Rías Baixas Somos Historias
Buscador
María VinyalsMaría Vinyals e a súa nai, Agustina Ferrés, nos xardíns do castelo do marqués de Mos, en Soutomaior
Fotos Museo de Pontevedra

As pedras do maxestoso castelo de Soutomaior viron crecer a María Vinyals (1875-1940), unha muller adiantada ao seu tempo, culta e firme defensora da educación para as mozas sen acceso ao ensino, nunha época na que os seus dereitos eran escasos.

Convertida en marquesa de Ayerbe tras o seu primeiro matrimonio, a nobre naceu e pasou a súa infancia na histórica fortaleza do val do río Verdugo. Ao longo da súa vida trabou amizade con outras destacadas mulleres da súa época, coma Emilia Pardo Bazán ou Carmen de Burgos, e foi, ademais, unha gran viaxeira. Aínda que viu moito mundo nunca esqueceu as súas orixes e confesouse sempre unha namorada da súa terra, sobre cuxa beleza escribiu, do mesmo xeito que sobre o castelo e as xestas históricas na súa contorna.

Allá en el mar, de Carboeiro y Rande

Las puntas se descubren; poder grande

Evocan sus ruinosas fortalezas

Que supieron vencer entre proezas

Al invasor inglés

(Ante el castillo de Sotomayor)

 

A actividade de María Vinyals a favor da muller foi incansable. O Centro Iberoamericano de Cultura Popular Feminina, do que foi fundadora, desenvolveu un intenso labor educativo. Precursora do feminismo, a súa militancia socialista, pertencendo á nobreza, valeulle o sobrenome de marquesa Roja. En recoñecemento ao seu labor en defensa da muller, a Deputación de Pontevedra púxolle á súa Escola de Igualdade, situada no castelo de Soutomaior, o nome de María Vinyals.

María VinyalsMembros da familia Riestra comparten afeccións e conversa nun dos salóns da súa casa na Caeira (Poio) con varios amigos. Na imaxe aparecen María Vinyals e o seu marido, o marqués de Ayerbe, xunto a Francisco, Teresa e Raimundo Riestra, Rosario Federico e a marquesa de Riestra
María VinyalsO marqués de la Vega de Armijo sentado nun banco do xardín do castelo do marqués de Mos, en Soutomaior, acompañado do marqués de Ayerbe (segundo pola esquerda) e a súa muller, María Vinyals (primeira pola dereita). Ao lado da marquesa de Ayerbe sitúase un home que podería ser o doutor Lluria. A muller sentada á esquerda do marqués de la Vega de Armijo é Agustina Ferrés, nai de María Vinyals. O neno é Antonio Jordán de Urríes Vinyals, fillo dos marqueses de Ayerbe

Políglota (sabía falar cinco idiomas), sobresaía en disciplinas coma historia, pintura e literatura, e publicou artigos en xornais coma El Imparcial, Blanco y Negro, El Fígaro e a prensa galega. Pero, ademais, Vinyals é autora de El castillo del Marqués de Mos en Sotomayor. Apuntes históricos, un completo traballo dedicado á fortaleza pola que corricou de nena. Precisamente outro dos aspectos destacables da súa vida é o labor que realizou para que o recinto pasase de ser un edificio defensivo a un espazo de intercambio creativo, así como para dotalo de protección cultural e natural.

Os seus escritos sobre a beleza da provincia e o seu compromiso social converten a María Vinyals nunha perfecta embaixadora do destino Rías Baixas. Décadas despois, a súa obra e legado permanecen vivos.

María VinyalsMaría Vinyals, marquesa de Ayerbe, acompañada dunha muller e dun home, na galería do castelo do marqués de Mos, en Soutomaior