cabecera_camelia
Buscador
O té, a bebida máis antiga elaborada polo home, está feito a partir de follas de Camellia sinensis
O aceite obtido das sementes dalgunhas especies de camelia é un dos máis saudables do mundo

A camelia, que engalana toda a provincia de Pontevedra e As Rías Baixas, é moito máis que unha preciosa planta decorativa. As súas propiedades son moi diversas, e os seus usos, amplos e variados. O té, unha bebida universal, elabórase desde hai cinco mil anos a partir de follas coñecidas na China e Vietnam co nome de chá, en realidade Camellia sinensis. Ademais, o aceite obtido a partir das sementes dalgunhas camelias é o máis saudable do mundo, con beneficios similares e mesmo superiores aos do aceite de oliva, segundo explica nun detallado artigo a experta Carmen Salinero, presidenta da Sociedade Española da Camelia. Xabón, xampú, cosméticos, quitaesmaltes e medicamentos teñen tamén como base este aceite obtido das sementes dalgunhas especies deste xénero botánico tan estendido nas Rías Baixas.

O té

O té é a bebida máis antiga preparada polo home. O seu consumo na China remóntase ao ano 3.000 a. C., impulsado polo emperador Shen Nung; e a primeira publicación coñecida sobre métodos de cultivar, elaborar e tomar o té en Asia data do 300 d. C. Algúns documentos no século VIII acreditan o costume de bebelo no Xapón. No século XII xa se estendera a Corea, e cen anos despois consumíase en Filipinas, Xava e na India. O salto a Europa non se produciría ata o século XVI, co colonialismo primeiro portugués e despois español. En Inglaterra hai referencias ao té en 1615, explica Salinero.

Todos os tipos de té proceden da mesma planta, aínda que o proceso para obter esta bebida a partir das follas de Camellia sinensis pode dar lugar a catro tipos de té: branco, verde, semifermentado e negro. Ao longo da historia foise modificando o modo de preparación. A elaboración como infusión, mediante o engadido de auga fervendo sobre as follas e axitando cunha vara de bambú, implantouse durante a dinastía Ming (de 1368 a 1644). En períodos anteriores obtíñase, primeiro, mediante decocción de follas enteiras e maceradas fervidas en leite e, despois, machucando as follas prensadas en pastillas ata lograr un po fino que se removía con auga fervendo ata producir un líquido espumoso.

A tradicional bebida, cualificada por Lao Tse –pai do Taoísmo– como o "elixir da inmortalidade", é, ademais, moi saudable, e os seus múltiples beneficios van desde o coidado bucal ata a prevención de distintos tipos de cancro (páncreas, próstata, colon, esófago e boca), enfermidades cardíacas, apoplexías e colesterol.

Aceite

O aceite de camelia utilízase con varias finalidades, desde a culinaria ata a cosmética e terapéutica. O seu sabor e aroma como produto para a cociña son lixeiramente similares aos do té. A obtención realízase mediante o prensado en frío das sementes da planta. As especies que producen máis aceite e de mellor calidade son Camellia oleífera, C. japónica e C. sasanqua; na China obtéñense preto de 200.000 toneladas de sementes de camelia ao ano.

O aceite de camelia, que empezou a ser consumido desde a dinastía Sui en China (600 a. C.), é rico en vitaminas A, B, D e E, e, aínda que as súas propiedades son moi similares ás do aceite de oliva, os beneficios son aínda maiores debido, entre outros factores, á presenza de ácidos araquidónico e mirístico.

Cosméticos

A alta concentración de ácidos graxos confire ao aceite de camelia unha importante utilidade tamén como cosmético, xa que axuda a restablecer a elasticidade e suavidade da pel. A camelia é hidratante, nutritiva ou rexeneradora e pode utilizarse en peles sensibles ou con problemas coma dermatite ou psoríase, por exemplo. Destaca, mesmo, como protectora de cabelo e uñas. Ademais, regula a secreción sebácea, desbloqueando poros e hidratando a pel, previndo así a formación de grans. Estas calidades fan que diversas marcas da industria cosmética empreguen o aceite de camelia na elaboración de cremas, xampús e esmaltes de uñas.

A camelia está nos xardíns pero tamén forma parte da nosa vida diaria.