Rías Baixas, un destino cada vez más sostenible
Buscador

Rías Baixas, un destino cada vez máis sustentable

Con motivo da celebración do Día Mundial do Turismo, o 27 de setembro, propoñémosvos un repaso ás últimas accións da Deputación de Pontevedra para converter o turismo nas Rías Baixas nunha experiencia sustentable.

O turismo sustentable é unha tendencia en auxe que conxuga criterios ambientais, económicos e culturais para facer do turismo unha experiencia beneficiosa tanto para as viaxeiras e viaxeiros como para as comunidades anfitrioas. Presentámosche as últimas accións que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha para contribuír aos obxectivos marcados pola ONU no Ano do Turismo Sustentable para o Desenvolvemento.

No marco do seu compromiso ambiental, a Deputación de Pontevedra impulsou este verán unha campaña de concienciación e recollida de residuos durante a celebración do circuíto de festivais #RiasBaixasFests. Dado que os Festivais Rías Baixas teñen lugar en localizacións singulares, de gran beleza paisaxística e importancia patrimonial, a campaña buscaba que as e os asistentes se implicasen na correcta xestión dos residuos que se xeran neste tipo de eventos. Para iso, os festivais contaron con numerosos contedores de lixo e puntos de reciclaxe, ademais de grupos de informadores que, a modo de eco-patrullas, incentivaron ao público a participar na redución de residuos e no coidado da contorna.

RíasBaixasFests
RíasBaixasFests

Ademais, a institución provincial apostou por revalorizar os xacementos galaico-romanos da provincia, seguindo un modelo de turismo sustentable. As actuacións abordaron tres dimensións: social, económica e ambiental. Desde o punto de vista social a recuperación dos castros conseguiuse coa participación de todos os axentes implicados, desde institucións a comunidades de montes e poboación local. Economicamente trátase dun proxecto que contribúe á desestacionalización do turismo e á captación de novos visitantes a través da difusión de recursos de interese arqueolóxico, histórico e cultural. Desde o punto de vista ambiental recuperáronse espazos que se atopaban degradados ou abandonados, o que contribúe á conservación dos recursos naturais e á posta en valor da paisaxe como un elemento complementario.

Yacimietos en Rías Baixas
Yacimientos en Rías Baixas

A Deputación lanzou unha nova oferta de lecer nos castelos de titularidade provincial, apostando por proxectos de mobilidade sustentable como as sendas naturais do castelo de Sobroso e do de Soutomaior. A ruta circular do castelo de Sobroso, dun quilómetro, permite coñecer a diversidade ambiental do bosque atlántico e inclúe sete paneis tecnolóxicos con códigos QR que ofrecen información en varios idiomas sobre diferentes exemplares de árbores e plantas. Soutomaior conta con tres sendeiros sinalizados que percorren o xardín das camelias, os viñedos e o bosque que rodea o castelo.

Soutomaior
Sobroso

Tamén constitúe un caso de boas prácticas desde o punto de vista ambiental a programación das Depo Andainas, que discorren polos puntos máis emblemáticos da provincia. As Depo Andainas teñen por finalidade impulsar o turismo saudable e resaltar a riqueza cultural, ambiental e etnográfica dos espazos visitados. A iniciativa está a cultivar un grande éxito e as prazas para participar nas rutas esgótanse rapidamente en cada convocatoria.

DepoAndainas
DepoAndainas

Entre as próximas accións da Deputación en materia turística destaca a potenciación de experiencias de natureza con pouco impacto, como é o caso do turismo ornitolóxico. A provincia de Pontevedra é un dos principais destinos do territorio español para as persoas interesadas na observación de aves. Atrae desde hai anos un perfil de visitante respectuoso co medio que busca descubrir paraxes de gran beleza a través da ornitoloxía. Para dar a coñecer todo o potencial desta actividade, a institución provincial patrocinará a serie documental España, a terra prometida, que se emitirá a final de ano en Televisión Española e en distintas canles autonómicas.

Turismo responsable nas Rías Baixas

Gozar das Rías Baixas seguindo criterios ambientais e de responsabilidade social é posible coñecendo as alternativas e o lugar, xa que o destino ofrece numerosas propostas de lecer cun impacto reducido.

Xa mencionamos o turismo ornitolóxico ou birding, que conta nas Rías Baixas con catro enclaves de especial interese: as illas Cíes, o Complexo Intermareal Umia-O Grove, as Brañas de Xestoso e A Xunqueira de Alba. Estas zonas contan con miradoiros e observatorios físicos e con paneis informativos, que permiten iniciarse na actividade.

Ornitológico
Ornitológico

Ademais, cabe a posibilidade de explorar As Rías Baixas a pé, en grupos organizados coas Depo Andainas ou por conta propia, seguindo as sendas dos castelos. Tamén temos que facer referencia ao Camiño de Santiago, cuxa variante pola costa pontevedresa supón unha experiencia de turismo alternativo para miles de persoas que evitan o uso de vehículos contaminantes.

Camino de Santiago
Camino de Santiago

Moitas actividades en contacto coa natureza implican o coidado e respecto polo ambiente, xa que ás persoas que as practican se lles presupón unha sensibilidade especial co medio. É o caso das saídas micolóxicas ao monte, as actividades de escalada e barranquismo, a observación astronómica e o avistamento de cetáceos.

En conclusión, o turismo sustentable é un reto do que todas e todos podemos ser partícipes, non só as institucións públicas e os operadores privados, senón tamén as propias viaxeiras e viaxeiros coa nosa actitude e comportamento.

Ano do Turismo Sustentable para o Desenvolvemento

A ONU declarou o 2017 Ano Internacional do Turismo Sustentable para o Desenvolvemento, unha efeméride que fai fincapé en cinco aspectos:

- Crecemento económico inclusivo e sustentable

- Inclusión social, emprego e redución da pobreza

- Uso eficiente dos recursos, protección ambiental e cambio climático

- Valores culturais, diversidade e patrimonio

- Comprensión mutua, paz e seguridade

A data máis significativa desta conmemoración, o 27 de setembro, coincide co Día Internacional do Turismo, que se celebra desde 1980. Os festexos oficiais terán lugar en Qatar e simultaneamente en numerosas cidades de todo o mundo, entre elas Pontevedra, xa que a Deputación ten previsto organizar un espectáculo polas rúas da zona vella para sensibilizar sobre a necesidade de apostar por un turismo responsable.