rías Baixas a través dos cinco sentidos. Aquí mencionamos algúns que esperamos que vos sirvan de inspiración. #AgasallaRíasBaixas, sen dúbida estarás a regalar o mellor.