Buscador

SICTED

Que é o distintivo Compromiso de Calidade Turística?

Mellorar a experiencia da persoa visitante é a finalidade principal do Sistema Integral de Calidade Turística Española en Destinos (SICTED), un proxecto da Secretaría de Estado de Turismo ao que está adherida a Deputación de Pontevedra a través do destino Rías Baixas-provincia de Pontevedra. Esta formulación engloba tanto os servizos ofrecidos polos compoñentes da oferta turística (hoteis, restaurantes, axencias de viaxes…) coma aqueles que, sen selo estritamente, contribúen á formación da experiencia turística nun destino.

Así, o distintivo Compromiso de Calidade Turística busca favorecer un nivel de calidade homoxéneo nos servizos ofrecidos por un mesmo destino ao turista, de modo que este teña unha percepción e satisfacción global dos diversos axentes que o compoñen.

Por esta razón o SICTED valora e acredita a calidade dun total de 32 servizos turísticos diferentes, oficios que ven así recoñecido o seu esforzo e compromiso coa calidade. Do mesmo xeito, este distintivo representa unha vantaxe competitiva e de diferenciación fronte a outros axentes do sector.

Cales son os seus beneficios xerais?

Este sistema integral e permanente de xestión da calidade dun destino turístico presenta distintas vantaxes para o destino e servizo acreditado. No caso do primeiro, permite:

  •  Establecer unha estrutura de xestión permanente que vele polo incremento da competitividade das empresas turísticas do destino
  •  Ofrecer un nivel de calidade homoxéneo en todos os servizos turísticos, para favorecer así a satisfacción das e dos turistas e fomentar a súa fidelización
  • Incrementar a implicación e participación do sector empresarial no desenvolvemento turístico do destino

Pola súa banda, respecto das empresas ou servizos, o SICTED permite:

  • Mellorar a xestión interna, especialmente nos procesos relacionados coa satisfacción do cliente
  • Incrementar a cualificación do equipo mediante o plan formativo
  • Participar no maior proxecto de calidade turística desenvolvido en España, xunto con máis de 5.700 empresas
  • Recibir asistencia técnica que ofrece apoio para a mellora

No caso concreto do destino Rías Baixas, que nos achega?

No caso do destino Rías Baixas a Deputación de Pontevedra ofrécelles ás empresas e servizos turísticos participantes un proxecto de asesoramento e formación continua que se complementa coa análise de cumprimento dos estándares de calidade requiridos, así como da proposta de posibles melloras de cara á obtención, de modo totalmente gratuíto, do distintivo Compromiso de Calidade.

A estes beneficios súmase a integración nas diversas campañas de promoción impulsadas no marco deste programa. Entre elas figuran:

  • Insercións publicitarias
  • Difusión a través de redes sociais
  • Presenza en portais de referencia do sector turístico: www.calidadendestino.es e a páxina web de Turismo Rías Baixas
  • Evento de entrega de diplomas acreditativos

Como podo participar no SICTED-Rías Baixas?

O distintivo Compromiso de Calidade Turística presenta unha validez bienal, condicionada a unha avaliación anual de seguimento e á superación de avaliacións completas. Para acadalo a empresa ou servizo turístico debe obter unha valoración positiva dos requisitos fixados.

En primeiro lugar, o axente turístico interesado debe desenvolver a súa actividade no destino Rías Baixas-provincia de Pontevedra; exceptúanse as empresas/servizos turísticos pertencentes aos concellos de Baiona e Sanxenxo, destinos que contan co seu propio ente xestor.

Por outra banda, o servizo prestado polo axente debe poder englobarse nun dos 32 oficios avalados por este compromiso:

  • Adegas
  • Albergues
  • Aloxamentos rurais
  • Artesáns
  • Atraques de cruceros e ferris
  • Axencias de viaxe
  • Bares e cafeterías
  • Cámpings
  • Campos de golf e campos de pitch & putt
  • Comercios
  • Convention bureaus
  • Empresas de aluguer de vehículos e embarcacións de recreo
  • Empresas de transporte turístico
  • Empresas de turismo activo
  • Escolas de español para persoas estranxeiras
  • Espazos naturais protexidos
  • Estacións de esquí e montaña
  • Guías turísticos
  • Hoteis e apartamentos turísticos
  • Museos e centros de interese turístico
  • Oficinas de información turística
  • OPC
  • Outros servizos
  • Palacios de congresos
  • Portos deportivos
  • Praias
  • Restaurantes e empresas turísticas de cátering
  • Seguridade cidadá
  • Servizos de limpeza
  • Servizos turísticos de saúde
  • Taxis
  • Turismo industrial

Manual de boas prácticas: modelo de actuación e avaliación

Coa intención de favorecer un nivel de calidade homoxéneo entre os distintos axentes do destino turístico promóvense manuais de boas prácticas (MBP). Nestes documentos, un por cada un dos 32 oficios, recóllese un código de actuación por parte do establecemento. O cumprimento destas boas prácticas configúrase como un dos requisitos para a obtención do acreditativo de calidade.

Deste xeito, os MBP representan un modelo de actuación para o axente turístico e tamén un sistema de avaliación.

O SICTED hoxe en Rías Baixas: establecementos con calidade acreditada

O distintivo Compromiso de Calidade Turística supón unha oportunidade de consolidación de Rías Baixas como un destino referente en calidade turística, para mellorar o posicionamento do propio destino e dos servizos ofrecidos.

Na actualidade son 203 as empresas da provincia de Pontevedra recoñecidas polo SICTED desde a primeira acreditación, recibida en 2006.

Máis información

Turismo Rías Baixas:

Praza de Santa María, s/n, 36071 Pontevedra
Teléfono: 986 804 100
Correo electrónico: sicted.riasbaixas@depo.es ou tabalde@bio.auren.es

 

Publicador de contidos Publicador de contidos