Rías Baixas Somos Historias
Buscador

Os viquingos do século XXI que desembarcan en Catoira xa non buscan os tesouros de Compostela: queren festa. Baiona regresa en marzo a 1493 para recrear a noticia do Descubrimento. Veciñas e veciños de Ponteareas locen ante o mundo as súas espléndidas alfombras florais do Corpus Christi. E en Sabucedo (A Estrada) os aloitadores e aloitadoras rapan cada ano as crinas das bestas nunha loita épica e coral. As catro, marca distintiva dos eventos lúdicos populares da provincia de Pontevedra, foron declaradas Festas de Interese Turístico Internacional. Pero hai moitos máis: ata 47 festas están distinguidas a distintos niveis.

Aquí mostrámosvos as de rango internacional e nacional:

  • Festa da Arribada
    Festa da Arribada A festa medieval por excelencia, celebrada en Baiona, recrea o anuncio do descubrimento de América tras a chegada, o 1 de marzo de 1493, da Carabela A Pinta con Martín Alonso Pinzón ao mando. Cabaleiros, artesáns, ferreiros, bufóns, mesoneiros, cíngaras e outros personaxes da época toman a Real Vila, á que acoden decenas de miles de persoas para divertirse nesta espectacular viaxe no tempo.
  • Corpus Crhisti
    Corpus Crhisti A tradición de confeccionar pequenas alfombras ao paso da procesión do Corpus en Ponteareas, de principios do século XIX, converteuse nunha gran festa turística de arte efémera na que colaboran todas as veciñas e veciños. Máis de 5.000 metros cadrados de colorido pavimento floral engalanan a vila tras esfollaren a flor colleitada durante todo o ano. Unha festa para gozar coa vista, o tacto e o olfacto.
  • Rapa das Bestas
    Rapa das Bestas O espectáculo que atrae a fotógrafos e fotógrafas de todo o mundo pola súa vistosidade nace da tradición do século XVIII de desparasitar as bestas. Os aloitadores e aloitadoras de Sabucedo (A Estrada) non utilizan nin cordas nin varas nin ningún outro instrumento para reducir os cabalos senón que o fan coa súa propia mestría e forza. As manadas pacen libres no monte durante todo o ano.
  • Romería Vikinga
    Romería Vikinga Os viquingos, a bordo dos seus drakkars, desembarcan cada verán con sede de festa ao pé das Torres de Oeste, en Catoira. Milleiros de persoas acoden cada ano ao espectáculo teatral, que rememora un episodio con máis de mil anos de historia. O evento é un símbolo de numerosos pobos da Europa Atlántica vinculados ás incursións viquingas.
  • Festa do Albariño
    Festa do Albariño A grande homenaxe ao príncipe dos viños galegos, o Albariño, atrae a Cambados a decenas de miles de persoas. A súa orixe remóntase a un concurso entre adegas da zona, coincidindo coa festividade da Virxe da Pastora, patroa da vila do Salnés. Hoxe é unha festa con gran prestixio, coma os caldos da Denominación de Orixe Rías Baixas, e mostra a estreita vinculación de Cambados coa cultura vitivinícola a través de decenas de actividades en todos os ámbitos.
  • Feira do Cocido
    Feira do Cocido Lalín é a capital mundial do Cocido no inverno. A festa empezou en 1968 como unha xornada de exaltación gastronómica, e co tempo prolongouse o evento ata abarcar todo un "Mes do Cocido". A vila da comarca de Deza convoca a decenas de miles de persoas para degustar o saboroso manxar, unha receita cunha ducia de ingredientes, que, perfectamente combinados, pon sobre a mesa o mellor cocido.
  • Festa da Lamprea
    Festa da Lamprea A ancestral lamprea, un dos peixes máis primitivos da terra con 500 millóns de anos de antigüidade, baixa polo Miño ao mar e remonta o río ao final da súa vida para morrer. En Arbo celébrase a festa de degustación de referencia deste prezado manxar. Prepárase en diferentes variedades e o evento é tamén un escaparate dos produtos de calidade da comarca do Condado-Paradanta.
  • Festa do Marisco
    Festa do Marisco O mundo do mar e o da hostalería, os dous sectores estratéxicos do Grove, conflúen neste evento creado en 1963 no que se mostran os mellores produtos da ría de Arousa. Miles de persoas se dan cita na gran carpa instalada no entorno do porto e abarrotan tamén os restaurantes da vila, nun auténtico festín multitudinario dos mariscos con máis calidade en todo o mundo.
  • Festa da Auga
    Festa da Auga Os romeus e romeiras de San Roque acudían a refrescarse despois da procesión para aliviaren a calor do verán, e ese costume derivou nun grande acontecemento lúdico. A festa pagá asociada aos actos relixiosos reúne cada verán a miles de persoas. A lectura do pregón dá paso a unha ducha colectiva nas rúas coa axuda do corpo de bombeiros, protección civil e as veciñas e veciños armados desde xanelas e balcóns con caldeiros e mangueiras.