Rutas en moto por As Rías Baixas
Buscador
165 km aprox.

InicioInicio: A Guarda  

Esta ruta comeza na Guarda, unha pequena localidade situada no punto máis ao sur das Rías Baixas. Á beira desta vila, o río Miño; ao outro lado, Portugal. Antes de iniciar a túa ruta en moto recomendámosche que visites o xacemento arqueolóxico de Santa Trega, un dos recursos turísticos e culturais máis visitados de Galicia e cuxos restos máis antigos se remontan ao s. IV a. C. 

A Guarda
Santa Trega

Punto de interésPunto de interese: muíños do Folón e do Picón  

Os muíños do Folón e do Picón, aos que chegarás desde A Guarda pola PO-353, forman parte do rico patrimonio etnográfico das Rías Baixas e constitúen unha primeira parada perfecta nesta viaxe. A paraxe natural que os rodea é fascinante e retrata á perfección a beleza natural da comarca do Rosal. 

Molinos Folón e Picón
Molinos Folón e Picón

Punto de interésPunto de interese: pozas de Mougás 

Empeza a familiarizarte co océano Atlántico a través de estradas con impresionantes cantís e vistas ao mar. Recomendámosche que te dirixas ás pozas de Mougás, en Oia, a través da estrada Baiona-A Guarda (PO-552). Trátase dunha paraxe natural única na que poderás gozar do espectacular percorrido que ofrece a auga, de importantes restos dunha fortificación castrexa, coma o castro da Cabeciña, e dunha valiosa arquitectura relixiosa, coma o mosteiro de Santa María de Oia, fundado en 1137. 

Pozas de Mougás
Pozas de Mougás

InicioParada: Baiona  

Sigue gozando do aire mariño e da espectacular paisaxe pola estrada Baiona-A Guarda (PO-552) ata chegar a Baiona, unha preciosa e elegante vila mariñeira protexida do mar por unha baía na que se atopa a formidable fortaleza de Monterreal, hoxe convertida en Parador Nacional. A súa riqueza patrimonial é tal que a súa zona vella foi declarada Conxunto Histórico-Artístico. A parada é obrigatoria! 

Baiona
Baiona

InicioParada: Vigo  

O seguinte alto nesta ruta é Vigo, a cidade máis grande de Galicia. Podes chegar a ela por varios camiños, pero recomendámosche que sigas pola PO-552 para gozar dunha paisaxe inesquecible coroada polas maxestosas illas Cíes. A localidade ofrece multitude de plans para facer e lugares para descubrir. Recomendámosche que visites o monte do Castro, no centro e punto máis alto da cidade. Aproveita para coñecer o seu xacemento, con restos castrexos dos s. II a. C e III d. C., e para fotografar as espectaculares vistas que ofrece este parque. 

Vigo
Vigo

Ademais! Se decides quedar máis tempo, colle o barco e visita as illas Cíes, que forman parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. Poderás gozar da denominada mellor praia do mundo, Rodas, dunha beleza natural á que terminarás por chamar paraíso. 

Punto de interésPunto de interese: Redondela 

Redondela conta cun rico patrimonio histórico, cultural e natural. Desde aquí poderás contemplar a ponte de Rande, que no seu momento foi a ponte atirantada máis longa do mundo. No fondo da ría atópase a enseada de San Simón, que alberga o arquipélago do mesmo nome, formado por catro illas cargadas de historia e lendas populares e onde se fraguou a famosa batalla de Rande. Aquí tamén se atopa o coñecido como o mellor banco do mundo, ao que poderás achegarte primeiro coa túa moto e logo a pé por un empedrado camiño que paga a pena superar. Para chegar a Redondela desde Vigo, primeiro toma a PO-323 cara a Chapela e máis tarde, antes de chegar á ponte de Rande, desvíate cara á N-552 en dirección Redondela. 

Redondela
Redondela

InicioParada: Pontevedra  

Desde Redondela diríxete cara a Pontevedra pola N-550. Esta preciosa cidade, capital da provincia, é un conxunto histórico-artístico enmarcado nunha antiga zona amurallada que posúe unha das zonas antigas mellor conservadas de Galicia. O mellor que podes facer é aparcar a túa moto (case todo o centro é peonil) e perderte entre as súas rúas, pola zona vella da cidade, gozando das casas e os pazos, as prazas e os pequenos recunchos. Unha recomendación: visita a igrexa da Peregrina, xoia do Barroco, coa súa planta en forma de vieira (símbolo do Camiño de Santiago). 

Pontevedra
Pontevedra

InicioParada: Sanxenxo  

Internámonos na ría de Pontevedra coa seguinte parada desta ruta, Sanxenxo, unha das cidades de veraneo de máis sona das Rías Baixas, á que chegarás pola PO-308. Recomendámosche que goces da ampla oferta de lecer que ofrece a cidade, sobre todo nocturno, e que coñezas as praias de Areas e Silgar. Se tes tempo, visita o Centro de Interpretación As Telleiras, aloxado nunha antiga fábrica na que se elaboraban tellas e ladrillos de forma artesanal. Hoxe en día conserva a súa estrutura de nave industrial e os antigos fornos de granito. 

Sanxenxo
Sanxenxo

Punto de interésPunto de interese: A Lanzada  

Ao redor de Sanxenxo existen numerosos puntos de interese, coma A Lanzada (PO-308), cunha paisaxe que te cativará. Notarás que o espírito surfeiro o invade todo, e é que esta praia é unha das máis famosas de Galicia. É imprescindible que a visites e que te atrevas a practicar algún deporte acuático para aproveitar as súas grandes ondas e as súas inmellorables correntes de aire. 

A Lanzada
A Lanzada

Punto de interésPunto de interese: O Grove  

Entra na pequena península do Grove outra vez pola PO-308 e empeza a gozar das paisaxes mariñas máis espectaculares. A un lado, a ría de Pontevedra; ao outro, a enseada do Bao, declarada Zona Húmida de Importancia Internacional pola súa riqueza natural. Percorre a península de punta a punta pola EP-9101, empezando en San Vicente do Mar, onde podes contemplar a praia do Espiño, e acabando no Complexo Intermareal Umia-O Grove, un espazo natural protexido no que se atopan as salinas que deron nome á comarca: O Salnés. 

O Grove
O Grove

InicioParada: Illa da Toxa  

Desde O Grove non deixes de coñecer a Illa da Toxa, con acceso a través da súa ponte. Visita a ermida de San Sebastián, que lles rende culto a san Caralampio e á Virxe do Carme e que posúe unha fachada cuberta completamente de cunchas. Recomendámosche que percorras tranquilamente o paseo marítimo que rodea a illa. Conquistarate coas súas vistas da ría! 

Isla de A Toxa
Isla de A Toxa

Punto de interésPunto de interese: Cambados  

Para chegar a Cambados desde A Toxa abandona a península do Grove e toma a PO-550.

Cambados é un dos municipios máis importantes da comarca. Coñecida como a capital do albariño, esta vila é famosa pola súa Festa do Albariño, fundada en 1953 e declarada de Interese Turístico Nacional. Celébrase cada primeira fin de semana de agosto, pero se a túa viaxe non coincide nestas datas, tes máis cousas para visitar. Recomendámosche a súa Rede de Museos, integrada polo Museo Etnográfico e do Viño, a casa-museo do poeta cambadés Ramón Cabanillas, o Muíño de Mareas da Seca e a Casa-Museo do Pescador. Propoñémosche tamén unha visita á praza de Fefiñáns, formada polo espectacular pazo de Fefiñáns, o arco-ponte, a torre da Homenaxe e a igrexa de San Bieito. Para chegar a Cambados desde A Toxa abandona a península do Grove e toma a PO-550. 

Cambados
Cambados

InicioParada: A Illa de Arousa  

Entramos na ría de Arousa e dirixímonos á Illa de Arousa pola PO-549 ata chegar á PO-309, onde se atopa a ponte que conecta esta illa coa península. A Illa de Arousa, corazón da ría que leva ese mesmo nome, é unha reserva natural con 36 quilómetros de costa, dos que 11 son de praia de area fina e branca. Os lugares de maior interese e de obrigada visita son o faro de Punta Cabalo, o illote Areoso (aparca a moto e, se tes oportunidade, sube ao barco) e o Parque Natural de Carreirón, catalogado como Zona de Especial Protección de Aves polas poboacións de garza real, entre outras moitas. Sen dúbida, un paraíso natural que te deixará coa boca aberta!

A Illa de Arousa
A Illa de Arousa

Punto de interésPunto de interese: Vilagarcía de Arousa  

Suxerímosche que te dirixas cara a Vilagarcía de Arousa pola PO-549, bordeando a costa e admirando a paisaxe. Unha vez na localidade, planifica ben o teu día, xa que tes moitas cousas por ver, coma, por exemplo, o pazo de Rubianes, unha fermosa construción con gárgolas nas cornixas e un xardín no que destacan as magnolias e máis de sesenta variedades de camelia. Tampouco podes deixar de visitar o castro Alobre, no centro da cidade, ou os petróglifos dos Ballotes (colle primeiro a PO-548 e, ao chegar ao Carril, toma o desvío PO-192), representacións de arte rupestre gravadas na rocha que datan do segundo milenio a. C. 

Vilagarcía de Arousa
Vilagarcía de Arousa

InicioÚltima parada: Catoira  

A última parada desta ruta é Catoira (toma a PO-548). Únense aquí a desembocadura do río Ulla e a ría de Arousa. Debido a esta situación privilexiada as temperaturas son suaves case todo o ano. A súa contorna natural é un dos seus principais atractivos: paisaxes de bosques espesos, marismas, praias fluviais… Pero son os muíños de vento a máxima atracción, xa que Catoira é o único municipio de Galicia que posúe exemplos dos tres tipos de muíño tradicionais. O símbolo máis emblemático desta localidade foron desde sempre as Torres de Oeste, un conxunto fortificado ideado no s. IX que estaba integrado no sistema defensivo de Santiago de Compostela. Durante séculos resistiron os ataques dos exércitos normandos e dos piratas sarracenos. Non o podes perder! 

Catoira
Catoira

Ademais! Xa que é a túa última parada, dáte un capricho e goza da mellor gastronomía galega. Que non falte o polbo, a empanada, o lacón, os pementos de Padrón e, por suposto, unha mariscada con todo o bo das Rías Baixas!